Filae

(Redirección desde «Philae»)

Filae (en textos latinos: Philæ, Philae) era o nome dunha illa situada no río Nilo, a once quilómetros ao sur de Asuán, no Exipto. Foi soado polos templos erixidos durante os períodos tolemaico e romano dedicados ao culto á deusa Isis que se espallou por todo o Mediterráneo, manténdose a súa veneración no templo de File ata que foi prohibido en tempos de Xustiniano I, no ano 535

Modelo:Xeografía políticaFilae
Imaxe

Localización
Mapa
 24°01′18″N 32°53′20″L / 24.02174, 32.88891Coordenadas: 24°01′18″N 32°53′20″L / 24.02174, 32.88891
EstadoExipto
GobernaciónAssuão (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Xeografía
Altitude144 m Editar o valor em Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario

Monumentos nubios de Abu Simbel e File
Templo de Filae.
File en Exipto
File
File
Patrimonio da Humanidade - UNESCO
PaísExipto Exipto
Localización24°01′31″N 32°53′03″L / 24.02528, -32.88417
TipoCultural
CriteriosI, III, VI
Inscrición1979 (3ª sesión)
Rexión da UNESCOÁfrica
Identificador88

A illa de Filae ficou mergullada no século XX baixo as augas encoradas polo encoro de Asuán, aínda que baixo patrocinio da Unesco os templos foron desmontados, trasladados e reconstruídos no próximo illote de Agilkia.

Historia editar

Isis foi unha das deusas principais do panteón exipcio, mais só a partir de Nectanebo I, faraón da dinastía XXX, comezaron a erixirse edificacións sacras de certa importancia na illa. Os tolemaicos continuaron ampliando o complexo e, posteriormente, algúns emperadores romanos como Augusto, Tiberio, Traxano e Hadriano, ordenaron construír máis edificacións.

O culto á deusa perdurou ata o século VI, cando o emperador romano de oriente, Xustiniano I, o prohibiu. O conxunto reconverteuse entón en igrexa cristiá dedicada á advocación de Santo Estevo, ata o século XII, época na que o credo islamita xa se impuxera como relixión maioritaria da poboación exipcia.

Mapa dos templos de Filae

Patrimonio da Humanidade editar

O conxunto de templos de Filae forma parte do Museo ao aire libre de Nubia e Asuán, declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 1979 co nome de Monumentos de Nubia de Abú Simbel a Filae.

O sistema templario en Filae; a gramática do templo editar

O conxunto de templos da illa de Filae non constitúe un sistema illado. Así a todo, está estreitamente vencellado a outros templos próximos (Abatón) e á serie de templos nubios que, dende Filae, fican nas beiras da Baixa Nubia. Cómpre lembrar que o gobernante exipcio (case de xeito continuado en cada reinado) regaloulle "os campos" (o Dodekaschoenos) á deusa (o que é o mesmo que dicir aos seus sacerdotes).

Na illa, existe unha clara gradación nos templos. O templo principal é, naturalmente, o de Isis, e ocupa a posición axial, estando os outros templos (Arensnufis, Imhotep etc.) subordinados ao da deusa, atopándose transversalmente ao eixe principal.

A decoración dos muros dos templos que constitúen o conxunto de Filae realizouse conforme a un sistema descrito por Eleni Vassilika (Ptolemaic Philae), segundo o cal os artistas, seguindo as directrices dos teólogos, elaborarían unha serie de cartóns decorativos a partir dos cales fóronse erguendo as decoracións murais, mantendo estritas normas regradas.

Os templos ergueitos na illa de Filae editar

O conxunto do templo de Isis dispón de varias edificacións:

  • O vestíbulo de Nectanebo I, con perpiaños da época de Taharqo.
  • O templo de Arensnufis, divindade meroítica, de tempos de Tolomeo IV Filópator e Arqamani II, rei de Meroe.
  • As columnatas da época de Augusto e Tiberio.
  • A capela de Mandulis, divindade nubia.
  • O templo adicado a Imhotep, sabio divinizado da época de Dyeser.
  • A porta de tempos de Tolomeo II Filadelfo.
  • O primeiro pilono, cos obeliscos de Tolomeo VIII Evérxetes.
  • O patio co mammisi, de Tolomeo VIII, rematado por Tiberio.
  • O templo de Isis, decorado en época de Tolomeo II, rematado por Augusto e Tiberio.
  • O templo de Hathor, de Tolomeo VI Filómetor e Tolomeo VIII Evérxetes.
  • Ao oeste está a chamada porta de Hadriano, ao pasar pola cal chégase á capela principal e ao templo da deusa Hathor, ao leste do templo de Isis. Os alicerces están decorados con escenas de músicos, bailaríns e deuses. Ao suroeste está o quiosco de Traxano.

Estancias anexas editar

Entre as principais estancias que abrangue o conxunto, cabe destacar:

  • A biblioteca. O templo contaba cunha biblioteca de textos sagrados en papiro, para o uso dos sacerdotes no seu culto diario, así como para depósito de documentos.
  • A chamada "Estancia Meroítica". Unha das salas do templo acolle un interesante grupo de inscricións e representacións meroíticas, de extraordinario interese para a historia da zona.
Templos de Filae no illote de Agilkia
Acceso porticado ao templo dedicado á deusa Isis
Quiosco de Traxano
Os derradeiros xeroglíficos

Derradeiros vestixios da antiga escritura exipcia editar

A derradeira inscrición xeroglífica da que se ten evidencias foi gravada nos muros da porta ergueita en tempos do emperador Hadriano, situada no recinto do templo do Isis; gravouse o día 24 de agosto de 394, e consistía nunha invocación ao deus kushita Mandulis.[1]

O derradeiro texto escrito en exipcio demótico datouse no día 11 de decembro do ano 452; trátase dunha frase pintada nos muros do templo do Isis, en Filae.

Notas editar

  1. Devauchelle, Didier: Bulletin de la société française d'égyptologie, 131 (1994), p. 16-18.