Peste de Xustiniano

A peste de Xustiniano foi unha pandemia causada pola peste que afectou ao mundo mediterráneo, con especial incidencia no Imperio Bizantino entre os anos 541 e 544. Os historiadores da época, Procopio de Cesarea e Evagrio, dannos a primeira descrición inconfundible da peste.

Orixe editar

Esta epidemia tivo a súa orixe en Etiopía procedente do interior de África, ou polos navíos romanos que facían comercio coa India, e entrou no territorio de Bizancio por Exipto. Nesa altura Exipto pagaba a anona, o imposto de gran de trigo, para abastecer os mercados de Constantinopla, como fixera anteriormente a Roma. Serían neses navíos onde se levou a peste ao Imperio Bizantino, os primeiros lugares afectados foron os portos comerciais e de aí difundiuse cara ao interior.

Curso editar

No transcurso do ano 541 a epidemia chegou a Exipto a través do golfo de Suez ata o delta do Nilo, bifurcándose a súa difusión dunha banda cara Alexandría e doutra cara Antioquía, espallándose despois ao longo das ribeiras do río Nilo. En Constantinopla déronse os primeiros casos en marzo de 542 pero o período de virulencia foi de maio a agosto, a peste matou no seu pico, en xullo, preto de 10.000 persoas por día, segundo o historiador da época Procopio, acabando por matar ao 40% da poboación da cidade. A nobreza foi tamén decimada, levando ao emperador Xustiniano a promulgar novas leis de sucesión para facer fronte á desaparición masiva dos seus militares e burócratas. Ademais da capital nese ano de 542 a peste devastou tamén Palestina, Siria, Tracia e no ano 543 chegou ao interior de Anatolia e tamén á rexión do Mediterráneo occidental, arrasando Italia, a África bizantina, Hispania e por último á Galia no 544. Ademais durante o resto do século VI e todo o VII houbo repuntas cíclicas.

Nesa altura, o Imperio Bizantino loitaba contra a ocupación bárbara das terras do antigo Imperio romano occidental, tendo, grazas aos seus xenerais Belisario e ao escravo imperial e eunuco Narsés, recuperado o Norte de África, incluíndo Cartago dos Vándalos, e Italia e o sur de Hispania (incluíndo o Algarve) dos Ostrogodos e Visigodos. A perda de fondos e de homes na capital debido á peste foi determinante na cesación das hostilidades no período de maior éxito, levando finalmente á derrota da campaña pola presión continua das tribos bárbaras non conquistadas que alí habitaban.

Consecuencias editar

Estímase como máximo unha mortalidade do 25% da poboación das costas do Mediterráneo Oriental, preto de 25 millóns de persoas. Diminuíu a man de obra campesiña e aumentaron as zonas rurais despoboadas, Xustiniano decidiu redistribuír as terras de labor desertas entre os campesiños superviventes, pero o aumento da presión fiscal que comportaba a medida fixo que moitos pequenos propietarios vendesen as terras aos grandes propietarios.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Lester K. Little, ed., Plague and the End of Antiquity: The Pandemic of 541-750, Cambridge, 2006. ISBN 0-521-84639-0. (en inglés)
  • McNeill, William H., "Plagues and Peoples." Bantam Doubleday Dell Publishing Group, Inc., Nova York, NY, 1976, ISBN 0-385-12122-9. (en inglés)
  • Moorhead, J., "Justinian", Londres 1994. (en inglés)
  • Orent, Wendy. "Plague, The Mysterious Past and Terrifying Future of the World's Most Dangerous Disease.", Simon & Schuster, Inc., Nova York, NY, 2004, ISBN 0-7432-3685-8. (en inglés)
  • Rosen, William. Justinian's Flea: Plague, Empire, and the Birth of Europe, Viking Adult, 2007. ISBN 978-0-670-03855-8. (en inglés)

Outros artigos editar