Proxecto Educativo Seteportas-Altair

O Proxecto Educativo Seteportas-Altair é unha iniciativa de asociacionismo educativo, sen ánimo de lucro. Fundouse en 2014 en Santiago de Compostela, coa intención de educar nos tempos libres e promover a convivencia a través de valores como a igualdade social, a solidariedade ou o desenvolvemento sustentábel.

O equipo de monitoras está composta por estudantes, traballadoras, persoas paradas etc que comparten o seu interese e compromiso co mundo do tempo libre. Porén, a actividade de voluntariado está aberta a toda persoa que se recoñeza no proxecto e queira aportar a súa forza e experiencia. Desenvólvense actividades destinadas a nenos/as de entre 7 e 17 anos, organizados/as en grupos de idade (Pícaras, Insurras, Aventureiras, Pioneiras e Argonautas).

O proxecto reclama unha certa periodicidade, coa finalidade de crear un grupo sustentábel que se identifique a si mesmo como unha comunidade. Con esta intención, o grupo Seteportas-Altair reúnese todos os sábados pola mañá, de 11.00h a 14.00h, no seu local de Compostela. Puntualmente -nadal, pascua ou verán- realizan acampadas pola contorna, tratando de cooperar e inserirse nesa nova comunidade, tecendo vínculos coa veciñanza e aprendendo dela e con ela.

Basea o seu método na pedagoxía do proxecto como forma de educar en valores nos tempos libres, ademais de facer que os/as nenos/as medren sentíndose parte dun grupo que camiña unido sen esquecer a individualidade de cada un/unha; tomando o xogo como punto de partida para educar integralmente ás persoas.