Proceso de Montjuïc
Proceso de Montjuïc é o nome do xuízo militar que se produciu como consecuencia do atentado terrorista contra a procesión do Corpus na rúa barcelonesa de Canvis Nous, o 7 de xuño de 1896, e que provocou 12 mortos e arredor de 35 feridos. A represión afectou maiormente o anarquismo obreiro de Cataluña. Detivéronse 400 persoas, entre elas o mestre Joan Montseny Carret, os propagandistas Anselmo Lorenzo e Teresa Claramunt, e o intelectual Pere Coromines. Todos foron recluídos no castelo de Montjuïc, e 87 persoas foron incluídas no proceso militar.
Os feitos xulgados
editarO 7 de xuño de 1896 houbo un atentado terrorista en Barcelona, de autoría presumiblemente anarquista[1][2][3]. Alguén lanzou unha bomba sobre o público que asistía ao paso da procesión do Corpus, que, segundo o xornal La Vanguardia, causou a morte de doce persoas e feridas a varias decenas.[4] Con todo, existen discrepancias sobre o número de persoas falecidas. Este atentado terrorista tiña como antecedentes a bomba lanzada polo anarquista Paulino Pallàs contra o capitán xeneral de Cataluña, Martínez Campos, a cal matou o garda civil Jaime Tous, e o atentado do Liceu, no que morreron 22 persoas e outras 35 resultaron feridas.[5]
Os ataques terroristas contra a poboación civil espertaron unha crecente indignación social que esixía unha firme resposta represora contra anarquistas, socialistas e revolucionarios.[6] Preto de catrocentas persoas consideradas revolucionarias ou subversivas foron encarceradas no castelo de Montjuïc.
O proceso
editarAs dilixencias xudiciais realizáronse sen garantías xurídicas e as probas baseáronse en declaracións dos principais implicados, obtidas presumiblemente mediante torturas.[7]
Un primeiro consello de guerra celebrouse no mesmo castelo entre os días 11 e 15 de decembro de 1896, pero a sentenza definitiva foi ditada polo Tribunal Supremo de Guerra e Mariña, en Madrid, en abril do ano seguinte. Resultaron condenados a morte e executados o 3 de maio de 1897 catro activistas: Ascheri, Nogués, Molas, Mas e Joan Alsina. Houbo tamén dez condenados a 20 anos de prisión, outros tres a 18 anos e outros seis a 10 anos e un día. As 63 persoas restantes resultaron absoltas ou foron desterradas a Río de Oro.
A denuncia do proceso produciuse inicialmente o mesmo 1896, sobre todo grazas á actividade no estranxeiro de Fernando Tarrida del Marmol, que fora liberado e escribira Les Inquisiteurs d'Espagne (1897), así como polas campañas de prensa da Revue Blanche e de L'Intransigeant, de París. En España, a protesta dirixiuna a prensa republicana (El Nuevo Régimen, El País etc.) e o libro La barbarie gubernamental en España (1897), atribuído a Ricardo Mella e Josep Prat[8]. Posteriormente, iniciouse unha intensa campaña pola revisión do xuízo, especialmente en 1898, desde El Progreso, La Revista Blanca e Vida Nueva, auspiciada sobre todo por Joan Montseny Carret, Alejandro Lerroux e Pere Coromines desde Madrid.
Finalmente, despois do asasinato de Antonio Cánovas del Castillo en agosto de 1897 polo anarquista italiano Michele Angiolillo, que pretendía vingar os executados, Sagasta permitiu o regreso dos desterrados e, a comezos de xaneiro de 1901, ditou o indulto dos que permanecían en prisión.
Notas
editar- ↑ A autoría directa do atentado é discutida. Consonte o xulgado no Proceso de Montjuïc, os autores materiais foron os anarquistas Ascheri, Nogués, Molas, Mas e Joan Alsina, polo que foron condenados a morte. Porén, algúns anos máis tarde, destacados anarquistas como Charles Malato e Luis Bonafoux aseguraron que o autor foi o anarquista Girault.
- ↑ Avilés Farré. Juan Francisco Ferrer y Guardia: pedagogo, anarquista y mártir. Madrid. Marcial Pons Historia, 2006. Páxina 83. [ISBN 8496467198]
- ↑ Romero Maura; Rodríguez Halffter. La romana del diablo: ensayos sobre la violencia política en España, 1900-1950. Marcial Pons Historia, 2000. Páxina 16. [ISBN 8495379171]
- ↑ Diario La Vanguardia, Barcelona. 8-19/VI/1896
- ↑ Avilés Farré; Elizalde Pérez-Grueso; Sueiro Seoane. Historia política de España: 1875-1939, 2002. Na páxina 107 menciona seis persoas mortas e 45 feridas.
- ↑ Avilés Farré; Elizalde Pérez-Grueso; Sueiro Seoane. 2002. Páxina 107.
- ↑ Carta dos acusados no proceso de Montjuïc Arquivado 30 de novembro de 2023 en Wayback Machine.. 1897. Base documental d'Història Contemporània de Catalunya.
- ↑ Romero Maura, J. La romana del diablo: ensayos sobre la violencia política en España, 1900-1950. Marcial Pons Historia, 2000. Páxina 16. [ISBN 8495379171]
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Proceso de Montjuïc |
Bibliografía
editar- Sempau i Barril, Ramón (1900). Los victimarios. Barcelona: Garcia Manet Editores.
- Pérez de la Dehesa, R. (1968). Los escritores españoles ante el proceso de Monjuic. Centro Virtual Cervantes.
- Beltrán Dengra, J. (2010). "El anarco-cominismo y la práctica terrorista en Barcelona y el enjuiciamiento por parte de la prensa de esta ciudad: 1893-1897". En Espiral, Estudios sobre Estado y Sociedad. Volume XVI. Número 47. Xaneiro a abril de 2010.
Ligazóns externas
editar- Los procesos de Montjuic. CNT Puerto Real.