Prusia (en antigo prusiano: Prūsa, en alemán: Preußen, en latín: Borussia) é unha rexión histórica do leste de Europa situada nos confíns das actuais Polonia e Rusia, centrada na baía de Gdańsk na costa sueste do mar Báltico e que se estendía no interior até a Masuria.

Modelo:Xeografía políticaPrusia

Localización
lang=gl Editar o valor em Wikidata Mapa
 53°51′00″N 20°49′00″L / 53.85, 20.81667Coordenadas: 53°51′00″N 20°49′00″L / 53.85, 20.81667

Prusia no contexto das tribos bálticas contra o ano 1200.
Mapa do Territorio de Memel, a Prusia Oriental e a Cidade Libre de Danzig (1923-1929).
A provincia de Prusia dentro do Reino de Prusia, no seo do Imperio alemán en 1871.

O seu nome vén dunha deformación do dun dos seus pobos autóctonos, os borusios ou prusianos, de orixe báltica.

A rexión foi colonizada e xermanizada polos cabaleiros teutónicos nos séculos XI e XII que a disputaron durante moito tempo aos polacos.

Distínguese unha Prusia Oriental e unha Prusia Occidental, que foron reunidas temporalmente nunha Provincia de Prusia do Imperio alemán.

O seu territorio divídese hoxe entre o nordés de Polonia (Varmia e Masuria), o enclave ruso da óblast de Kaliningrado e o oeste de Lituania (Territorio de Memel).

O antigo estado alemán de Prusia (15251947) deriva o seu nome desta rexión.

Xeografía editar

Prusia esténdese a carón do litoral báltico, e ten un relevo maioritariamente chan (de feito, o nome de "Polonia" vén da palabra eslava polié, que significa "chaira"). O punto máis baixo encóntrase en Raczki Elblaskie, en Polonia (1,8 m baixo o nivel do mar). Abundan as zonas lacustres, especialmente en Masuria, onde ocupan o 12 % da súa superficie total.

O solo de Prusia está formado polo Escudo Báltico e a Chaira Sármata. A inclinación do terreo é de sur a norte, é dicir, cara ao mar Báltico.

Ríos, lagos e costa editar

Ríos editar

 
Confluencia do Bug e o Vístula.
 
O río Oder en Szczecin.
 
Costa da baía de Puck (Zatoka Pucka).
 
A temperatura media no verán durante o día ao nivel do mar ao longo da costa báltica é de 22 °C.

Os principais ríos que atravesan a rexión, e desembocan no Báltico, son o Vístula e o Oder o Vístula (en polaco, Wisła), de 1.047 km de lonxitude, que baña ao redor da metade do territorio, e que nace moi ao sur, nos montes Tatra (Cárpatos), cruza as rexións da Pequena Polonia e Mazovia, pasando por Cracovia e Varsovia, as dúas capitais que tivo Polonia. Na súa desembocadura forma un delta.

O Oder (en polaco, Odra) ten unha lonxitude de 854 km, e o seu principal afluente e o Warta (en alemán Warthe), de 808 km de percorrido; Oder e Warta forman unha conca hidrográfica que drena a rexión histórica, afluíndo ás baías o norte de Szczecin.

A porción final das concas do Vístula e do Oder comprende a maior parte da rexión, que está percorrida por un sistema de ríos que principalmente se unen ao Vístula desde o leste. Estes ríos son propios da chaira. Son navegábeis en moitos treitos. Ademais, hoxe están unidos por canles. Pero o efecto de drenaxe nunha gran parte do territorio é débil, especialmente na rexión lacustre. O predominio de zonas pantanosas, o nivel do terreo e os pequenos lagos impiden un movemento de auga a grande escala. Os ríos teñen un réxime de dous períodos de gran caudal ao ano. O primeiro débese ao desxeo na primavera, o que incrementa o volume dos ríos na chaira; o segundo está causado polas chuvias intensas de xullo.

Lagos editar

Na rexión encóntranse numerosos lagos de orixe glaciar (orixinados na glaciación de Würm). Os máis deles están en Masuria, na que ocupan o 12 % da súa superficie total, pero tamén os hai en Pomerania. A porción nordeste, á que se chama distrito dos lagos, está escasamente poboada porque lle faltan recursos para a agricultura e a industria.

Costa editar

O litoral encóntrase, como quedou dito, no mar Báltico, entre a desembocadura do Oder e a lagoa de Crulandia, pasando pola baía de Danzig e a lagos do Vístula. É unha costa baixa e areosa. Fáltanlle portos naturais, excepto os de Szczecin, no noroeste, nas bocas do Oder, e o de Gdańsk, na desembocadura do Vístula. Hai un porto artificial, Gdynia, construído tras a primeira guerra mundial.

Clima editar

As pautas meteorolóxicas a curto e longo prazo da rexión son de transición e variábeis pola colisión de diversas masas de aire por riba da superficie do país. O aire mariño móvese cruzando Europa occidental, o aire ártico barre desde o océano Atlántico Norte e o aire subtropical chega desde o océano Atlántico Sur.

Aínda que o aire ártico domina durante gran parte do ano, a súa conxunción con correntes máis cálidas modera as temperaturas e xera considerábeis precipitacións, nubes e néboa. O clima é frío, moi rigososo en inverno. A primavera chega lentamente en marzo ou abril, traendo principalmente días soleados despois dun período alternando condicións invernais e primaverais. Os veráns, que se estenden desde xuño até agosto, é xeralmente menos húmido que o inverno; son suaves, con temperaturas que varían entre os 15º e os 25 °C. Os chuvascos e as tormentas alternan con tempo seco e soleado, que se produce cando prevalecen os ventos do sur. A principios do outono o tempo é xeralmente soleado e temperado, antes dun período chuvioso e máis frío en novembro, ren que comenza a transición ao inverno. O inverno máis cru, que pode durar dun a tres meses, trae frecuentes tormentas de neve. O rango de temperaturas medias é de 6 °C. A costa báltica, influída por moderados ventos do oeste, ten veráns máis frescos e invernos máis temperados. Nas zonas ao longo do Vístula entre Varsovia e o mar Báltico e o extremo noroeste, a media de precipitacións é de menos de 500 mm.

Medio ambiente editar

O bioma dominante é o bosque mixto báltico. A principal característica natural son as inundacións. Os problemas medioambientais melloraron moito desde o ano 1989 debido ao declive da industria pesada e á crecente concienciación ecolóxica nos gobernos posteriores ao comunismo. A contaminación atmosférica, porén, segue a ser un serio problema debido ás emisións de dióxido de xofre de fábricas alimentadas por carbón, e a chuvia ácida resultante causou danos no bosque. A contaminación da auga por residuos industriais e urbanos é tamén un problema, como a forma de dispoñer dos residuos tóxicos. Os niveis de contaminación deberían seguir diminuíndo conforme as estruturas fabrís se vaian adaptando aos estándares da Unión Europea.

Xeografía humana editar

 
A Igrexa de Cristo Rey en Gdańsk.

As zonas lacustres e forestais están pouco poboadas. O principal grupo étnico é o dos polacos, do tronco eslavo. Actualmente é máis homoxéneo que antes da segunda guerra mundial, pois hai que ter en conta que durante a guerra morreron varios millóns de persoas, entre elas moitos milleiros de xudeus e, despois, houbo moitos alemáns que tiveron que marchar, e numerosos ucraínos, belarusos e lituanos foron desprazados á URSS. Esta emigración compensouse coa chegada de polacos que vivían en territorios que quedaron despois da guerra en poder da URSS. Segundo o censo de 2002, o 96,7 % da poboación é polaca e entre o resto hai ucraínos (0,1 %), belarusos (0,1 %) e alemáns (0,4 %).

Os polacos pertencen ao tronco racial e lingüístico eslavo, que fala nun 97,8 % o polaco. A relixión maioritaria é a católica, nun 89,8 %. Hai minorías de ortodoxos orientais (1,3 %) e protestantes (0,3 %).

As cidades principais son Gdańsk e Szczecin (antes, en alemán, Stettin , hoxe en Polonia, e Kaliningrado (antes, en alemán, Könisberg), en Rusia.

Historia editar

Orixes editar

A rexión estaba orixinalmente ocupada por un pobo báltico, os borusios ou prusianos, cuxo nome deu por deformación o de "Prusia", así como por tribos escandinavas e godos. Ao redor do 350 a.C., Piteas, un viaxeiro grego, designou o territorio co nome de "Mentenomon" e aos seus habitantes como "Guttones", que posteriormente deu o termo de "godos".

Chegada dos viquingos editar

Os viquingos comezaron a penetrar na Europa oriental contra os séculos VII e VIII e comerciaron cos borusios. Os mercados máis importantes deste comercio foron as cidades de Truso (hoxe Elbląg) e Kaup, onde se estableceron un certo número de escandinavos. Truso ocupaba tamén unha posición central nas rotas comerciais do leste a través do mar Báltico, e sábese que varios mariñeiros prusianos se encontraban tamén no porto sueco de Birka.

Ao final deste período, no século XI, os daneses Harald o do dente azul e Knut o Grande enviaron varias expedicións contra os prusianos que conduciron á destrución de moitas vilas de Prusia, incluíndo Truso e Kaup. Porén, fracasaron en establecer unha sólida cabeza de ponte na rexión.

A instalación dos cabaleiros teutónicos editar

 
O Estado da Orde Teutónica contra 1260.
 
O Estado da Orde Teutónica en 1400.

Na Idade Media os pobos bálticos estaban entre os últimos pobos de Europa que aínda eran pagáns. As múltiples campañas de evanxelización organizadas polos cabaleiros polacos da Orde de Dobrin (Bracia Dobrzyńscy) encontraron pouco eco e, ao principio do século XIII, os borusios invadiron a Mazovia. O duque polaco Conrado de Mazovia chamou entón na súa axuda, en 1225, aos cabaleiros teutónicos alemáns.

A Cruzada Báltica (ou campaña de Prusia) comezou en 1231 baixo o mando de Hermann Blake. A conquista fíxose sobre todo grazas á construción de castelos e fortes, e de razzias sobre as vilas bálticas. Os primeiros castelos contruíronse ás beiras do Vístula, en Thorn (1231), Elbing e Kulm, e despois na beira do mar Báltico, en Sambie (Samland en alemán).

O pobo borusio que vivía en parte grazas á pesca viuse entón privado do seu acceso ao mar. Königsberg foi fundada en 1255. A mediados do século XIII, os borusios intententan unha última revolta que non fará máis que precipitar o seu declive. De 170 000 antes da conquista, non son máis que 90 000 contra 1300. Prusia convértese entón nunha terra de Drang nach Osten (colonización alemá cara ao leste).

As terras agrícolas foron xenerosamente entregadas a colonos vindos de Alemaña e de Holanda, que alí construíron novas vilas tales como Marienburgo (hoxe Malbork) en 1280, capital do Estado teutónico en 1309, e na que a impresionante fortaleza de Marienburgo foi a sede da Orde.

 
Panorámica actual de Marienburgo.

As cidades de Prusia experimentan entón unha expansión espectacular e a construción de portos permite o comercio co resto do mar Báltico. O país tamén se estende cara ao oeste pola anexión de Danzig.

A Prusia teutónica coñece unha época de prosperidade até o século XV, beneficiándose da súa condición de terra de cruzada debido aos esporádicos combates contra os lituanos que seguían a ser pagáns.

Pero, en 1386, o casamento de Ladislau II Iagelión, gran duque de Lituania, coa herdeira de Polonia Eduvixes I (que foi beatificada o 8 de agosto de 1986 en Cracovia polo papa Xoán Paulo II, e canonizada o 8 de xuño de 1997 na mesma cidade e polo mesmo papa), cambia a situación diplomática na rexión, ao crearse a Unión de Krewo entre os dous Estados.

Decadencia da Prusia teutónica editar

En 1409, estala unha sublevación na posesión teutónica de Samogitie, no nordeste de Lituania, cuxa poboación era aínda pagá.

O 14 de agosto, o Gran Mestre da Orde Teutónica Ulrich von Jungingen declarou a guerra á Unión de Krewo. Inmmediatamente as forzas teutónicas pasaron á ofensiva e invadiron a Gran Polonia e a Cujavie, pero os polacos responderon á invasión reconquistando Bydgoszcz. Un acordo de armisticio asinado o 24 de xuño de 1410, permitiu aos lituanos e polacos prepararse para terminar coa ameaza teutoa de vez. A batalla de Grunwald, o 15 de xullo seguinte, tamén coñecida como "batalla de Tannenberg", marcaría o inicio da decadencia dos cabaleiros teutónicos.

A primeira paz de Toruń, asinada o 1 de febreiro de 1411, impúxolle aos cabaleiros unha compensación financeira tan grande que non tiveron máis remedio que recorrer a unha suba de impostos moi elevada, porque o tesouro estaba practicamente baleiro.

A poboación prusiana rebelouse entón de novo contra os cabaleiros alemáns e pediu axuda ao rei de Polonia Casimiro IV. A guerra dos Trece Anos estalou unha vez máis entre a Orde e Reino de Polonia en 1454, durante a cal Prusia se empobreceu. A batalla de Puck en 1462 foi unha vitoria decisiva dos polacos que se traduciu no segundo tratado de Toruń, polo que a Orde Teutónica cedía a Polonia o leste da Pomerania, así como os voivodatos prusianos de Elbląg (en prusiano, Elbling), Malbork e Chełmno (Culm ou Kulm en alemán) que logo formarían a Prusia Real. O resto da "Prusia Teutónica" permaneceu en posesión da Orde, pero sometida á soberanía feudal de Polonia.

A comezos do século XVI, un novo terremoto sacode profundamente os fundamentos da Orde cabaleiresca alemá. En efecto, desde 1520 o vento da Reforma sopra sobre os Estados do Sacro Imperio Romano Xermánico.

En 1511, Albert de Brandeburgo foi elixido cono 37º Gran Mestre. Aínda que era sobriño do rei de Polonia Sexismundo I, dirixiu unha guerra contra el desde 1519 a 1521 que rematou cunha tregua de catro anos. Ao final da tregua, negociou co seu tío un acordo que lle permitiu converterse ao luteranismo. Sexismundo aceptou coa condición de que Prusia continuase sendo un feudo vasalo do Reino de Polonia. O acordo final selouse polo tratado de Cracovia, que se asinou o 5 de abril de 1525. Albert transformou o que quedaba da vella Prusia teutoa no Ducado hereditario de Prusia e trasladou o seu goberno a Königsberg.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Bled, Jean-Paul (2007): Histoire de la Prusse. París; Fayard. ISBN 978-2-213-62678-9.
  • Koch, H. W. (1984): A History of Prussia. Londres: Longman. ISBN 0-582-48190-2.
  • MacDonogh, Giles (1994): Prussia. Londres: Sinclair-Stevenson. ISBN 1-85619-267-9.
  • Zayas, Alfred-Maurice de (1994): A Terrible Revenge: The Ethnic Cleansing of the East European Germans, 1944-1950. St. Martin's Press. ISBN 0-312-12159-8.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar