Playback (novela)
Playback é unha novela negra de Raymond Chandler publicada en 1958, a última que rematou e a derradeira da saga do detective privado Philip Marlowe. É a única novela do autor que nunca foi adaptada ao cinema.
Playback | |
---|---|
Título orixinal | Playback |
Autor/a | Raymond Chandler |
Orixe | Estados Unidos |
Lingua | inglés |
Xénero(s) | Novela negra |
Editorial | Houghton Mifflin (EUA) Hamish Hamilton (UK) |
Data de pub. | 1958 |
Formato | tapa dura e tapa branda |
Páxinas | 208 (tapa dura) |
Precedido por | O longo adeus |
Seguido por | Poodle Springs |
[ editar datos en Wikidata ] |
Trama
editarA novela está ambientada en California a comezos de 1952, 18 meses despois da ruptura de Marlowe con Linda Loring en The Long Goodbye.
A través dun avogado de Los Angeles, Marlowe é contratado para seguir unha muller que chega en tren á cidade. A muller faise chamar Eleanor King, pero o seu nome de solteira é Betty Mayfield. Marlowe séguea até unha pequena vila da costa, Esmeralda. Durante o traxecto en tren, un home recoñécea e intenta facerlle chantaxe, se ben o motivo non se sabe até o final da novela.
Marlowe dille a Betty que ten o encargo de seguila pero que non sabe o motivo, e que intentará protexela do chantaxista. Ela dille que o home apareceu morto na terraza da súa habitación, e pídelle axuda para desfacerse do corpo. Marlowe móstrase cauto e desconfiado, sobe á habitación, e descobre que ela lle mentiu, pois non hai corpo ningún.
Na vila, Marlowe crúzase con diversos personaxes con estrañas inquedanzas, como un avogado taciturno e a súa intelixente secretaria (coa que o detective ten un encontro sexual), un gángster retirado, un matón ao que Marlowe deixa eivado, policías decentes, emigrantes mexicanos, e un ancián millonario co que ten unha extensa discusión filosófica.
Na comisaría, Marlowe descobre que Betty Mayfield estivera casada co fillo dun millonario dunha pequena vila de Carolina do Norte. Durante a segunda guerra mundial o seu home sufriu un accidente no pescozo. Unha noite, logo dunha discusión de parella, o marido apareceu morto sen o protector para o pescozo. Ela foi acusada de asasinato, e a pesar de ser declarada culpable por un tribunal popular, foi absolta polo xuíz. O pai do seu home promete perseguila para acosala e provocar a xustiza pola man. O chantaxista é un home que a recoñeceu no tren, e quere cartos a cambio de non acusala ante o millonario.
O capitán de policía de Esmeralda dille ao pai que non ten nada que facer, ao ser declarada inocente. O chantaxista desaparece, presuntamente matado por un dos homes ricos da vila, que non quere mala publicidade para o seu hotel. Betty desaparece de novo, logo de se deitar con Marlowe.
Finalmente, o detective recibe unha chamada de Linda Loring desde París, pedíndolle que vaia a Europa e case con ela. El dille que acepta casar con ela, pero para viviren en California.
Historia
editarA novela está baseada nun guión previo de Chandler que fora rexeitado varios anos antes. É a única novela ambientada fóra de Los Angeles, e a vila de Esmeralda refírese a La Jolla, onde Chandler viviu os seus últimos anos.