Proceso e disolución da Orde do Temple

A Orde do Temple foi unha das ordes monásticas-militares que xurdirían na Idade Media. Foi fundada inicialmente para a protección dos peregrinos que viaxaban aos Santos Lugares, e estendeuse despois por tódolos estados da Europa cristiá, principalmente en Francia, Provenza, Inglaterra, Escocia e os reinos ibéricos. O asunto dos templarios ocupou os derradeiros sete anos do reinado de Filipe o Fermoso en Francia.

Jacques de Molay, derradeiro mestre dos templarios

Arresto editar

O 13 de outubro de 1307 son arrestados pola mañá tódolos cabaleiros do Temple que residían no Reino de Francia, cando era mestre da orde Jacques de Molay. A orde de arresto foi emitida un mes antes, o 14 de setembro, en forma de cartas que non debían ser abertas até a data do arresto. Estas misivas foron enviadas por orde de Filipe o Fermoso a tódolos senescais e xuíces de Francia. O texto mandaba:

[arrestar] tódolos irmáns de dita orde, sen excepción algunha, telos prisioneiros en espera do xuízo da Igrexa, e confiscar os seus bens mobles e inmobles.[1]

A orde de arresto baseábase en "presuncións e violentas sospeitas", denunciadas por un tal Esquieu de Floyran (que ás veces aparece como Floyran de Beziérs), nativo da cidade de Beziérs, que dicía ter obtido as confesións dun templario prisioneiro en Agen. Esquieu denunciounas ó Rei de Aragón Xaime II e logo a Filipe o Fermoso. Porén, as confesións semellan ter sido obtidas baixo tortura, e Esquieu de Floyran foi acusado polo irmán templario Ponsard de Gisy de torturarlle para obrigarlle a confesar os seus supostos crimes.[2]

Pero hai un feito que amosa que todo estaba preparado de antemán. Os templarios foron arrestados supostamente tras unha investigación levada a cabo por Guillaume de París (inquisidor e tamén confesor do rei) sobre as denuncias de Esquieu de Floyran. Dita investigación data do 22 de setembro de 1307, cando a orde de arresto supostamente baseada nesa investigación foi emitida oito días antes, o 14 de setembro.[3]

O 22 de novembro de 1307, Clemente V pola bula Pastoralis praeeminentiae [4] ordena o arresto dos templarios en tódolos estados cristiáns. Afirma que vese na obriga de tomar dita mediada polas "confesións" dos templarios franceses. Porén, en moitos estados (na maioría) os templarios non sofren persecución algunha.

Acusacións editar

A adoración de "Bafomet" editar

Unha das acusacións que foron vertidas contra os templarios foi que adoraban a un ídolo que chamaban Bafomet (ás veces tamén chamado Baphomet ou Bahomet). Porén, e segundo a medievalista francesa Régine Pernoud,[5] o termo "Bafomet" non é máis que a deformación de Mahoma (en francés: Mahomet). De ser así, non cabe dúbida de que a acusación carece por completo de sentido, pois foron os templarios uns dos máis grandes impulsores da loita contra os musulmáns. Esta hipótese apóiase en varios textos medievais, entre os que cabe citar ó seguinte poema en lingua occitana escrito por un templario anónimo trala perda de Arsuf en 1265:

...ja nul hom que Jezu Christ creza
non remanra, s'el pot, en est paes:
Enans fara bafomairia
del mostier de Sancta María.
...xa ningún home que en Xesucristo crea
permanecerá, se pode, neste país:
Farase bafomairía
do mosteiro de Santa María.[6]

Homosexualidade editar

Outra das acusacións era a das prácticas homosexuais, especialmente na cerimonia de admisión, na que, entre outros actos sexuais, supostamente obrigábaselles a prometer que se entregarían á sodomía cando lles fose requirido.[7]

Por outra parte, o rexeitamento ás mulleres tamén daría lugar á acusación de homosexualidade, aínda que tódalas ordes relixiosas da Igrexa católica establecen a separación de sexos. Por outra parte, tamén aquí se atopan remanentes do catarismo, xa que os Perfectos cátaros levaban severos castigos de tocar a unha muller.[8]

O segredo da Regra editar

Malia ser esgrimida como unha acusación, o certo é que o feito de que a Regra fora mantida en segredo non é algo característico dos templarios. En tódalas ordes relixiosas, a Regra tan só é comunicada aos postulantes.

Outras acusacións editar

As acusacións numeradas no acta de arresto: sacrilexios, blasfemias, impiedades etc. forman parte do repertorio habitual dos procesos levados a cabo contra persoeiros importantes durante o reinado de Filipe o Fermoso e dirixidos por Guillaume de Nogaret.

O proceso editar

O venres 13 de outubro de 1307 foron arrestados tódolos Templarios de Francia. O mestre naquel momento era Jacques de Molay. Seguindo á orde de arresto, Guillaume de Nogaret e Guillaume de París dedicáronse a reunir testemuñas de cargo, entre os que estaba o anteriormente mencionado Esquieu de Floyran, que fora acusado por Ponsard de Gisy. De feito, a maioría dos historiadores están hoxe de acordo en que o xuízo non tivo nada de limpo, xa que se presentaron probas falsas, confesións inventadas, manipulación dos testemuños e demais.

O 14 de outubro de 1307 fanse públicas as acusacións, entre as que figuran a apostasía, a aldraxe a Cristo, celebración de ritos obscenos, sodomía, idolatría etc. Dise, entre outras cousas, que na cerimonia de admisión obrígaselles a renegar de Cristo 3 veces e a cuspir sobre unha cruz. A acusación semella que foi redactada por Nogaret, de feito, os historiadores recoñecen nela o seu estilo.[9] Cómpre sinalar que as autoridades francesas procuraron que o rumor se estendese o máis posible entre o pobo.

Entre o 19 de outubro e o 24 de novembro de 1307 foron interrogados en París 138 prisioneiros por Guillaume de París e Nicolao de Ennezat. Antes diso, pasaron polas mans dos oficiais do rei, que tiñan instrucións de que "empregaran a tortura en caso de necesidade". Deles. 36 morreron na dita tortura, e non é de estrañar que acabaran os demais por confesar calquera cousa con tal de parar coas torturas. Só tres cabaleiros negaron as acusacións: Jean de Châteauvillars, Éric de Hercigny e Jean de París; casualmente os tres únicos que non foron interrogados por Guillaume de París, que naquel día (9 de novembro) estaba a interrogar a Hughes de Pairaud. É especialmente interesante a crónica, xa que as súas verbas non deixan dúbidas respecto ó emprego da tortura, e cando foi preguntado sobre as supostas cerimonias de admisión blasfemas e obscenas:

Respondeu que non o cría. Logo, no mesmo día, ó comparecer en presenza de dito comisario... engadiu que comprendera mal e contestara mal, e afirmou baixo xuramento que creía que todos eran admitidos dese xeito.[10]

O 27 de outubro de 1307 o papa Clemente V envía unha carta a Filipe de Francia na que, malia facelo dun xeito velado, recrimina ó rei o emprego da tortura:

Tedes estendido a man sobre as persoas e os bens dos Templarios, chegastes a encarceralos... Engadistes ao acoramento do cativerio outra aflición que, por pudor pola Igrexa e por nós, consideramos a propósito silenciar...

A finais do ano 1307 o papa Clemente V solicitoulle ó rei francés que lle confiara os Templarios e os seus bens, pero este tan só aceptou entregarlle as persoas. Máis adiante (25 de marzo de 1308) Filipe o Fermoso convocou os Estados Xerais, e na convocatoria describiu unha vez máis os "horríbeis crimes dos templarios". Máis adiante circulou o texto (de Pedro Dubois) Amoestacións do pobo de Francia no que atacaba ó papa pola tardanza en actuar contra os templarios.

Entre o 27 de xuño e o 1 de xullo de 1308 comparecen ante o papa 72 templarios, pero cabe sinalar que entre eles non se atopaba ningún dignatario, e a maioría eran sarxentos que deixaran a orde. Os dignatarios permanecían en Chinon por enfermidade. Eles eran Jacques de Molay (mestre), Hughes de Pairaud (visitador), Raimbaud de Carón (preceptor de ultramar), Geoffrey de Charnay (preceptor de Normandía) e Geoffrey de Gonneville (preceptor de Poitou e Aquitania). O papa enviou alí a tres cardeais, dos cales dous eran familiares do rei de Francia, e tras un interrogatorio no que estivo tamén presente Nogaret, elaborouse unha acta no que se dicía que confirmaran as confesións.[11]

 
Templarios sendo queimados na fogueira

O 26 de novembro de 1309 compareceu Jacques de Molay, pero cando se leu a súa suposta declaración feita en Chinon o 20 de agosto, manifestou unha grande estrañeza:

O mestre persignouse por dúas veces, e por outros signos semellaba pretender que estaba estupefacto polo que contiña dita confesión... dicindo... que se os señores comisarios fosen outros que tiveran permiso para escoitarlle, el diría outra cousa...[12]

Entón, Guillaume de Plaisians, que estaba presente, exhortou a Jacques de Molay a "non perderse sen causa".[13] Jacques de Molay solicitou un aprazamento que lle foi concedido. O xuízo proseguiu o 27 de novembro, e nel estaba presente Nogaret. No xuízo, Jacques de Molay declarou:

Cando a alma se separe do corpo, se verá quen é bo e quen malvado, e todos coñecerán a verdade sobre as cousas que se cuestionan neste intre.[12]

Entre os dous interrogatorios de Jacques de Molay, compareceu o comendador Ponsard de Gisy. A súa declaración revela tódalas inxustizas cometidas cos templarios, entre elas a tortura que sufriu a mans de Floyran de Beziérs, e declara que "se fose torturado unha vez máis, renegaría de todo o dito, e diría todo o que me pedisen".[12]

Os intentos de defensa dos Templarios editar

Cando foron continuados os interrogatorios da Comisión Papal, o 6 de febreiro de 1310, o número de templarios que declaran querer defender á orde aumenta sensiblemente, e á data do 2 de maio xa son 576. Para organizaren a súa defensa, o que conseguiron malia os obstáculos, os templarios designan a catro portavoces: Guillaume de Chammbonnet, Beltrán de Santigues, Pedro de Boloña e Reinaldo de Provins. Estes elaboran unha declaración que di o seguinte:

Se os irmáns do Temple teñen dito, din ou dixeran, mentres están en prisión, algunha cousa ó seu cargo, ou a cargo da orde do Temple, isto non prexudica a dita orde, pois é sabido que teñen falado ou que falarán obrigados ou impelidos ou corruptos polos rogos, os cartos ou o temor. E aseguran que o probarán en tempo e lugar cando gocen de plena liberdade... solicitan, suplican, requiren que cada vez que os feitos sexan examinados, ningún laico estea presente ou poida escoitalos, nin persoa algunha de cuxa honestidade se poida dubidar con razón...[14]

Por outra parte, manifestan a súa estrañeza porque se lle dea máis valor ós testemuños dos que, para non sufrir a tortura e a condena, fixeron tódalas confesións que lles pedían, que ós que "como mártires de Cristo, morreron na tortura por manter a verdade... e que... sufriron e sofren aínda cada día en prisión tantas torturas, cuitas, tribulacións, desvelos, mortificacións, calamidades e miserias..."[14] Ademais, fixeron notar que, fóra de Francia, non houbo ninguén que confirmase as acusacións.

Os protagonistas editar

Filipe o Fermoso editar

Guillaume de Nogaret editar

É sinalable o papel de Guillaume de Nogaret no proceso contra os Templarios. Hai factores que permiten dubidar da súa imparcialidade, ademais dos comúns como poden ser o suborno e a boa relación con Filipe o Fermoso. Destacou na súa loita contra o papa Bonifacio VIII en 1303. Un exemplo coñecido desta loita é o atentado de Anagni (7 de setembro de 1303), organizado por el, e no que Sciarra Colonna lle deu unha labazada ao Papa, previamente o Papa Bonifacio VII increpara a Nogaret:

¡Contento e satisfeito estariamos de ser destituído por un herexe como vos sodes, e como o foron os vosos pai e nai, condenados por herexes

Cando aquí di o papa "Herexe", alude á coñecida condición de cátaros dos pais de Nogaret, do cal el mesmo era moi sospeitoso. É máis, en 1313 o conde Louis de Nevers falaría do:

..sacrílego de Nogaret, fillo de herexes.

Clemente V editar

Disolución editar

O 11 de mio de 1310, un concilio presidido por Filipe de Marigny condenou a morte a 54 templarios por relapsos, é dicir, por negar as faltas que confesaran anteriormente. Foron queimados ó día seguinte nunha fogueira en París. Os que mantiveron as súas "confesións" foron liberados.

O 13 de maio de 1310, as sesións da comisión pontificia continuaron. O irmán Aimery de Villiers-le-Duc retractouse das súas "confesións", pero suplicou á comisión que non lle comunicaran iso ó rei, xa que non ofrecería resistencia se o fosen queimar, e que:

confesaría mesmo ter matado ó Señor, se así se lle pedía que o fixer.[15]

Mentres, Filipe de Marigny impediu comparecer a un dos delegados dos templarios, Reinaldo de Provins; e nos meses seguintes desapareceu outro dos delegados, Pedro de Boloña. O 5 de xuño de 1311 declarouse pechada a investigación da comisión eclesiástica. Ningún dos templarios que se presentaron voluntarios para defender á Orde foi escoitado pola comisión.[15]

Durante o Concilio de Viena, presentáronse 9 templarios que querían defender á orde, e o papa encarcerounos. O rei prohibira a asistencia a Viena dos dignatarios do Temple. O papa preguntou entón ó Concilio:

Debemos conceder defensores á orde do Temple? Debemos aceptar a defensa ofrecida polos nove templarios que se teñen presentado? Se non, podemos permitir aos membros da orde que se reúnan para designar a un procurador? Ou cómpre que sexa o Papa quen designe o oficio dun defensor?[16]

A isto, os cardeais, agás cinco ou seis franceses, pediron que se admitise a defensa dos Templarios. O papa atopábase nunha situación incómoda, e a decisión foi aprazada. Entre o 17 de febreiro e o 20 de marzo de 1312 a monarquía francesa incrementou as presións contra o papado, chegando a presentarse o mesmo rei en Viena. Finalmente, o 22 de marzo, pola bula Vox in excelso, Clemente V disolveu a orde, se ben non a condena: tan só ordena a súa disolución. O 2 de maio, pola bula Ad providam, os bens dos Templarios son entregados ós Hospitalarios, e o papa desentendeuse da sorte das persoas. O 6 de maio recomezou o proceso polos concilios provinciais baixo orde do Papa, pero reservándose o dos dignatarios da Orde. Porén, cedeu isto a tres cardeais franceses adictos ó rei de Francia. Estes (Nicolao de Freauville, Arnaldo de Auch e Arnaldo Noveli) condenaron ós dignatarios a cadea perpetua o 18 de marzo de 1814. Logo de que se fixese pública a sentenza, Jacques de Molay e Geóffrey de Charnay protestaron, declarándose inocentes, e dicindo que tan só mentiron para salvar as súas vidas. O mesmo día, tras isto, preparouse unha fogueira, e ambos pediron ollar cara a Nôtre-Dame e morreron con enteireza.[17]

Fin da orde noutros estados editar

Tralo arresto dos templarios por orde de Filipe o Fermoso, este escribiu o 16 de outubro de 1307 cartas ao resto dos estados cristiáns para que lle imitasen. Porén, tan só apoiaron isto o conde Xerardo de Juliers, o duque Xoán de Baixa Lorena e o arcebispo de Colonia. Tanto o bispo de Liexa como o rei de Aragón responderon que o asunto era competencia do papa. O rei de Inglaterra Eduardo II escribiu ós reis de Portugal, Castela, Aragón e Sicilia para pedirlles que non actuaran, xa que "as acusacións contra o temple parecíanlle ditadas pola calumnia e a cobiza".[7] Por outra parte, coas investigacións levadas a cabo por orde do papa, en Portugal, Aragón, Castela, Navarra, Chipre e Alemaña, os templarios foron atopados inocentes e en Italia, agás nun par de distritos, a decisión foi a mesma [18]. Contrasta isto con Francia, onde, curiosamente, foron atopados culpables.

Notas editar

  1. Pernoud, Régine (1994). Ediciones Siruela, ed. Los Templarios. p. 100. 
  2. LIZERAND, G.: Le dossier de l'affaire des Templiers, Classiques de l'Historie de France au Moyen Age, nº8, París, 1923.
  3. PERNOUD, RÉGINE: Los Templarios, p.105, Ediciones Siruela, 1994.
  4. BARBER, MALCOLM: The Trial of the Templars, Cambridge University Press, 1978.
  5. PERNOUD, RÉGINE: Los Templarios, p.126, Ediciones Siruela, 1994.
  6. MEYER, PAUL: Recueil d'anciens textes bas-latins et provençaux, p.95, París, 1874.
  7. 7,0 7,1 PERNOUD, RÉGINE: Los Templarios, p.106, Ediciones Siruela, 1994.
  8. Isto era debido a que o catarismo quería a destrución do universo natural. PERNOUD, RÉGINE: Los Templarios. p.127, Ediciones Siruela, 1994.
  9. No repertorio de acusacións vemos algunhas que remiten ó catarismo, entre elas o rexeitamento da cruz. Cómpre non desdeñar o feito de que Guillaume de Nogaret era sospeitoso de catarismo, e mesmo os seus pais foron queimados na fogueira por iso. Semella bastante claro que foi el quen redactou a acusación.
  10. PERNOUD, RÉGINE: Los Templarios, p.107, Ediciones Siruela, 1994.
  11. PERNOUD, RÉGINE: Los Templarios, p.110, Ediciones Siruela, 1994.
  12. 12,0 12,1 12,2 PERNOUD, RÉGINE: Los Templarios, p.112, Ediciones Siruela, 1994.
  13. Cómpre facer notar que os templarios que confesaron os seus "crimes" foron perdoados por arrepentidos. Jacques de Molay probablemente teríase salvado de confesalos, xa que, segundo Clemente V, a Igrexa non podía condenar a penitentes.
  14. 14,0 14,1 PERNOUD, RÉGINE: Los Templarios, p.113, Ediciones Siruela, 1994.
  15. 15,0 15,1 PERNOUD, RÉGINE: Los Templarios, p.115, Ediciones Siruela, 1994.
  16. PERNOUD, RÉGINE: Los Templarios, p.116, Ediciones Siruela, 1994.
  17. PERNOUD, RÉGINE: Los Templarios, p.118, Ediciones Siruela, 1994.
  18. Entrada sobre os templarios en Catholic Encyclopedia (en inglés). Véxase o apartado sobre a comisión papal.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • LIZERAND, G.: Le dossier de l'affaire des Templiers, Classiques de l'Historie de France au Moyen Age, nº8, París, 1923.
  • MICHELLET, J.: Le procès des Templiers, París, 1841-1851, 2º vol.
  • OURSEL, RAYMOND: Le procès des Templiers, París, 1955.