Portal:Santiago de Compostela/Lugar de interese/Arquivo

Aquí están todos os artigos destacados no portal Santiago de Compostela:

1 editar

A Catedral de Santiago de Compostela é un templo de culto católico situado na cidade de Santiago de Compostela. Acolle o que, segundo a tradición católica, é o sepulcro do Apóstolo Santiago, o cal converteu o templo nun dos principais destinos de peregrinación de Europa durante a Idade Media a través do chamado Camiño de Santiago, unha ruta iniciática na que se seguía o ronsel da Vía Láctea comunicando a península Ibérica co resto do continente. Isto foi determinante para que os reinos medievais na península participasen nos movementos culturais da época, e segue a ser un importante destino de peregrinación. Un privilexio concedido en 1122 polo papa Calisto II declarou que serían «Ano Santo» ou «Ano Xubilar» en Compostela todos os anos nos que o día 25 de xullo, día de Santiago, coincidise en domingo; este privilexio foi confirmado polo papa Alexandre III na súa bula Regis aeterni en 1179.

Foi declarada Ben de Interese Cultural en 1896, e a cidade vella de Santiago de Compostela, que se concentra ao redor da catedral, foi declarada ben cultural Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1985.


2 editar

O Pazo de Raxoi é un edificio civil de Santiago de Compostela de estilo neoclásico francés, sede da corporación municipal da cidade, aínda que ao longo da historia ten acollido outros organismos. O seu nome honra ao arcebispo Bartolomé de Raxoi, que foi impulsor principal da edificación, aínda que non o único. Está localizado na parte occidental da praza do Obradoiro, que pecha por esa banda, fronte á fachada principal da catedral de Santiago, por outra banda á súa dereita sitúase o Colexio de San Xerome, que hoxe serve de sede do Reitorado da Universidade de Santiago; á esquerda do pazo érguese o Hospital Real dos Reis Católicos.

O edificio foi construído segundo as trazas do enxeñeiro Carlos Lemaur, sendo dirixidas as obras por frei Manuel de los Mártires, e como executores reais polos mestres Juan López Freire e Alberte Ricoy, e, segundo a inscrición que figura no friso do mesmo pazo, as obras tiveron lugar entre 1766 e 1772.


3 editar

O Castelo da Rocha Forte é un sitio arqueolóxico en proceso de escavación do castelo medieval máis emblemático da mitra compostelá, que tivo un período de ocupación desde, aproximadamente, o ano 1240 ao 1467, ano no que foi destruído ata os seus alicerces polos irmandiños. Nel tiveron lugar feitos moi sinalados da historia de Santiago de Compostela. Tamén coñecido como Castelo dos Churruchaos, está situado na parroquia de Conxo no lugar da Rocha Vella, pertencente ao concello de Santiago de Compostela.

O castelo foi construído polo arcebispo Xoán Arias cara ao ano 1240, e dende entón serviu como residencia arcebispal e do cabido, sendo testemuña de gran parte da historia medieval de Santiago. No ano 1255 aparece a primeira mención documental da fortaleza en relación coas constitucións capitulares de Xoán Arias.


4 editar

O Hospital Real de Santiago, tamén coñecido como Gran Hospital Real de Santiago e, nos últimos tempos, como Hospital Xeral de Santiago, ten a súa orixe nunha viaxe que fixeron os Reis Católicos a Santiago de Compostela en 1492, na que advertiron que nesa cidade, a pesar de que contaba con numerosos pequenos hospitais, os peregrinos enfermos estaban mal atendidos, o que os impulsou á creación dun novo e moderno Hospital. Para poderen construílo e mantelo, os Reis Católicos instituíron un Real Padroado en 1499, que dotaron cun terzo das rendas do Voto de Santiago do Reino de Granada.

Os peregrinos, ao presentaren A Compostela dilixenciada, coa credencial debidamente cuberta adquirían o dereito a seren hospedados gratuitamente durante tres días. Xustamente o termo hospital refírese a esta primeira función que tiveron estas institucións. Con todo, o edifico que albergou ao Hospital Real é, desde 1954, un hotel de gran luxo, da rede de Paradores Nacionais de Turismo, denominado hoxe Parador de Santiago (antes Hotel dos Reis Católicos, e moito antes Hostal dos Reis Católicos).


5 editar

O Museo das Peregrinacións e de Santiago é un museo de Santiago de Compostela centrado no fenómeno universal da peregrinación (con especial atención á xacobea) e no nacemento e desenvolvemento da cidade de Santiago ó redor da catedral e da peregrinación á tumba de Santiago o Maior.

Foi creado en 1951 grazas á iniciativa de Manuel Chamoso Lamas, co obxectivo de albergar os restos arqueolóxicos e outros elementos relacionados con Santiago de Compostela e coa peregrinación xacobea, se ben apenas tivo actividade ata 1996. Aínda así, demórase ata 2007 a publicación do instrumento legal do museo, xa baixo o nome actual de Museo das Peregrinacións e de Santiago. En 2012 ampliou as súas instalacións grazas á integración no museo do antigo edificio do Banco de España, na praza das Praterías, cambiando o nome e constituíndose nun museo descentralizado: está integrado pola Casa Gótica (o museo orixinal), a Casa do Cabido e este novo edificio.


6 editar

O Castriño de Conxo é un sitio arqueolóxico composto por un castro prerromano (non estudado) e nel unha rocha cuxa superficie contén unhas serie de gravuras coñecidas como petróglifos. Atópase na parroquia de Conxo, no concello de Santiago de Compostela, provincia da Coruña, no lugar coñecido como A Volta do Castro.

Pese a non ser tido obxecto de estudio, realizáronse diversas prospeccións arqueolóxicas que percibiron un recinto ovalado moi irregular. Nel atopáronse muíños de man e diversos anacos de cerámicas castrexas. Só un muro foi visible, de 5 metros de lonxitude por medio metro de altura. Porén o castro atópase en estado de abandono.

Entre os petroglifos pódense observar claramente figuras como un puñal con dobre nervadura, dúas espadas enfrontadas pola empuñadura e unha terceira máis á dereita; tamén ata catro posibles, simplificadas, alabardas (de representación moi pouco usual nas nosas terras), arma de orixe centroeuropea, e outros trazos diversos moi erosionados, posibles restos doutras armas representadas.


7 editar

A Colexiata de Santa María a Real do Sar é un templo románico e casa de cóengos anexa fundado como mosteiro da regra de Santo Agostiño a carón do río Sar, no concello de Santiago de Compostela.

Fundado por Munio Afonso, bispo dimisionario da diocese de Mondoñedo e antigo colaborador de Diego Xelmírez. A obra rematou trala súa morte en 1136, se ben foi un proceso foi lento e complexo e precisou de importantes modificacións e reconstrucións nos séculos XVI, XVIII e XX.

O trazo máis sobranceiro deste edificio e o que o fai singular entre todos os de Galicia é a fortuíta e pronunciada inclinación dos seus muros e piares. Paralelo ao muro sur do templo consérvase parte dun dos lados do claustro medieval, destacado exemplo do románico compostelán de tempos do arcebispo Xoán Arias. No interior do templo atópase o Museo de Arte Sacra de Santa María a Real de Sar con pezas que amosan a vida desta comunidade monástica ao longo dos séculos.


8 editar

O pazo ou convento de San Lourenzo de Trasouto é un pazo e antigo mosteiro franciscano localizado a rentes da carballeira de San Lourenzo, na cidade de Santiago de Compostela. O conxunto conta cun recinto amurallado que ocupa unha superficie de máis de 40.000 m²; está incluído desde 1979 coma Ben de Interese Cultural - Patrimonio Artístico Nacional.

Foi mandado construír polo bispo de Zamora Martín Arias, en 1216 (século XIII), cando fundou unha ermida. Nel pasou unha noite o emperador Carlos V en 1520. Desde o século XV é propiedade dos Condes de Altamira, que o cederon á Orde Franciscana. No século XVIII foi construído o claustro, a sancristía e foi erixido un cruceiro.

Ten a particularidade de se tratar dun pazo-mosteiro en cuxo claustro se atopa unha das máis importantes mostras da xardinaxe xeométrica galega. Os xardíns conservan a orixinal traza conventual e o estilo romántico do tempo do seu deseño. Salientan ademais dos buxos, as camelias e os magnolios entre as máis de cen especies vexetais de xardíns e arboredo.


9 editar

A Cidade da Cultura de Galicia (CDC) é un complexo arquitectónico, cultural e de entretemento que está a ser construído na cidade de Santiago de Compostela. O complexo naceu co propósito de reconciliar a conservación patrimonial coa produción de coñecemento, investigación, creación e consumo cultura. Está comunicada ao centro da cidade coa liña 9 de autobús.

O proxecto de construción da Cidade da Cultura de Galicia naceu no ano 1999 cando a Xunta de Galicia convocou un concurso internacional para escoller o proxecto que rexería a súa construción no monte Gaiás. Unha vez avaliadas tódalas propostas, elixiuse como proxecto final o do grupo Eisenman Architects, atendendo, segundo o fallo do concurso, á súa singularidade tanto conceptual como plástica, e á súa excepcional sintonía co lugar.

O complexo do Gaiás ocupa unha superficie de 141.800 metros cadrados. Inicialmente o proxecto ía constar de seis edificios: a Biblioteca de Galicia, o Arquivo de Galicia, o Museo de Galicia, o Edificio de Servizos Centrais, o Centro da Música e das Artes Escénicas e o Centro de arte internacional, se ben a construción destes dous últimos edificios foi suspendida.


10 editar

A rúa da Acibechería é unha rúa da cidade de Santiago de Compostela, situada ao norte da súa améndoa histórica. É a última rúa que se atravesa antes de chegar á catedral para os peregrinos dos Camiño Francés, Camiño Primitivo, Camiño do Norte e Camiño Inglés. A rúa encóntrase ao norte da antiga cidade, no importante eixo leste-oeste que unía a Porta do Camiño coa Praza do Obradoiro, unindo as prazas de Cervantes e da Inmaculada.

Antigamente esta rúa recibía o nome de rúa da Moeda ou dos Cambeas, pola gran cantidade de casas de cambio que había nela. Debido ao gran número de artesáns do gremio dos acibecheiros ao longo da rúa, no século XV cambiouse o seu nome polo actual.

Entre os edificios da rúa destacan os números 3, 6, 7, 8, 12, 14, 16, 18, 19, 21 e 33. Antigamente na rúa da Acibechería encontrábase o vello Colexio de San Xerome e a Fonte do Hospital de Santiago, ambos actualmente desaparecidos.