Paxá

título dos altos mandos civís e militares no Imperio Otomán

Paxá ou baxá (en turco, paşa; en árabe, باشا bāšā) é un título orixinalmente usado no Imperio Otomán que se aplicaba a homes que ostentaban algún mando superior no exército ou nalgunha demarcación territorial.

Insignia de paxá otomán capturada polos romaneses en 1877.

Habitualmente equivale a gobernador, xeneral ou almirante, segundo o contexto. Tamén se utilizaba como título honorífico, en cuxo caso equivaldería ao título inglés de sir ou outros análogos.

O goberno dun paxá, ou o territorio por el gobernado, chámase paxalato ou baxalato.

Etimoloxía editar

Ambos os termos teñen a mesma orixe. O segundo, baxá, é máis antigo e procede do árabe bāšā (باشا), e este do turco paşa. O primeiro, paxá, procede do francés pacha, que o tomou do turco.

A palabra turca, á súa vez, podería ser unha modificación do persa pādišāh (پادشاه), que equivale a "rei", ou ben descender do turco baş —pronunciado paş nalgúns dialectos—, que significa "cabeza".

Normalmente adóitase utilizar baxá cando se refire a un contexto magrebí e paxá cando se trata dun contexto otomán, aínda que ambas as palabras son intercambiábeis.

Uso editar

O título de paxá outorgábao o sultán, agás en Exipto, onde era o quedive ou vicerrei quen o outorgaba no seu nome. Orixinalmente aplicábase a xefes militares, e despois tamén a gobernadores de territorios. Máis adiante utilizouse así mesmo como título honorífico (non hereditario) que a corte da Sublime Porta outorgaba a persoas, con cargo ou sen el, ás que desexaba honrar. Como outros títulos de orixe turca, posponse ao nome.

O título de paxá é inferior ao de quedive ou visir, pero superior ao de bei ou agá. Existían no ámbito otomán tres graos de paxás, cuxas insignias distinguíanse polo número de colas de cabalo, iak ou pavón que levaban. As colas son unha supervivencia da tradición mongol. Así, había paxás con insignias dunha, dúas ou tres colas, que mostraban a súa posición dentro da escala de mando. Só o Sultán, como comandante en xefe dos exércitos, podía levar unha insignia de catro colas.

Varios cargos oficiais levaban asociado o título de paxá:

En Marrocos, un dos poucos lugares do mundo árabe que quedou fóra da influencia otomá, implantouse, porén, o título, que segue utilizándose e equivale ao de gobernador.

Cando o título é honorífico, a miúdo fúndese co nome, como é o caso de personaxes históricos como Glubb Paxá, Orabi Paxá etc.