O pelicano crespo (Pelecanus crispus) é unha especie de aves de gran tamaño pertencente á familia dos pelicanos. Reprodúcese desde o sueste de Europa ata a India e a China en pantanos e lagos de augas pouco fondas. É unha das dúas especies de pelicanos que ás veces se pode ver, aínda que raramente, en Galicia, polo que figura na lista de aves de Galicia.

Non está subdividida en subespecies, malia a súa ampla área de distribución, pero, baseándose en diferenzas de tamaño, describiuse unha paleosubespecie do Plistoceno denominada Pelecanus crispus palaeocrispus, a partir de fósiles atopados en Binagady, Acerbaixán.

Descrición editar

 
As plumas "despeiteadas" da cabeza danlle o nome de "crespo".

Esta voluminosa ave é por estreita marxe a especie de pelicano mís grande viva. Mide de 160 a 183 cm de lonxitude, pesa de 7,25 a 15 kg e ten unha envergadura alar de 290 a 345 cm.[2][3][4][5][6][7] Como o seu peso medio é de arredor de 11,5 kg, é unha das aves voadoras máis pesadas que existen, aínda que os individuos máis grandes de machos de sisóns e cisnes poden ser máis pesados que os pelicanos crespos maiores.[4] Non obstante, o peso medio varía coa mostra usada na medición e a poboación. En medicións máis recentes, a media de peso de seis machos de pelicano crespo que se mediron foi de 10,4 kg e a de catro femias foi de 8,7 kg, que é aproximadamente a mesma media que a do pelicano branco (Pelecanus onocrotalus) e lixeiramente menor que a da media da masa corporal doutras aves grandes como o cisne trompeteiro (Cygnus buccinator) ou o cóndor andino (Vultur gryphus).[8] Tamén se publicaron estimacións de pesos medios do pelicano crespo de 10,9 kg, que sería case equivalentes á dos maiores cisnes e cóndores antes mencionados.[9] Tamén ten unha das maiores envergaduras alares entre as aves vivas, rivalizando coas do gran albatros (Diomedea ssp.) e do pelicano branco.[7][10]

A especie similar en aspecto, pelicano branco, que practicamente é igual en tamaño, ten un maior dimorfismo sexual en tamaño, xa que as femias dos pelicanos brancos son considerablemente menores que as femias do pelicano crespo, pero entre os machos das dúas especies non hai apenas diferenzas de tamaño ou peso.[7][10] Porén, o pelicano crespo diferénciase da outra especie por ter unhas plumas da caluga crespas, patas grises e plumaxe branca prateada (en vez de branca pura). En inverno, os pelicanos crespos adultos varían desde gris prateado a unha cor crema gris acastañada decolorada.[11] Os individuos inmaturos son grises e carecen da mancha rosada facial que presentan os pelicanos brancos inmaturos. As plumas desordenadas (como despeiteadas) arredor da fronte do pelicano crespo poden describir unha forma de W sobre a face xusto por riba do peteiro.[10] Na tempada de apareamento ten unha mandíbula inferior e bolsa alaranxada, mentres que a superior é amarela. En inverno, todo o peteiro tende a unha cor amarela clara. O peteiro, dunha lonxitude de entre 36 e 45 cm, é o segundo máis longo entre as aves, só superado polo do pelicano australiano (Pelecanus conspicillatus).[10] A pel espida arredor dos ollos pode variar de amarela a purpúrea.[12] Entre as medicións estándar, comparado co pelicano branco, o tarso é lixeiramente máis curto, de 11,6 a 12,2 cm, pero a lonxitude da súa cola e corda alar son notablemente máis grandes, de entre 22 e 24 cm e de 68 a 80 cm, respectivamente.[13][14] Cando o pelicano crespo está voando, a diferenza doutros pelicanos, presenta unhas ás branco griseiras con extremos negros.[10] É unha elegante ave planadora. Cando unha bandada de pelicanos crespos voa, todos os seus membros móvense en elegante sincronía, cos seus pescozos botados para atrás como fan as garzas.

O pelicano crespo é xeralmente silencioso, como é normal na maioría dos pelicanos, aínda que pode ser bastante vocal durante a tempada de apareamento, cando pode realizar unha ampla variedade de sons profundos guturais, similares a ladridos, asubíos e gruñidos.[11]

Hábitat editar

O pelicano crespo vive en lagos, ríos, deltas e estuarios. Comparado co pelicano branco, o crespo non está tan ligado a áreas de terras baixas e aniña en zonas húmidas axeitadas e en moitas elevacións. É menos oportunista en canto á selección do seu hábitat para a reprodución que o pelicano branco, e xeralmente retorna aos seus sitios tradicionais de reprodución ano tras ano a non ser que este se volva completamente inadecuado. Durante oinverno, os pelicanos crespos permanecen xeralmente en lagos libres de xeo de Europa ou lagos estacionais da India (os chamados alí jheels). Tamén visitan, normalmente durante o inverno, áreas litorais en costas abrigadas para alimentarse.[10]

 
Un pelicano crespo do lago de Bharatpur, Rajastán, India

Movementos editar

Este pelicano xeralmente migra a curtas distancias. Está disperso en Europa, baseándose nas súas oportunidades de alimentación, e a maioría dos individuos occidentais permanecen no inverno na rexión mediterránea. No delta do Danubio os pelicanos crespos chegan en marzo e marchan a finais de agosto. Presenta unha migración máis activa en Asia, onde a maior parte dos individuos que se aparearon en Rusia voan ao sur durante o inverno ata Asia, maiormente na zona de Irán e a través do subcontinente indio desde o Nepal á India central.[11] Os pelicanos que se reproducen en Mongolia invernan ao longo da costa leste da China, incluíndo a área de Hong Kong.[12]

Alimentación editar

Este pelicano aliméntase case exclusivamente de peixes. Entre as súas presas preferidas están a carpa Cyprinus carpio, a perca europea Perca fluviatilis, o escardinio Scardinius erythropthalmus, anguías, siluros (especialmente durante o inverno), muxos e os lucios Esox lucius, estes últimos de ata 50 cm.[10][11] Na colonia maior, localizada en Grecia, a presa preferida é o peixe nativo Alburnus belvica.[12] O pelicano crespo necesita uns 1200 g de peixe ao día, e aínda que pode capturar localmente abundantes peixes pequenos como os gobios, xeralmente os ignora e prefire peixes lixeiramente meirandes.[10][11] O máis común é que se alimente só ou en grupos de só dous ou tres. Normalmente nada de forma plácida e vagarosa, ata que mergulla rapidamente a súa cabeza baixo a auga e captura os peixes, xunto con grandes cantidades de auga. A auga vértea despois polos lados da bolsa mentres que os peixes quedan retidos e son tragados. Ocasionalmente pode alimentarse cooperativamente con outros pelicanos acurralando os peixes en augas pouco fondas e mesmo pode cooperar con corvos mariños en Grecia.[10] Ocasionalmente, o pelicano pode non comer inmediatamente o peixe contido na súa bolsa gular, polo que pode gardar a presa para o seu consumo posterior.[11] A súa dieta pode ser suplementada con outros pequenos habitantes das zonas húmidas, como crustáceos, vermes, escaravellos e pequenas aves acuáticas, xeralmente crías e ovos.[11]

Reprodución editar

 
Ovo de pelicano crespo, na colección do Museo de Wiesbaden.

Malia seren membros dunha familia de aves moi social, os pelicanos crespos son probablemente os que teñen menos inclinacións sociais. Estas especies aniñan de forma natural en grupos relativamente pequenos en comparación coa maioría do resto das especies de pelicanos e ás veces mesmo poden aniñar en solitario. Con todo, normalmente forman pequenas colonias, que adoitan constar dunhas 250 parellas (especialmente historicamente). Ocasionalmente, os pelicanos crespos poden mesturarse con colonias do pelicano branco.[10] Os sitios seleccionados para a nidación son normalmente illas situadas en grandes corpos de auga (xeralmente en lagoas ou deltas fluviais[11]) ou zonas con vexetación acuática densa, como grandes xunqueiras de Phragmites e Typha. Debido ao gran tamaño destes pelicanos, a miúdo apisoan a vexetación da área que rodea os niños no substrato lamacento e deste modo os seus sitios de nidación acaban sendo lamazais desaxeitados para novas nidacións despois duns tres anos de uso.[12]

O niño é unha morea de herbas, ramiñas e plumas de tamaño moderado, normalmete cunhas dimensións de 1 m de alto e 63 cm de diámetro. Os niños están situados normalmente a rentes do chan ou moi preto, a miúdo situados sobre densa vexetación flotante. Os niños tenden a ser pouco sólidos ata que se van cementando polas deposicións de excrementos do propio animal. A tempada de apareamento comenza en marzo ou abril, aproximadamente un mes antes que a do pelicano branco. O pelicano crespo fai unha posta dun a seis ovos, normalmente dous. Os ovos pesan entre 120 e 195 g.[15] A incubación, que ambos os proxenitores comparten, dura entre 30 e 34 días. Os poliños eclosionan espidos pero axiña lles crece unha penuxe branca. Cando teñen de 6 a 7 semanas adoitan xuntarse en grupos. As crías empluman aos 85 días e fanse independentes entre os 100 e os 105 días de idade. O éxito da nidación depende das condicións ambientais locais, e está entre o 58% e o 100% de supervivencia das crías ata a idade adulta. Os sitios de nidación elixidos normalmente aseguran que vai haber unha baixa predación dos niños, aínda que cando o nivel da auga é baixo os mamíferos carnívoros poden cruzar as augas e comer os ovos e as crías, como se informou de casos nos que estaban implicados xabarís (Sus scrofa) en Bulgaria. Os chacais, raposos, lobos, cans (Canis ssp.) e linces (Lynx ssp.) son tamén predadores regulares dos niños cando os niveis das augas son baixos, e os pigargos (Haliaeetus albicilla) poden atacar os pelicanos nas colonias ata polo menos os de tamaño de crías na idade de emplumar.[16][17] Chegan á madureza sexual aos tres ou catro anos de idade.[10]

Status editar

 
Un pelicano crespo nadando no Zoo de Pequín, China (2008).

Esta especie de pelicanos declinaron moito dentro da súa área de distribución, de forma máis acusada que o pelicano branco. Estímase que existen entre 10.000 e 20.000 individuos desta especie.[12] Segundo consta en informes antigos, só en Romanía existían antes millóns de pelicanos crespos, o que indica que durante o século XX a especie sufriu un drástico declive por razóns que non se comprenden ben. A razón máis probable é a perda do hábitat debido ás actividades humanas como a drenaxe de zonas húmidas e a posta en produción da terra. As colonias poden ser regularmente molestadas polas actividades humanas, e, como fan todos os pelicanos, os proxenitores poden nese caso abandonar temporalmente os niños se se consideran ameazados, o cal desixa as crías expostas á depredación. Algunhas veces os pescadores cázanos porque cren que estas aves fan diminuír a poboación de peixes e así poñen en perigo a súa forma de gañarse a vida.[11] Aínda que estas matanzas ocorren a pequena escala, persiste en moitos lugares a preocupación de que os pelicanos sobreexploten as poboacións de peixes. Outra probable razón do declive é a caza furtiva. En Mongolia, a xente mata clandestinamente estes pelicanos para usar ou vender as súas bolsas gulares ou peteiros.[11] Nun día corrente nun mercado mongol típico, poden atoparse á venda uns 50 peteiros de pelicanos, e son considerados tan valiosos que un só pelicano pode valer o equivalente a 10 cabalos e 30 ovellas.[18] Debido á explotación que sofren en todas as etapas do seu ciclo vital, a especie está en perigo crítico en Mongolia, onde hai unha poboación de só uns 130 individuos.[12][18] Os pelicanos crespos tamén morren con frecuencia por electrocución ao chocaren contra as liñas eléctricas.[12] En Grecia, os pelicanos a miúdo son molestados polas barcas motoras turísticas, polo que non son quen de alimentarse debidamente e morren de malnutrición.[10] En 1994 en Europa había unhas mil parellas reprodutoras, a maioría delas en Grecia, pero tamén en Ucraína, Macedonia do Norte, Romanía, Bulgaria (na Reserva Natural de Srebarna) e Albania (na lagoa Karavasta). Considéranse extinguidos en Croacia desde a década de 1950, e en 2011 só se avistou alí un só pelicano.[19] A colonia máis grande das que quedan é a do lago Presps Pequeno, cuxas augas comparten Albania e Grecia, que ten unhas 1.400 parellas, e na colonia do delta do Danubio quedan unhas 450 parellas.[12] O país do mundo coa maior poboación reprodutora é hoxe Rusia, cun 70% das parellas mundiais (unhas 3.000 parellas). No mundo estímase que hai un máximo de 5.000 parellas reprodutoras.[12] Un informe que se fixo da existencia duns 8.000 pelicanos crespos na India comprobouse despois que era en realidade unha mala identificación dunha congregación de pelicanos brancos.[10]

O pelicano crespo é unha das especies ás que se aplica o AEWA (Agreement on the Conservation of African-Eurasian Migratory Waterbirds, Acordo sobre a Conservación de Aves Acuáticas Migratorias Africanas e Euroasiáticas). Realizáronse motos esforzos para a conservación desta especie, especialmente en Europa.[12] Aínda que normalmente aniñan no chan, os pelicanos crespos poden aniñar en plataformas artificiais en Turquía, Grecia, Bulgaria e Romanía, postas para animalos a reproducirse.[10] Tamén se colocaron balsas sobre a auga para axudar á reprodución desta especie en Bulgaria e Grecia.[12] Neses países tamén se desmontaron liñas de alta tensión próximas a colonias. Ademais, a xestión do nivel das augas e os programas educativos poden ser de axuda a nivel local.[12] Aínda que en Asia tamén se fixeron algúns esforzos conservacionistas, alí hai unha moita maior taxa de furtivismo, caza e destrución de hábitat.[18] En 2012, cando se deron unhas condicións moi infrecuentes de moito frío en inverno que causaron que se conxelase o mar Caspio, produciuse a morte de fame de polo menos 20 dos pelicanos crespos que invernaban alí. Aínda así a maioría deles sobreviviron aparentemente porque moitas persoas lles levaban peixes e os alimentaban da súa man, malia os intentos iniciais das autoridades locais de desalentaren esta práctica.[20]

Notas editar

  1. BirdLife International (2012). "Pelecanus crispus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013. 
  2. Birdlife International
  3. Burnie D and Wilson DE (Eds.), Animal: The Definitive Visual Guide to the World's Wildlife. DK Adult (2005), ISBN 978-0-7894-7764-4
  4. 4,0 4,1 CRC Handbook of Avian Body Masses by John B. Dunning Jr. (Editor). CRC Press (1992), ISBN 978-0-8493-4258-5.
  5. Firefly Encyclopedia of Birds by Christopher Perrins. Firefly Books (2003), ISBN 978-1-55297-777-4
  6. Ali, Salim (1993). The Book of Indian Birds. Bombay: Bombay Natural History Society. ISBN 978-0-19-562167-9. 
  7. 7,0 7,1 7,2 Harrison, Peter, Seabirds: An Identification Guide. Houghton Mifflin Harcourt (1991), ISBN 978-0-395-60291-1
  8. CRC Handbook of Avian Body Masses, 2nd Edition by John B. Dunning Jr. (Editor). CRC Press (2008), ISBN 978-1-4200-6444-5.
  9. Greenwood, J. J., Gregory, R. D., Harris, S., Morris, P. A., & Yalden, D. W. (1996). Relations between abundance, body size and species number in British birds and mammals. Philosophical Transactions of the Royal Society of London. Series B: Biological Sciences, 351(1337), 265-278.
  10. 10,00 10,01 10,02 10,03 10,04 10,05 10,06 10,07 10,08 10,09 10,10 10,11 10,12 10,13 del Hoyo, et al., Handbook of the Birds of the World. Volume 1: Ostrich to Ducks. Lynx Edicons (1992), ISBN 978-84-87334-10-8
  11. 11,00 11,01 11,02 11,03 11,04 11,05 11,06 11,07 11,08 11,09 Dalmatian pelican videos, photos and facts – Pelecanus crispus Arquivado 12 de outubro de 2012 en Wayback Machine.. ARKive. Retrieved on 2012-08-22.
  12. 12,00 12,01 12,02 12,03 12,04 12,05 12,06 12,07 12,08 12,09 12,10 12,11 Dalmatian Pelican (Pelecanus crispus) – BirdLife species factsheet Arquivado 12 de abril de 2016 en Wayback Machine.. Birdlife.org (1998-10-03). Retrieved on 2012-08-22.
  13. Dalmatian Pelican (Pelecanus crispus) Arquivado 15 de abril de 2013 en Archive.is. Avis.indianbiodiversity.org. Retrieved on 2012-08-22.
  14. Great White Pelican – Pelecanus onocrotalus Arquivado 13 de xaneiro de 2013 en Archive.is. Avis.indianbiodiversity.org. Retrieved on 2012-08-22.
  15. Dalmatian Pelican – Pelecanus crispus : WAZA : World Association of Zoos and Aquariums Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine.. WAZA. Retrieved on 2012-08-22.
  16. Crivelli, A. J. (April 1996). Action Plan for the Dalmatian Pelican (Pelecanus crispus) In Europe. europa.eu
  17. Dalmatian Pelican (Pelecanus crispus) Arquivado 21 de febreiro de 2016 en Wayback Machine.. Planet of Birds (2011-06-08). Retrieved on 2012-08-22.
  18. 18,0 18,1 18,2 Nyambayar, B., Bräunlich, A., Tseveenmyadag, N., Shar, S. & Gantogs, S. (2007). "Conservation of the critically endangered east Asian population of Dalmatian Pelican Pelecanus crispus in western Mongolia" (PDF). BirdingASIA 7: 68–74. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de xullo de 2012. Consultado o 24 de febreiro de 2016. 
  19. Coleman, Loren. (2011-03-24) Croatian Dalmatian Pelican Sighted. Cryptomundo. Retrieved on 2012-08-22.
  20. Trapped Dalmatian pelicans hand-fed in frozen Caspian Sea. Bbc.co.uk (2012-02-21). Retrieved on 2012-08-22.

Ligazóns externas editar