Portal:Lombardía/Artigo destacado/1

A batalla de Legnano tivo lugar o 29 de maio de 1176, nos arredores da cidade de Legnano, na actual provincia de Milán, rexión histórica da Lombardía, Italia. Tivo unha repercusión crucial na guerra que mantiña o Sacro Imperio Romano Xermánico, dirixido por Frederico Barbarroxa, contra as comunas do norte de Italia, que depuxeran as súas rivalidades para unirse na Liga lombarda baixo a dirección do Papa Alexandre III.

Este enfrontamento non era propiamente unha guerra entre Alemaña e Italia, posto que non existían como tales nacións e había alemáns e italianos interesados na vitoria de cada uns dos bandos. Máis ben debe entenderse como parte do prolongado conflito interno entre güelfos e xibelinos, e do aínda máis antigo existente entre os dous poderes universais: Pontificado e Imperio.

O Emperador tentou o emprego da forza para someter ás comunas, e foi vencido polas tropas lombardas, que fixeron bo uso da topografía do terreo e das súas picas contra un exército composto case exclusivamente de cabalaría.