Proteína precursora

(Redirección desde «Propéptido»)

Unha proteína precursora, tamén chamada proproteína ou propéptido, é unha proteína (ou péptido) inactiva que pode ser convertida na súa forma activa por medio dunha modificación postraducional, como a rotura dunha parte da molécula ou a adición doutra molécula. O nome do precursor dunha proteína adoita formase engadindo o prefixo pro. Exemplos son a proinsulina e a proopiomelanocortina, que son ambas prohormonas, ou os cimóxenos, que son proencimas.

As proteínas precursoras adoitan existir cando a proteína activa que se obtén delas podería ser nociva para o organismo se non se activa só no lugar e momento axeitados, pero necesita estar dispoñible en breve tempo ou en grandes cantidades. Este é o caso dos precursores de encimas chamados cimóxenos, exemplos dos cales son algúns encimas dixestivos humanos.

Algunhas proteínas precursoras orixinan unha proteína que se segrega ao exterior da célula. Moitas destas son sintetizadas cun péptido sinal N-terminal que as marca como proteínas para a secreción e as diríxe ás membranas e reciben o nome de preproteínas. Cando o que se ten que segregar é unha proproteína (que unha vez segregada sufrirá máis modificacións) esta leva tamén o péptido sinal. Igual que as outras proteínas que teñen un péptido sinal, o seu nome leva o prefixo pre. Deste modo, reciben o nome de preproproteínas ou prepropéptidos.[1] O péptido sinal será cortado da molécula no retículo endoplasmático.[1] Un exemplo é a preproinsulina.

As prosecuencias son áreas da proteína que son esenciais para o seu correcto pregamento, xeralmente na transición dunha forma inactiva da proteína a un estado activo. As prosecuencias poden tamén estar implicadas no transporte e secreción de proproteínas.[2]

Prodominio é o dominio dunha proproteína.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Alberts, Bruce (2002). Molecular biology of the cell. New York: Garland Science. p. 760. ISBN 0-8153-3218-1. 
  2. Eder J, Fersht AR (maio de 1995). "Pro-sequence-assisted protein folding". Mol. Microbiol. 16 (4): 609–14. PMID 7476156. doi:10.1111/j.1365-2958.1995.tb02423.x. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar