Provincia de Nova Irlanda
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2016.) |
A provincia de Nova Irlanda, antigamente chamada Nuoa Mecklenburgo (en alemán Neu-Mecklenburg) é a provincia máis nororiental de Papúa Nova Guinea. A súa capital é Kavieng.

Xeografía editar
A provincia atópase dentro da Rexión das Illas, posúe unha extensión de 9.600 km² e está formada por centos de illas entre as que destaca Nova Irlanda con 8.650 km². Outras illas importantes son Nova Hanover, illas Saint Matthias (Mussau, Emirau), illas Tabar (Tabar, Tatau, Simberi), illas Tanga (Malendok, Boang), illas Feni (Ambitle, Babase), Djaul, Lihir e Anir.
Historia editar
Coñécense polo menos tres vagas migratorias a Nova Irlanda na súa historia. A presenza máis antiga da que se ten constancia data de hai 3.300 anos, cando a cultura Lapita se desenvolveu nas illas e posteriormente se expandiu por toda a Oceanía. Probablemente as illas tiveron contactos con China e o sueste asiático antes da chegada dos europeos, aínda que non se encontraron probas disto.
Os neerlandeses foron os primeiros exploradores europeos en chegar a Nova Irlanda en 1616, que creron parte da illa de Nova Bretaña. Foi o explorador británico Philip Carteter quen determinou que a illa estaba separada de Nova Bretaña, e bautizouna co nome de Nova Hibernia.
Entre os anos setenta e oitenta do século XIX, Marquis de Rays levou a cabo catro expedicións colonizadoras a Nova Irlanda. Fundou para esta empresa a colonia chamada La Nouvelle France. Estes intentos resultaron un fracaso, morrendo durante a terceira expedición 123 persoas. Os misioneiros comezaron a chegar en 1877 e en menos dunha década Nova Irlanda foi colonizada por Alemaña (1886) co nome de Neu-Mecklenburg como parte da repartición de Nova Guinea, que lle outorgou a Alemaña a parte norte da actual Papúa Nova Guinea. O traslado forzoso de poboación local até as plantacións do norte de Australia e outras illas do Pacífico foi unha realidade até finais do século XIX.
Australia tomou o control da zona en 1914, a comezos da primeira guerra mundial, renomeando á illa New Ireland, que se converteu en parte do mandato de Nova Guinea que a Sociedade de Nacións estableceu en 1921 baixo a administración australiana. Durante a segunda guerra mundial, Nova Irlanda estivo ocupada polo exército xaponés entre xaneiro de 1941 e 1945. A administración colonial australiana mantívose até a declaración de independencia de Papúa Nova Guinea en setembro de 1975.
Demografía editar
A poboación da provincia de Nova Irlanda é, segundo o censo de 2000, de 118.350 habitantes, a maioría dos cales viven en pequenos núcleos rurais. A cidade máis poboada e capital da provincia é Kavieng, con 10.600 habitantes, que está localizada no norte da illa de Nova Irlanda. No medio desta illa áchase Namatanai, que con 1.300 habitantes, é a segunda poboación da provincia.
En Nova Irlanda empréganse uns vinte idiomas, e o número de dialectos e subdialectos rolda os 45. Todos estes pertencen ao grupo das linguas de Nova Irlanda, que se engloba dentro do grupo das linguas austronesias. Existe tamén o kuot, que se cataloga como unha lingua illada.