Pemberton-Billing P.B.1
O Pemberton-Billing P.B.1, tamén coñecido como o Supermarine, foi un hidroavión británico monopraza dos anos 1910 construído por Pemberton-Billing Limited, que despois se convertería en Supermarine Aviation Works. Só chegou a fabricarse un P.B.1 e non chegou a voar unha distancia máis grande que un salto.
Pemberton-Billing P.B.1 | |
---|---|
![]() | |
Tipo | hidroavión monopraza |
Fabricante | Pemberton-Billing Limited |
Deseñado por | Noel Pemberton-Billing |
Primeiro voo | 1914 |
Unidades construídas | 1 |
Deseño e desenvolvemento
editarO P.B.1 era un biplano monopraza con cabina aberta impulsado por un motor rotativo Gnome de 50 cabalos (36 kW) que movía unha hélice de tres pas en posición "pusher".[1] O motor estaba montado nunha góndola entre a á superior e a fuselaxe. Tiña un casco dun só chanzo deseñado polo arquitecto naval Linton Hope, cunha pel de abeto sobre unha estrutura de caoba e cuberto por tecido impermeable. Tiña ás de dous vans construídas en abeto e freixo, con aleróns na á superior e frotadores baixo as puntas da inferior. O piloto sentábase nunha cabina detrar do bordo de saída da á.[2][3]
Descrito como "un barco que voará, [en lugar de] un avión que flotará",[1] só chegou a construírse un P.B.1. O aparello foi exposto no Olympia Aero Show en marzo de 1914[1] e no mes seguinte foi reconstruído, movendo a cabina cara a adiante e colocando o motor sobre a fuselaxe. Tras as modificacións, o P.B.1 comezou a probarse, pero non foi capaz de voar durante as probas en Southampton Water o 30 de maio de 1914.[4] Noel Pemberton Billing, o xefe de Pemberton-Billing Limited e deseñador do aparello afirmou que o avión fixera un pequeno salto en xuño,[4] pero outras fontes din que o PB.1 nunca chegou a voar.[5][6]
Tras a conclusión do intento de proba en voo, o P.B.1 foi desmantelado o 28 de xullo de 1914, sendo o seu motor usado no avión de exploración Pemberton-Billing P.B.9.[7]
Especificacións
editarCaracterísticas xerais
editar- Tripulación: 1
- Envergadura: 9, 15 m
- Superficie alar: 27,2 m2
- Peso baleiro: 340 kg
- Peso bruto: 440 kg
- Motor: 1 × Gnome, 50 hp (37 kW)
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 "The Olympia Exhibition: The Supermarine P.B.1 (Pemberton Billing). (49.)". Flight. 21 de marzo de 1914. p. 301.
- ↑ London 2003, p. 8
- ↑ Jarrett, Air Enthusiast, Forty-eight, pp. 7-8
- ↑ 4,0 4,1 Jarrett, Air Enthusiast, Forty-eight, p. 9
- ↑ London 2003, pp. 8-9
- ↑ Andrews e Morgan 1987, p. 15
- ↑ Jarrett, Air Enthusiast, Forty-eight, p. 10
Bibliografía
editar- Andrews, C.F.; Morgan, E.B. (1987). Supermarine Aircraft since 1914. London: Putnam. ISBN 0-85177-800-3.
- Bruce, J.M. (1969). War Planes of the First World War: Volume Three: Fighters. Londres: Macdonald & Co. ISBN 0-356-01490-8.
- Jarrett, Philip (decembro de 1992 - febreiro de 1993). "Supermarine Origins: Pemberton-Billing Flying Boats". Air Enthusiast (Forty-eight): 4–10. ISSN 0143-5450.
- London, Peter (2003). British Flying Boats. Stroud, UK: Sutton Publishing. ISBN 0-7509-2695-3.