Poseidón de Artemision

O Poseidón de Artemision é unha estatua en bronce no denominado estilo severo grego [1], datada c. 460 a.C. Neste momento, a escultura xa perdeu a frontalidade e o estatismo propios de épocas pasadas, pero a figura segue apoiándose en ámbolos pés, a pesar de que comeza a apuntarse o dinamismo.

Poseidón de Artemisión

Foi atopada no fondo do mar, en 1928, cerca do cabo Artemisio, ó norte da illa de Eubea, se ben un dos brazos xa fora atopado dous anos antes. Procede do afundimento dun barco no século I a.C. [2] Exponse no Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas.

Descrición editar

 

Representa o deus Poseidón nu, en pé e en actitude de lanzar o tridente (que non se recuperou). A actitude pode asimilarse tamén á de Zeus lanzando o seu raio, polo que a escultura foi identificada cun ou outro deus [3], e recibiu o nome de "Deus do cabo Artemísion", pero existe un relevo romano onde se ve co tridente na man, o que descarta a confusión coa figura de Zeus [4]. A páxina web do Museo titula a obra como "Poseidón de Cabo Artemision" [1].

Tratase dunha escultura en vulto redondo, de estilo naturalista idealizado. Ten unha altura de 209 cm e un ancho máximo de 210 cm. Está realizada en bronce mediante a técnica da cera perdida, un método escultórico que permite obter a figura a partir dun molde elaborado con cera. Reflicte perfectamente a idea de mobilidade, para o que o deus precisa ter gran liberdade de movemento, iso esixe representalo nu (mentres que Zeus represéntase con capa ou túnica). Tamén a posición da man dereita, cos dedos abertos, parece apuntar a que sostén un tridente, mentres que un raio se representaría asido coa man pechada.

Presenta un gran realismo (na musculatura e na modelaxe do pelo e da barba), lonxe do xeometrismo arcaico. O estilo severo reflíctese na contraposición da tensión e esforzo do momento de lanzar o tridente, fronte á serenidade e sobriedade do rostro.

A autoría se atribuíu, sen seguridade, ó escultor Kalamis, un dos principais representantes do estilo severo. Non se conserva ningunha obra súa pero coñécense por copias ou por estar reproducidas en moedas [2].

No adro principal da sede das Nacións Unidas, en Nova York, exponse unha réplica desta escultura, doada polo goberno grego.

Notas editar

  1. Etapa de transición entre o período Arcaico e o Clasicismo pleno, durante a primeira metade do século V a.C. Tamén se denomina Clasicismo temperán. Outra gran obra deste mesmo momento é o Auriga de Delfos.
  2. As circunstancias do achado impiden saber qué función puido ter ou o lugar ó que estaría destinada a escultura.
  3. "De controvertida identificación" (Martínez de la Torre, px. 167).
  4. Elvira Barba, px. 129.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Elvira Barba, Miguel Ángel (2017). Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex. ISBN 9788477378464.  (en castelán)
  • Martínez de la Torre, Cruz (2016). Arte de las grandes civilizaciones clásicas: Grecia y Roma. Centro de Estudios Ramón Areces. ISBN 9788499612287.  (en castelán)

Ligazóns externas editar