Priacántidos

(Redirección desde «Priacanthidae»)

Os Priacántidos (Priacanthidae) ou, comunmente, catalufas son unha familia de peixes mariños incluída na orde Perciformes, distribuídos por augas tropicais e subtropicais dos océanos Atlántico, Pacífico e Índico.

Priacanthus arenatus

Características editar

De corpo alargado e comprimido, a maioría non chegan a 30 cm de lonxitude, aínda que algunhas especies alcanzan os 50–60 cm. As escamas, fortemente ctenoides, son moi rugosas (con pequenas espinas) e, normalmente, dunha cor vermella brillante.

Caracterízanse por teren uns ollos moi grandes, circulares, cunha brillante capa reflectora (tapetum lucidum) e unha gran boca superior moi oblicua. Posúen unha aleta dorsal, continua, con 10 espiñas seguidas de 10 a 15 radios brandos, unha aleta anal con tres espiñas e 9-16 darios brandos, e unha caudal ligeramente emarxinada ou arredondada, con 16 radios principais, dos que 14 son ramificados. As pectorais son pequenas e as pélvicas grandes, de inserción anterior ás pectorais.

Viven cerca do fondo, asociados a formacións rochosas ou arrecifes de coral e só unhas poucas especies habitan zonas abertas. A maioría presentan hábitos carnívoros e nocturnos.

Os ovos, as larvas e as primeiras etapas xuvenís son peláxicos.

Captúrase para consumo humano.

Clasificación editar

 
Priacanthus cruentatus

Existen unhas 18 especies agrupadas en 4 xéneros:

  • Cookeolus (Fowler, 1928)
  • Heteropriacanthus (Fitch e Crooke, 1984)
  • Priacanthus (Oken, 1817)
  • Pristigenys (Agassiz, 1835)

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar