Portal:Hóckey sobre xeo/Cabezallo

O hóckey sobre xeo é un deporte de equipo xogado sobre unha pista de xeo entre dous equipos de seis xogadores cada un. Todos os xogadores van en patíns de xeo e empregan un pau ou stick para guiar un disco de caucho denominado puck á portería contraria para anotar un gol. É considerado a principal variedade de hóckey nos países do hemisferio norte con climas fríos, gozando de gran popularidade en países como Canadá (onde se inventou e é considerado o deporte nacional), Finlandia, Suecia, Rusia, República Checa, Eslovaquia, e os Estados Unidos.

O hóckey sobre xeo é un deporte olímpico dende os Xogos Olímpicos de 1920. O máximo dominador olímpico é Canadá, con 15 medallas en categoría masculina (9 ouros, 4 pratas e 2 bronces) e 5 en categoría feminina (as mesmas que Estados Unidos, pero con 4 ouros por un das estadounidenses). No Campionato do Mundo o máximo dominador na categoría feminina é Canadá, mentres que na categoría masculina domina a selección de Rusia tras herdar as 34 medallas conseguidas pola Unión Soviética.