Periciclo
En botánica, o periciclo ou pericámbium é un tecido que rodea o cilindro vascular da raíz das plantas vasculares, situado por debaixo da endoderme e formado por células de características parenquimáticas.
Este tecido está formado por unha ou por varias capas de células. Ten unha capa na maioría das anxiospermas. Ten varias capas nas ximnospermas e algunhas anxiospermas, entre elas monocotiledóneas como varias especies de gramíneas e Dracaena, Agave, palmeiras, Smilax, e dicotiledóneas como Celtis, Salix, Castanea, Morus e Calycanthus. O periciclo pode estar ausente en casos excepcionais, como ocorre nas plantas acuáticas e nas plantas parasitas.[1]
As células do periciclo son parenquimáticas, de paredes delgadas, alongadas, rectangulares en sección lonxitudinal. O periciclo pode conter laticíferos e condutos secretores. En certos casos a capa de células que o forman queda interrompida pola diferenciación de elementos do xilema e floema.[2]
Nas espermatófitas o periciclo ten actividade meristemática, é dicir, funciona como un meristema, xa que orixina parte do cámbium, o felóxeno e as raíces laterais [3]. Nas plantas monocotiledóneas que non teñen crecemento en grosor o periciclo con frecuencia esclerifícase nas raíces vellas.
Notas
editar- ↑ Esau, K. 1976. Anatomía Vegetal. Omega. Páxinas 526-527. ISBN 84-282-0169-2.
- ↑ Valla, Juan J. (2007). Botánica. Morfología de las plantas superiores. (1a ed. 20a reimp. ed.). Buenos Aires: Hemisferio sur. p. 352. ISBN 950-504-378-3.
- ↑ Strassburger, E. Tratado de Botánica. 7ª edición. Omega, Barcelona, Páxina 189. ISBN 84-7102-990-1.