A proxémica describe o espazo persoal dun individuo nun medio social, definíndoo como o conxunto das observacións e teorías referentes ao uso que as persoas fan do espazo en tanto que produto cultural específico.

O termo, procedente do inglés proxemics, foi cuñado en 1963 polo antropólogo estadounidense Edward T. Hall.

Características editar

Describe as distancias mensurables entre as persoas conforme á súa interacción, e as distancias e posturas que non son intencionais, senón resultado do proceso de culturización. Un exemplo é a actitude dunha persoa que, ao ir sentar nun banco público no que xa hai unha persoa, tende a sentar no extremo oposto, preservando un espazo entre os dous individuos.

Hall demostrou que a distancia social entre dúas persoas pode estar relacionada coa distancia física. Nese sentido, menciona catro tipos de distancia:

  • Distancia íntima (0-45 cm): para dar apertas, tocar ou murmurar; inclúe o contacto físico entre os corpos; na maior parte das culturas non se acepta a súa mostra en público;
    • Modo próximo: maior proximidade posíbel, contacto entre a pel e os músculos;
    • Modo afastado: distancia na que se fala en murmurios, apenas as mans están en contacto; tal proximidade provoca a visión distorsionada da outra persoa.
  • Distancia persoal (45–120 cm): interacción coas amizades próximas;
    • Modo próximo: permite tocar a outra persoa cos brazos; a posición/distancia revela o relación existente entre os individuos;
    • Modo afastado: límite do alcance físico en relación ao outro; distancia habitual da conversación persoal;
  • Distancia social (1,2-3,5 m): interacción con persoas coñecidas; definida por Hall como o "límite do poder sobre o outro"; non hai contacto físico;
    • Modo próximo: adoptado cando varias persoas dividen o mesmo espazo de traballo ou en reunións pouco formais;
    • Modo afastado: adoptado en relacións sociais ou profesionais formais;
  • Distancia pública (máis de 3,5 m): para falar en público; sitúase fóra do círculo máis inmediato do individuo; dáse nas conferencias.
    • Modo próximo: relacións formais; permite a fuga ou a defensa en caso de sentir unha ameaza;
    • Modo afastado: a posibilidade de establecer contacto con alguén é nula, debido á distancia.

Hall indicou que diferentes culturas manteñen diferentes patróns de espazo persoal. Nas culturas latinas, por exemplo, as distancias relativas son menores e as persoas non se senten incómodas ao estar próximas a outras; nas culturas nórdicas, ocorre o oposto.

As distancias persoais tamén poden variar en función da situación social, do xénero e das preferencias individuais.

Comunicación proxémica editar

A comunicación proxémica é unha das correntes máis en voga na actualidade. Abrangue o xogo de distancias e proximidades que entretecen as persoas no espazo. Estuda as formas en que nos colocamos e movemos en relación ás outras persoas, como captamos e ocupamos o espazo envolvente, considerando a presenza do outro. Son factores relevantes á liña de análise na relación que os comunicantes establecen entre si, a distancia espacial entre eles, a orientación do corpo e do rosto, a forma en que se tocan ou se evitan, o modo en que dispoñen e se posicionan entre os obxectos e os espazos, permitindo captar mensaxes latentes.

Proxémica pedagóxica editar

A proxémica pedagóxica é outra corrente de análise. Trata da observación nos centros educativos dos factores que interveñen na comunicación entre o profesorado e o alumnado, incluíndo a proximidade. Na súa orixe, a escola tiña por escenario espazos ao aire libre, ambientes naturais e soltos, nas prazas das grandes cidades da antigüidade ou en lugares recollidos nos límites das cidades, baixo as sombras das árbores. Era a educación peripatética no sentido estrito e etimolóxico. A escola foi trasladada ao espazo pechado da sala de aula, delimitado por catro paredes, con mesas e cadeiras. Na actualidade procúrase que os espazos contribúan aos procesos de ensino e aprendizaxe.

Os efectos da disposición e xestión dos espazos escolares foron amplamente estudados. As conclusións apuntan á influencia e contribución na promoción ou impedimento de determinados tipos de clima, dinámica de traballo e relacións interpersoais. Mais a tendencia continúa sendo a da distribución en columnas e fileiras, seguindo co distanciamento e a xerarquización que esa disposición impón.

Como en toda comunicación, a comunicación escolar gaña contornos peculiares conforme o modo en que se organiza o espazo común, o mantemento da disposición xeométrica e estamentizada reflicte unicamente o estancamento da cultura escolar, incapaz de evolucionar cara ao punto de partida da educación aristotélica.