Ponte dos Remedios

ponte baixo medieval sobre o río Tea, en Ponteareas

Coordenadas: 42°10′37″N 8°30′40″O / 42.1769169, -8.5110808

A ponte dos Remedios ou ponte de San Roque é unha ponte de época baixo medieval sobre o río Tea situada par da vila de Ponteareas. Deu o nome á vila de Ponteareas.

Ponte dos Remedios
Localización
RíoTea
ConcelloPonteareas
ProvinciaPontevedra
Características
Construciónséculos XIII-XV
TipoRománico
MaterialPedra de granito

Localización editar

Atópase na parroquia de San Miguel de Ponteareas, xusto á beira da vila. Grazas á ponte cruzábase o río Tea para entrar na vila dende o lado oeste. Outra ponte substitúe o tránsito rodado dende hai anos. Nun dos extremos da ponte atópase unha pequena capela dedicada a San Roque.

A zona atópase hoxe axeitada como zona de lecer e baño polo concello malia ter unha contorna bastante degradada paisaxisticamente por mor á construción dalgunhas naves industriais, unha gran sala de festas e polo propio crecemento da vila.

Moi preto, a uns dous quilómetros río arriba atopamos a praia fluvial da Freixa.

Descrición editar

 

A ponte Vella de Ponteareas é de fábrica de cachotaría de granito ben conformada. Ten unha orixe romana, porén a ponte actual é de clara conformación medieval, como se pode constatar grazas aos abondosos sinais lapidarios que atopamos no perpiaño. Conta con catro arcos, tres ovais, con dous grandes tallamares contracorrente, que indican que a ponte foi erguida arredor dos séculos XIII ou XV posibelmente sobre os alicerces romanos. O camiño da ponte leva á unha pequena ermida en honra a San Roque, cuxa festividade é no mes de agosto.

 

Historia editar

É unha das catro grandes pontes antigas do Tea. Historicamente formaba parte do antigo camiño real que unía Tui e despois Vigo con Ourense e Castela. A zona estivera habitada dende hai séculos, mostra disto témolo na abundancia de castros coma os de Troña ou o de Lira. Os romanos aproveitaron o vao areento existente para a construción dunha primeira ponte. Ademais, preto de Ponteareas existía unha importante vila romana na parroquia actual de Angoares. Pénsase que por aquí pasou, logo, unha vía romana, quizais a XIX, do itinerario de Antonino Pío, que comunicaba a capital da antiga Gallaecia: Bracara Augusta (actual Braga) coa importante cidade galaica de Asturica Augusta (actual Astorga).

A ponte foi posibelmente destruída nalgunha enchente polo que se volveu construír sobre os fundamentos romanos arredor do século XIII. Tras varias restauracións chegou coa mesma estrutura aos nosos días. Hoxe o tránsito da estrada que entra en Ponteareas, a N-120 (Vigo-Ourense) non atravesa a ponte, pois nos anos 60 construíuse outra moi preto, tamén de granito, cun só arco para desaturar á vella.

Lendas editar

Coma outras pontes galegas (mesmo a achegada ponte das Partidas), áchase relacionada coa lenda do bautismo anticipado, no que unha muller que non pode ter fillos, acudirá á media noite e pediralle ao primeiro camiñante de lle dicir unhas verbas rituais e verter auga do río no seu ventre cunha cunca atada cunha corda coma se fose un bautizo prenatal, mentres esta bota unha moedas no río. Despois do bautizo a muller debe convidar o home a un xantar feito por ela na mesma ponte. Ao rematar o xantar, cómpre tirar todos o restos, incluso os garfos, culleres etc, no río. Unha vez nado o meniño, este home ten que apadriñalo.

Estado de conservación editar

O estado de conservación da ponte é bo. O tránsito de vehículos non está permitido dende hai anos, polo que é facilitada a súa conservación estrutural. Tamén se mantén o chan orixinal de lousas de granito. En 2011 o concello de Ponteareas, cun convenio coa Consellaría de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, fai unha limpeza da ponte, para protexer e conservar a estrutura.

Aínda se conserva parte dunha antiga calzada. É unha das catro antigas pontes do Tea, xunto coa ponte de Cernadela, a ponte das Partidas e mais a ponte de Fillaboa.

A contorna da ponte está algo afectada por mor das edificacións que se teñen feito durante o século XX, en parte a causa do gran crecemento da vila.[1]

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar

  • Ficha en Patrimonio galego.
  • María Rodríguez Serantes e Alberto Alonso de Dios: Ficha na páxina web de Galicia máxica (en castelán).