Perífiton

(Redirección desde «Perifito»)

O perífiton[1][2] (do grego periphyton, de peri 'arredor' e phyton 'planta') é unha complexa mestura de algas, cianobacterias, microbios heterótrofos e detritos que está adherida ás superficies de obxectos ou outros seres vivos mergullados na maioría dos ecosistemas acuáticos. Nos países de falas xermánicas utilízase como termo practicamente equivalente aufwuchs. As superficies sobre as que crece o perífiton poden ser inertes (rochas, madeira morta, cemento...), bioconstruídas (cunchas) ou vexetais vivos ou animais ou superfices porosas e filtrantes como as das esponxas[3].

Perífiton nos Everglades
Cuncha do molusco Eustrombus gigas no seu hábitat natural cuberto de perífiton

O perífiton é unha importante fonte de alimento para moitos invertebrados, cágados e algúns peixes. Estes poden tomar o perífiton directamente das superficies ás que está adherido ou cando os residuos ou fragmentos de perífiton quedan regularmente en suspensión nas augas poden servir de alimento aos animais filtradores (bivalvos, caracois, esponxas...). Cando se produce unha sobreproliferación do perífiton, o que a miúdo se debe a achegas importantes de nutrientes (fósforo, nitróxeno), este pode chegar a destruír o hábitat de invertebrados ou os sitios de desova de peixes. A abundancia e tamaño dos macroinvertebrados bentónicos está en relación coa abundancia de perífiton en moitos ecosistemas.[4] As comunidades do perífiton poden utilizarse en acuicultura como sistemas para a produción de alimentos e para a eliminación de polucionantes disoltos ou sólidos. A súa aplicación como alimento en acuicultura está a ser investigada.

Tamén pode absorber contaminantes, eliminándoos da columna de auga e limitando o seu movemento polo medio ambiente. O perífiton é tamén un importante bioindicador da calidade da auga; as respostas desta comunidade aos contaminantes poden medirse nunha variedade de escalas representando fisioloxicamente os cambios a nivel de comunidade.[5] Por iso o perífiton foi utilizado con frecuencia como un sistema experimental, por exemplo nos estudos de tolerancia da comunidade inducida pola polución. Propúxose que se utilice como un bioindicador útil nos ambientes acuáticos xestionados ou en curso de renaturalización.[6]

O perífiton serve como indicador da calidade das augas [7] porque:

  • Ten de forma natural un elevado número de especies.
  • Presenta unha rápida resposta aos cambios.
  • É fácil de mostrear.
  • Ten unha tolerancia/sensibilidade ao cambio.

En certos contextos, un perífiton biomineralizante e inrustante pode conducir á formación dunha rocha bioxénica (tufo calcario).

Un risco ao que está sometido o perífiton é a urbanización, xa que o gran incemento dos niveis de turbidez asociados coa expansión urbana poden asfixiar o perífiton causando que se despegue das rochas onde vivía. Non obstante, pode ser importante para a limpeza de substancias químicas daniñas e na redución, en parte, da turbidez.

O termo "perífiton" foi introducido en 1924 por A. L. Behning, orixinalmente referido a seres que crecían sobre substratos artificiais.[8][9] Nun sentido estrito o perífiton inclúe só a flora de algas e diatomeas, pero o termo úsase tamén nun sentido máis amplo para incluír igualmente a micro e mediofauna que vive alimentándose sobre el.[8] O aufwuchs inclúe flora, micro e mediofauna, polo que é practicamente sinómimo de perífiton en sentido amplo, e ambos os termos úsanse hoxe sen importar o tipo de substrato sobre o que vivan os seres.[10]

Notas editar

  1. Definición de Perífiton no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  2. Dicionario de Bioloxía galego-castelán-inglés. Coordinadores: Jaime Gómez Márquez, Ana Mª Viñas Díaz e Manuel González González. Redatores: David Villar Docampo e Luís Vale Ferreira. Revisores lingüísticos: Víctor Fresco e Mª Liliana Martínez Calvo. 2010. Xunta de Galicia. Páxina 134. [1]
  3. Frost TM (1976) Investigations of the aufwuchs of freshwater sponges. I. A quantitative comparison between the surfaces of Spongilla lacustris and three aquatic macrophytes. Hydrobiologia, 50(2), 145-149.
  4. Nadon D (1993) Abondance et spectre de taille des macroinvertébrés benthiques lotiques en relation avec l'abondance du périphyton Arquivado 03 de marzo de 2016 en Wayback Machine. ; Université d'Ottawa (Canada)
  5. Kosinski, R. J. (1984). The effect of terrestrial herbicides on the community structure of stream periphyton. Environmental Pollution Series A, Ecological and Biological, 36(2), 165-189.
  6. Sabater, S., & Admiraal, W. (2005).Periphyton as biological indicators in managed aquatic ecosystems. Periphyton: Ecology, exploitation and management, 71-89. (lien Google Books)
  7. [2], EPA - Periphyton Protocols
  8. 8,0 8,1 Stefan Nehring, Ute Albrecht. Benthos und das redundante Benthon: Neologismen in der deutschsprachigen Limnologie.
  9. Orson Whitney Young: A limnological investigation of periphyton in Douglas Lake, Michigan. In: Transactions of the American Microscopical Society 1945, S. 1–20.
  10. FishBase: aufwuchs (en liña). Abril de 2014.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • M. Ekram Azim (dir.), Periphyton : ecology, exploitation, and management, CABI Pub., Wallingford (Royaume-Uni) ; Cambridge, Ma. (États-Unis), 2005, 319 p. (ISBN 978-0-85199-096-5)
  • R.L. Weitzel. Periphyton: ecology, exploitation, and management, Wallingford, CABI Publishing, 2005, ISBN 978-0-85199-096-5, SBN IT\ICCU\UBO\3005970.
  • M. Ekram Azim et al. Methods and measurements of periphyton communities: a review, Philadelphia, CAASTM, 1979, SBN IT\ICCU\UFI\0243024.
  • T. Asaeda, D. H. Son, A model of the development of a periphyton community: resource and flow dynamics, in Ecological Modelling, vol. 137, nº 1, Amsterdam, Elsevier, 2001, pp. 61–75, doi: 10.1016/S0304-3800(00)00432-4, ISSN 1872-7026.
  • T. Asaeda, D. H. Son. Spatial structure and populations of a periphyton community: a model and verification, in Ecological Modelling, vol. 133, nº 3, Amsterdam, Elsevier, 2000, pp. 195–207, DOI:10.1016/S0304-3800(00)00293-3, ISSN 1872-7026.
  • C.L. Dent, J. Curro Henry. Modelling nutrient-periphyton dynamics in streams with surface–subsurface exchange, in Ecological Modelling, vol. 122, 1-2, Amsterdam, Elsevier, 1999, pp. 97–116, DOI:10.1016/S0304-3800(99)00121-0, ISSN 1872-7026.
  • L.A: Saravia, F. Momo, L.D. Boffi Lissin. Modelling periphyton dynamics in running water, in Ecological Modelling, vol. 114, nº 1, Amsterdam, Elsevier, 1998, pp. 35–47, DOI:10.1016/S0304-3800(98)00113-6, ISSN 1872-7026.

Ligazóns externas editar