Cornualla (en inglés: Cornwall; en córnico: Kernow) é un condado administrativo e cerimonial, que ocupa parte da península do mesmo nome, no extremo suroccidental de Inglaterra. Os seus habitantes, os córnicos, están recoñecidos como unha minoría nacional polo Reino Unido desde o 24 de abril de 2014. As súas costas, moi recortadas, son bañadas polo mar Céltico ó norte e oeste e polo canal da Mancha ó sur, e culminan na parte oeste, no chamado Fin da Terra, que equivalería á Fisterra galega ou á Finistère bretoa.
O tamén coñecido como país do estaño está ó oeste do condado de Devon, co río Tamar como fronteira entre ambos. As estradas principais de comunicación co resto da illa de Gran Bretaña son a A38 —que cruza o Tamar en Plymouth grazas á ponte do Tamar— e a A30 —que cruza a fronteira polo sur de Launceston—. Un transbordador tamén une Plymouth coa cidade de Torpoint ó outro lado do Hamoaze. Unha ponte ferroviaria (a Royal Albert Bridge), construída por Brunel en 1859, completa a outra gran vía de transporte.
As illas Scilly están asociadas a Cornualla. Cornualla é tamén un ducado pertencente á coroa británica que ten asociado o título de Duque de Cornualla, correspondente ao herdeiro do rei. O moderno ducado é propietario do 2% do territorio, así como doutras grandes áreas ó longo de Gran Bretaña. Entre 2005 e 2022, o título gañou notoriedade por ser empregado de xeito preferente por Camila do Reino Unido logo da súa voda co príncipe de Gales, Carlos de Inglaterra.
Mebyon Kernow (que en córnico quere dicir "Fillos de Cornualla", MK) é un partido nacionalista de Cornualla, un condado do suroeste de Inglaterra. Conta con catro escanos no Consello de Cornualla, e conta con concelleiros en varias vilas e parroquias do condado.
A paisaxe mineira de Cornualla e Devon oeste é un lugar Patrimonio da Humanidade que inclúe determinadas paisaxes mineiras en Cornualla e Devon oeste no suroeste de Inglaterra. O sitio engadiuse á Lista do Patrimonio Mundial durante a 30ª Sesión do Comité do Patrimonio Mundial da UNESCO en Vilnius, en xullo de 2006. Seguindo os plans de 2011 para reiniciar a explotación mineira en South Crofty, e para construír un supermercado en Hayle Harbour, o Comité do Patrimonio Mundial redactou unha decisión en 2014 para poñer o sitio na Lista do Patrimonio Mundial en Perigo, pero isto rexeitouse na 38ª Sesión do Comité en Doha, Qatar (xullo de 2014), a favor dunha Misión de Seguimento Reactivo de seguimento.
Ata mediados do século XVI, Devon producía aproximadamente un 25-40 % da cantidade de estaño que producía Cornualla, pero a cantidade total de produción de estaño tanto de Cornualla como de Devon durante este período foi relativamente pequena. Despois da década de 1540, a produción de Cornualla aumentou e a produción de Devon situouse só entre unha novena e unha décima parte da de Cornualla. A partir de mediados do século XVI, os Devon Stannaries achegaban moi poucos ingresos para o rei e abandonáronse tras a Lei de Supremacía do Parlamento de 1512 (isto non se aplica á Stannaries de Cornualla).
Dolly Pentreath ou Dorothy Pentreath, nada en 1692 e finada en decembro de 1777, foi unha muller córnica coñecida por ser probabelmente a derradeira falante nativa de córnico. Crese que as súas derradeiras palabras foron "Me ne vidn cewsel Sawznek!" (Eu nunca falarei inglés!). En Cornualla é recordada por maldicir ós que se atopaba cando estaba enfadada. A súa morte supuxo a fin do córnico como lingua viva.
Pentreath viviu na parroquia de Paul, preto de Mousehole, onde está enterrada. En 1860Louis Lucien Bonaparte, sobriño de Napoleón I de Francia, estableceu un monumento na súa honra na igrexa da vila.
Ó igual que ocorre con outros "últimos falantes nativos", existe unha certa controversia sobre o seu status. William Bodinar (finado en 1794) aprendeu córnico de neno e, en 1776, aínda lembraba o suficiente como para escribir unha carta en dita lingua.[1]. Posteriormente, o córnico mantivo un certo uso, unhas poucas persoas aprendérono de xeito illado e algunhas palabras de orixe córnica aínda se empregan hoxe en día no dilecto do inglés que se fala en Cornualla. Porén, a lingua foi revivida no século XX e na actualidade, algúns nenos e mozos falan o córnico como lingua materna. No 2006 estimouse que había 3.500 falantes de córnico nun nivel básico.