Abrir o menú principal
Ciclistas en Seattle, 2007.

A pintura corporal, tamén coñecida como body painting, é a aplicación na pel humana de pintura artística. Está considera unha das primeiras formas de expresión plástica utilizadas polo ser humano.

Índice

HistoriaEditar

Na prehistoria comezaron a usarse como pigmentos a terra, o carbón de madeira, o xiz e o sangue de animais. O uso desta técnica de maquillaxe puido servir como camuflaxe para a caza, como pinturas de guerra para impresionar o inimigo, como sinal de recoñecemento na propia tribo ou como ritual. Ao longo do tempo esta pintura efémera inicial derivou nas diversas culturas en tatuaxes máis ou menos definitivas.

A finais do século XX a pintura corporal reapareceu en Occidente a nivel artístico. Actualmente existen diversos festivais, entre eles en Seeboden (Austria) e Bruxelas (Bélxica).

DiversidadeEditar

 
Pintura corporal no Carnaval de Loulé (Portugal).

Case todas as sociedades tribais practicaron a pintura corporal con axuda de arxila ou carbón. Utilizada habitualmente durante as cerimonias, practícase aínda en rexións como Australia e as illas do océano Pacífico.

Nalgunhas tribos do sueste dos outeiros do Nuba sudanés as cores das pinturas (xunto cos peiteados) indican a idade dos homes. Estas pinturas son realizadas polos mozos nas aldeas de Kau, Nyaro e Fungor.

En diversas rexións entre a India e o Magreb, as mulleres practican unha forma de pintura corporal máis duradeira con henna, decote en ocasións como celebracións relixiosas ou matrimonios. A decoración con henna colorea a pel en tons entre o laranxa e o negro.

Algúns pobos indíxenas de Sudamérica utilizan o huito o genipapo (genipa americana), o annatto e o carbón. O huito, a semellanza da henna, é bastante estable, e a súa cor negra tarda algunhas semanas en borrarse.

CoresEditar

 
Pinturas fluorescentes iluminadas con luz ultravioleta.

As materias utilizadas para fabricar unha cor poden ser de orixe vexetal, mineral ou animal. Os pigmentos universalmente máis apreciados son o vermello, o negro, o branco e o ocre.

As cores máis utilizadas polos amerindios son o vermelo vivo (extraído do urucù), o negro verdoso (do xugo de xenipapo), o branco (da arxila) e o negro (da polpa da froita xenipapo e do carbón de madeira).

O branco adoita asociarse ao loito ou á purificación. O ocre cor do sangue e da terra fértil, acostuma representar a enerxía vital e a fecundidade. O negro, evocador da noite e o caos primordial, simboliza o nada.

Práctica artísticaEditar

A pintura corporal practícase na actualidade nas sociedades occidentais cunha finalidade lúdica e decorativa. Parte do éxito está en que permite unha exposición do corpo espido sen tentar contra o sentido do pudor que prevalece en certas sociedades; con frecuencia a pintura escollida representa pezas de vestir.

Adoita recorrerse a motivos animais, transformándose as persoas modelos en felinos, cans, cebras ou vacas, por exemplo. Outro tema recorrente é o fantástico, debuxando ás, antenas ou garras. É común tamén a procura da camuflaxe e o mimetismo, buscando integrar o corpo no contorno. Tamén é frecuente o debuxo de motivos vexetais ou xeométricos (típicos tamén das tatuaxes).

Adoita usarse en eventos como o entroido (formando parte do disfrace) e eventos deportivos.

Galería de imaxesEditar

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar