Produción musical

persoa que leva a cabo e xestiona a gravación musical

A produción musical, na industria discográfica, encárgase de distintos papeis, como controlar as sesións de gravación, instruír e guiar intérpretes musicais no proceso de gravación, reunir as ideas do proxecto, dirixir a creatividade, supervisar a gravación e a mestura, e realizar o proceso de masterización. Estas foron algunhas das principais funcións dos produtores desde a creación da gravación de son, pero na segunda metade do século XX os produtores tomaron un maior papel empresarial.[1]

Sesión de gravación en Dinamarca.

Na industria da música hai dúas clases de produtores: o produtor executivo e o produtor musical, con papeis distintos: o produtor executivo é o responsable financeiro do proxecto e o produtor musical é o responsable da música.[2]

Primeiros produtores editar

Na primeira metade do século XX, o papel do produtor musical ou discográfico era comparable ao dun produtor cinematográfico, debido a que o produtor musical organizaba e supervisaba as sesións de gravación, pagaba a técnicos, músicos e arranxadores, e algunhas veces escollía material para o artista.

Nos anos cincuenta] este papel foi interpretado polos directores coñecidos como A&R (artista e repertorio). Entre os máis destacados no mundo anglosaxón estaba o músico e compositor Mitch Miller, en Columbia Records. Ata os anos sesenta os grandes selos discográficos contrataban diferentes produtores e directores A&R, para controlar e traballar nos estudios onde se facían as gravacións, como é o caso dos famosos Abbey Road Studios en Londres, controlados por EMI.

Na segunda metade dos anos cincuenta emerxeu unha nova categoría: a dos produtores independentes. Entre os primeiros produtores independentes atópanse Leiber & Stoller, Phil Spector, creador da parede de son, e Joe Meek.

Este cambio foi facilitado pola introdución da tecnoloxía de gravación de cinta magnética de alta fidelidade, que alterou considerablemente os procesos e a economía da gravación de música. A cinta magnética permitiu o establecemento de estudios de gravación independentes en grandes centros de gravación, como Os Ánxeles, Londres e Nova York. De xeito diferente aos antigos estudios, que eran establecementos moi pechados, estes novos estudios podían ser usados por calquera artista non asociado ás grandes casas discográficas.

Os estudios máis grandes eran tipicamente establecidos e operados polos enxeñeiros de gravación máis importantes. Construíanse coidadosamente para crear condicións óptimas de gravación e estaban equipados cos equipamentos de gravación e os micrófonos de máis alta calidade, así como amplificadores electrónicos e instrumentos musicais.

Importantes estudios como os Olympic Studios, en Londres, ou United Western Recorders, nos Ánxeles, convertéronse axiña nos lugares de gravación máis solicitados no mundo. Estas "fábricas de éxito" produciron varias das gravacións de pop máis exitosas do resto do século.

Produción na actualidade editar

Co doado acceso actual á tecnoloxía, é moi fácil para un produtor lograr pistas de alta calidade sen o uso de instrumento ningún; isto é moi usual no rap. En moitos casos, a persoa que realiza a produción tamén exerce como arranxador, compositor musical ou intérprete. O produtor musical pódelle dar un enfoque novo a algún proxecto ou dar novas ideas. Tamén está a cargo da parte creativa da mestura, asesorando a persoa encargada da enxeñaría de son de cal é o concepto musical desexado do proxecto.

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Gibson, David and Mestre Curtis. "The Art of Producing". Artist Pro Publishing, 2004. ISBN 1-931140-44-8
  • Burgess, Richard James. The Art of Music Production. Music Salgues, 2005. ISBN 1-84449-431-4
  • Hewitt, Michael. Music Theory for Computer Musicians. Cengage Learning, 2008. ISBN 1-59863-503-4
  • Olsen, Eric et Al. (1999). The Encyclopedia of Record Producers. ISBN 978-0-8230-7607-9

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar