Polly Porter

cristalógrafa británica

Mary Winearls Porter, nada o 26 de xullo de 1886 e finada o 25 de novembro de 1980,[1] máis coñecida como Polly Porter, foi unha cristalógrafa británica que contribuíu ao desenvolvemento da cristalografía de raios X desde os seus inicios na segunda década do século XX. Foi investigadora e profesora no Somerville College da Universidade de Oxford e membro da dirección da facultade de 1937 a 1947. Foi membro do consello da Mineralogical Society of Great Britain entre 1918-1921 e 1929-1932 e membro da Mineralogical Society of America entre 1921 e 1927.

Traxectoria editar

O seu pai era correspondente de The Times e a familia viaxaba constantemente, polo que Porter non recibiu unha educación formal, a pesar de mostrar sinais de talento especial durante a súa infancia.[2] Durante unha estancia en Roma, comezou a recoller fragmentos de mármore de ruínas antigas e unha vez de volta ao Reino Unido en 1902,[3] interesouse polos mármores italianos expostos no Museo da Universidade de Oxford. Henry Alexander Miers, profesor de Mineraloxía e cristalógrafo, sinalou o seu interese e proporcionoulle emprego no museo durante os meses que a súa familia pasou en Oxford, ademais de tentar sen éxito convencer os seus pais para que lle permitisen estudar.

En 1910 traballou durante un ano como investigadora para o minerálogo Alfred Tutton, e durante unha estadía de dous anos nos Estados Unidos, conseguiu traballos catalogando minerais no Museo Nacional de Washington e no Bryn Mawr College de Pensilvania. En 1914 traballou na Universidade de Heidelberg, en Alemaña, antes de regresar a Oxford,[4] e durante a primeira guerra mundial investigou os compostos orgánicos con William Perkin no departamento de Química. A pesar da súa falta de credenciais académicas, en 1919 concedeulle unha bolsa para o Somerville College, que lle permitiu cursar cristalografía a tempo completo e, finalmente, obter unha licenciatura en Ciencias e un doutoramento en Oxford.

Continuou o seu traballo de investigación ata 1959, combinándoo coa edición dos tres volumes do índice Barker de cristais e clases de cristalografía para estudantes de Química. Dorothy Crowfoot Hodgkin, futura premio Nobel foi unha desas alumnas, e considerou a Porter unha mentora e unha influencia importante na súa carreira. É posible que se non coñecese a Porter, Hodgkin elixise outro campo de investigación.

Porter mantivo vínculos con Somerville ao longo da súa carreira; colaborou en campañas de financiamento da institución e foi membro do consello de administración entre 1937 e 1947.

Obra editar

Con vinte e un anos, antes de comezar a súa carreira científica, Porter publicou un libro sobre Roma, What Rome was built with (1907), inspirado na súa estancia nesa cidade durante a súa adolescencia. Ao longo da súa carreira, publicou varios artigos científicos en revistas como Proceedings of the Royal Society e Nature e coeditou as tres partes de The Barker Index of Crystals, un traballo de referencia para identificar miles de compostos polas súas propiedades de difracción cristalina. Os tres volumes foron publicados en 1951, 1956 e 1963 respectivamente.

Recoñecementos editar

Polly Porter foi nomeada membro honorario do Somerville College en 1948. Foi membro do consello da Mineralogical Society of Great Britain entre 1918-1921 e 1929-1932 e membro da Mineralogical Society of America entre 1921 e 1927.

Notas editar

  1. "Mary Winearls Porter, geóloga". Mujeres con ciencia (en castelán). 2019-07-26. Consultado o 2022-07-27. 
  2. Haines, Catharine M. C. (2001). International women in science : a biographical dictionary to 1950. Santa Barbara, Calif.: ABC-CLIO. ISBN 978-1-280-72550-0. OCLC 50174714. 
  3. Ferry, Georgina (2014). Dorothy Hodgkin : a life. London. ISBN 978-1-4482-1171-5. OCLC 910929640. 
  4. Rayner-Canham, Marelene F. (2008). Chemistry was their life : pioneering British women chemists, 1880-1949. Londres: Imperial College Press. ISBN 978-1-86094-987-6. OCLC 665046168.