Pelecanus occidentalis

Pelecanus occidentalis
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Pelecaniformes
Familia: Pelecanidae
Xénero: Pelecanus
Especie: P. occidentalis
Nome binomial
'Pelecanus occidentalis'
Linnaeus, 1766

Pelecanus occidentalis, xeralmente chamado pelicano pardo, é unha especie de pequeno pelicano (aínda así pode pasar de 5 kg) que vive en América, en zonas costeiras. É unha das tres especies de pelicanos do continente americano. Pesca mergullándose desde as alturas cando vai en voo, igual que Pelecanus thagus, polo que se diferencia do resto dos pelicanos, que se alimentan nadando pola superficie.

Taxonomía editar

A especie subdivídese, segundo o ITIS,[2] en cinco subespecies, que son:

Durante algún tempo considerouse que P. thagus era unha subespecie de P. occidentalis, pero actualmente P. thagus clasifícase nunha especie propia.

Descrición editar

O pelicano pardo é a especie de pelicano de menor tamaño, aínda que non deixa de ser unha ave grande. A súa lonxitude está entre 106 e 137 cm, pesa de 2,75 a 5,5 kg e ten unha envergadura de ás de 1,83 a 2,5 m. Na maioría da súa área de distribución, o pelicano pardo é unha ave inconfundible. Como todos os pelicanos, esta especie ten un gran peteiro, de 28 a 34,8 cm de lonxitude, cunha bolsa gular na parte inferior coa que recolle auga coas presas, que despois drena e traga as presas.[3] A cabeza é branca a miúdo con tons amarelos nos adultos. O peteiro é principalmente griseiro na maioría dos exemplares, aínda que en época reprodutora ponse avermellado na parte inferior da gorxa. As costas, cadrís e cola teñen bandas grises e pardas escuras, ás veces cun ton cor de óxido. Nos pelicanos adultos, o peito e o ventre son de cor marrón anegrado e as patas e pés son negros. Os xuvenís son similares pero teñen un pescozo gris acastañado, e branco nas partes inferiores.

Esta ave distínguese doadamente do Pelecanus erythrorhynchos por non ter a plumaxe branca daquel, ser de menor tamaño e ter o hábito de mergullarse en picado desde o aire para pescar, e non pesca cooperativamente nadando pola superficie. O Pelecanus thagus (pelicano do Perú), que antes foi considerado unha subespecie do pelicano pardo, agora considérase unha especie á parte, e, aínda que ten unha plumaxe parecida, é bastante máis grande. Os pelicanos pardo e peruano poden solapar as súas áreas de distribución nalgunhas zonas da costa do Pacífico de Suramérica.

Distribución e hábitat editar

 
Pelecanus occidentalis nas Illas Galápagos.

P. occidentalis vive nas costas pacíficas e atlánticas de América. Nas costas do Atlántico e do golfo de México está distribuído desde Nova Escocia a Venezuela, e máis ao sur ata a desembocadura do río Amazonas. Ao longo do Atlántico, son normalmente menos comúns ao norte de Carolina do Norte, cunha considerable poboación na maioría do golfo de México. No océano Pacífico encóntrase desde a Columbia Británica ata o centro de Chile, incluíndo as illas Galápagos.[4] No Pacífico, son bastante comúns ao longo da costa de California, México e América Central. Algunhas aves inmaturas poden desviarse ao interior e chegar a lagos continentais de auga doce. Despois de aniñar, as aves norteamericanas migran en bandadas máis ao norte seguindo a costa, volvendo despois a augas cálidas para invernar. Son tamén comúns en mangleirais.

Comportamento editar

Os pelicanos son aves gregarias; viven en bandadas de ambos os sexos todo o ano. Teñen unha gran flotabilidade cando nadan debido aos seus sacos aéreos internos situados baixo a pel e nos ósos, e teñen un voo grácil pero son moi torpes en terra. Voan en grupos, coas cabezas botadas para atrás sobre os ombreiros, e os peteiros apoiados sobre os seus pescozos dobrados. Poden voar en formación en V, pero xeralmente fano en varias ringleiras un nunha soa, a miúdo preto da superficie da auga.

Cando se alimentan, mergúllase en picado de cabeza, xeralmente desde pouca altura,[5] a miúdo mergullándose totalmente dentro da auga para apañar as presas. Unha vez de novo na superficie verten a auga que lles entrou na bolsa antes de tragar as súas presas. Só o pelicano do Perú comparte este estilo tan activo de pescar, mentres que os outros pelicanos aliméntanse nadando pola superficie e acurralando en grupos os peixes. Porén, observáronse individuos inmaturos de pelicano pardo alimentándose nadando pola superficie. Ocasionalmente son vítimas de cleptoparasitismo (roubo da comida) por parte de gaivotas, papamerdas e fragatas.[6]

Pescando en Xamaica.

Aínda que P. occidentalis come principalmente peixes, suplementan a súa dieta ocasionalmente con anfibios ou crustáceos. Localmente os peixes clupeidos Brevoortia e Ethmidium, poden supoñer o 90–95% do seu alimento. É moi importante a dispoñibilidade de anchoas para o éxito da nidación desta especie.[7] Porén, as súas presas preferidas son xeralmene especies de peixes non comercializadas pola industria pesqueira.[6] Outros peixes que depredan con regularidade poden ser os Congiopodidae, Lagodon rhomboides, arenques, Archosargus, Atheriniformes, muxos, e outros pequenos peixes, e ás veces tamén crustáceos como gambas. Un só adulto pode comer uns 1,8 kg de alimento ao día.[8] Hoxe, en moitas áreas costeiras, os pelicanos pardos esperan nos portos pesqueiros e peiraos coa esperanza de ser alimentados ou roubar restos das capturas pesqueiras dos barcos, especialmente se foron condicionados a facelo.[6]

Reprodución editar

Estas aves aniñan en colonias, a miúdo en illas ou mangleirais. Os pelicanos machos escollen os sitios de nidación e realizan unha exhibición que atrae ás femias. unha vez que se forma a parella, a comunicación aparente entre eles é mínima. A nidación dos pelicanos é máxima en marzo e abril; os niños das colonias constrúense nas árbores, arbustos ou no chan (este último caso xeralmente en illas ás que non poden acceder os predadores terrestres). Os niños situados en árbores son bastante lixeiros e feitos con xuncos, herbas, palla, e paus; os feitos no chan consisten nun burato pouco fondo forrado de plumas e un bordo de solo construído de 10 a 26 cm de altura desde o chan. Os seus xoves eclosionan en niñadas de 2 a 3 crías e están espidos e indefensos inicialmente. A incubación dura de 28 a 30 días. Ambos os proxenitores coidan activamente das crías. Os xoves pelicanos empezan a andar independentemente aos 35 días de idade nos niños feitos no chan, pero non deixan os niños nas árbores ata que teñen de 68 a 88 días. No período que vai dos 8 aos 10 meses son coidados polos pais, que os alimentan por regurxitación cuns 70 kg de peixes. Estes paxaros chegan á madureza sexual (e adquiren a plumaxe adulta) aos cinco anos de idade. A predación é ocasional nas colonias e os predadores dos ovos e das crías e máis raramente de adultos poden ser gaivotas, aves de presa (especialmente aguias Haliaeetus leucocephalus), raposos, mofetas e gatos bravos.[9] Nas áreas onde hai caimáns (aligatores), estes poden ás veces capturar pelicanos inmaturos. A predación probablemente se reduce se a colonia está nunha illa, especialmente a de predadores terrestres. Como todos os pelicanos, os pelicanos pardos son moi sensibles ás molestias causadas polos humanos (como turistas ou pescadores) nos seus niños e poden abandonar os seus niños se se ven estresados.[6] Debido ao seu tamaño grande, os adultos que non están nidificacndo raramente son predados.[10]

Status de conservación editar

Os pesticidas como o DDT e a dieldrína ameazaron o futuro do P. occidentalis no sur dos Estados Unidos e California a inicios da década de 1970 e a especie foi incluída na lista da Lei de Especies en Perigo dos Estados Unidos entre 1970 e 2009. Un grupo de investigación da Universidade de Tampa encabezado polo Dr. Ralph Schreiber realizou investigacións na área de Tampa Bay/St Petersburg e atopou que era o DDT o que causaba que as cascas dos ovos fosen demasiado finas e incapaces de soportaren o embrión ata a súa madureza. Como resultado desta investigación, o uso do DDT foi eliminado en Florida, e despois en todo EUA. O goberno dos Estados Unidos prohibiu o uso do DDT en 1972, e desde entón a poboación do pelicano pardo foise incrementando. Actualmente estímase que a poboación destas aves é de 650.000 individuos.[11] Xunto co P. erythrorhynchos, o P. occidentalis está protexido pola Lei do Tratado de Aves Migratorias de 1918.

A IUCN clasificou o pelicano pardo na súa lista vermella co status de "Pouco preocupante" desde 1988.[1]

Na cultura editar

 
Bandeira do estado de Luisiana (EUA).

O pelicano pardo é agora un elemento básico das rexións costeiras moi poboadas e é tolerado en diverso grao polos pescadores e navegantes. É a ave nacional de San Marteen, Barbados, Saint Kitts e Nevis e as illas Turcas e Caicos, e a ave oficial do estado de Luisiana, EUA e aparece na súa bandeira e escudo (o estado é coñecido como "estado pelicano", e desde 1966 a lei especifica que a especie de pelicano representada é P. occidentalis). É tamén a mascota da Universidade de Tulane e é un dos selos das universidades de Tulane, Universidade do Estado de Luisiana e a de Luisiana en Lafayette. É tamén a figura da escarapela da Universidade das Indias occidentais.

Na película Finding Nemo aparece o personaxe Nigel, que é un pelicano pardo (aínda que a acción transcorre preto de Australia, onde esta especie de pelicano non vive).

O equipo de baloncesto estadounidense da National Basketball Association New Orleans Pelicans chámase así en honor á ave oficial do estado de Luisiana, que é o pelicano pardo.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 BirdLife International (2012). "Pelecanus occidentalis". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013. 
  2. ITIS report Pelecanus occidentalis
  3. del Hoyo, J; Elliot, A; Sargatal, J (1996). Handbook of the Birds of the World 3. Barcelona: Lynx Edicions. ISBN 84-87334-20-2. 
  4. Brown Pelican Pelecanus occidentalis (PDF) (Informe). U.S. Fish and Wildlife Service. November 2009. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de marzo de 2016. Consultado o 10 July 2015. 
  5. Dan A. Tallman, David L. Swanson, Jeffrey S. Palmer (2002). Birds of South Dakota (Hardcover ed.). Aberdeen, South dakota: Midstates/Quality Quick Print. p. 11. ISBN 0-929918-06-1. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Brown Pelican. Smithsonian's Nationall Zoological Park
  7. Anderson, Mais & Kelly (1980) "Brown Pelicans as anchovy stock indicators and their relationships to commercial fishing" Arquivado 23 de decembro de 2012 en Wayback Machine. CalCOFI Reports XXI p. 55 "A taxa reprodutiva dos pelicanos [é dicir, dos pelicanos pardos] (éxito do emplumado = F‘) depende en gran medida dos niveis de abundancia e dispoñibilidade de anchoas. A dieta dos pelicanos en reprodución de 1972 a 1979 era nun 92% de anchoas (N = 2195; Gress et al. en preparación). En Anacapa Island, os pelicanos en reprodución alimentábanse principalmente no Barbara Channel máis tarde na tempada reprodutora, pero as súas áreas de alimentación son variables debido á mobilidade das súas presas, anchoas (Gress et al. en preparación). Sábese menos dos pelicanos nidificantes en Coronado Norte, pero é probable unha situación semellante nas áreas de alimentación."
  8. ADW: Pelecanus occidentalis: INFORMATION. Animaldiversity.ummz.umich.edu. Retrieved on 2014-04-01.
  9. Brown Pelican. The Animal Files. Retrieved on 2014-04-01.
  10. Brown Pelican. Smithsonian Marine Station en Fort Pierce (2010-09-28).
  11. Cappiello, Dina (November 12, 2009). "Brown pelicans off endangered species list". Associated Press. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar