Príncipe de Mónaco
O Príncipe de Mónaco é o monarca e xefe de estado do Principado de Mónaco. Até a data, tódolos príncipes que ocuparon o cargo tomaron o nome da dinastía Grimaldi, aínda que seguindo a liña masculina pertenceron a outras casas. O príncipe actual é Alberte II de Mónaco.
Mónaco é, xunto con Liechtenstein e a Cidade do Vaticano, un dos tres únicos estados en Europa onde o monarca segue tendo un papel activo na política e o goberno.
Poderes do Príncipe
editarAs atribucións e poderes do Príncipe de Mónaco emanan da Constitución e das leis. Como xefe de estado, representa ao Principado nas relacións internacionais, e calquera revisión total ou parcial do texto constitucional debe realizarse mediante acordo entre o Príncipe e o Consello Nacional de Mónaco.
O poder lexislativo atópase dividido entre o Príncipe e o Consello Nacional. O Príncipe é quen realiza as proposicións de lei, mentres que o Consello as aproba ou non mediante votación.
O poder executivo, con todo, é competencia do Príncipe, que o exerce a través do Ministro de Estado e do Consello de Goberno, que responden o Príncipe da súa administración do Principado. Tamén o poder xudicial se atopa vinculado a el, posto que o Príncipe representa a autoridade en virtude da cal os xuíces e tribunais reparten xustiza.
Entre os seus outras atribucións cabe destacar o dereito a conceder amnistías e a cidadanía, así como a de conceder títulos nobiliarios e outras distincións.