Posto de adiantamento e estacionamento de trens

Un posto de adiantamento e estacionamento de trens (PAET) é un apartadoiro ferroviario que permite o pase de trens máis lentos nunha liña de alta velocidade.[1] O concepto acuñouse por parte de RENFE en 1992 coa apertura do novo acceso ferroviario a Andalucía. Moitos apartadoiros de liñas convencionais son usados coa mesma finalidade que os PAET das liñas de alta velocidade.

PAET de L'Arboç (Tarragona) na L.A.V. Madrid-Zaragoza-Barcelona-Fronteira Francesa.

Configuración editar

Un PAET componse xeralmente de 4 vías, dúas vías principais que pertencen á liña e que quedan no centro, e dúas vías de apartado a cada lado que normalmente dispoñen dunha plataforma. Para realizar un adiantamento, o tren que circula diante entra na vía de apartado e estaciónase, mentres que o que circula detrás continúa circulando pola vía principal sen reducir a súa velocidade en ningún momento.

A distribución dos PAET ao longo da liña é homoxénea, existindo un PAET e un posto de banalización cada certos quilómetros se non existen estacións que permitan realizar estas manobras. Na actualidade, moitas estacións de alta velocidade realízanse coa mesma configuración dun PAET, xa que así se permite que os trens sen parada circulen polas vías principais sen ter que reducir a súa velocidade ao paso pola estación, mentres que as estacións convencionais requiren unha redución de velocidade e por tanto un aumento dos tempos de viaxe dos trens directos e do consumo enerxético.

Ademais, estas instalacións utilízanse por necesidades técnicas para labores de mantemento ou seguridade. Por exemplo, nas bocas dos túneles importantes sitúase un PAET, que permita estacionar os vehículos de mantemento ou os trens no caso de que o túnel se peche por calquera motivo.

A existencia de plataformas permite que sexan utilizados como estacións, por exemplo, para trasbordar aos viaxeiros dun tren avariado. Para este tipo de labores búscase que os PAET teñan un bo acceso por estrada, que permitan enviar equipos de mantemento ou trasbordar aos pasaxeiros a autobuses no caso de corte da liña.

Notas editar

  1. "Regulamento de circulación ferroviaria: Definicións" (PDF). BOE. 18 de xullo de 2015. p. 59537. 

Véxase tamén editar