Paula Medín
Paula Medín López, "Alevín", nada en Cambre o 17 de xuño de 1984,[1] é unha fisioterapeuta[2] e xogadora de rugby galega, olímpica no Río 2016.[3]
Nome orixinal | Paula Medín López |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 17 de xuño de 1984 (40 anos) Cambre |
Outros nomes | Alevín |
Altura | 1,71 m |
Peso | 66 kg |
Actividade | |
Ocupación | xogadora de rugby, xogadora de rugby a sete |
Deporte | rugby |
Posición de xogo | dianteira (3ª liña) |
Membro do equipo deportivo | CRAT da Coruña |
Participou en | |
2016 | rugby de sete nos Jogos Olímpicos de Verão de 2016 (pt) |
Dianteira pertencente ao CRAT da Coruña e internacional coa Selección feminina de España de Rugby a 15 e Rugby a 7, foi campioa de Europa en 2010 en Estrasburgo, e participou nos Xogos Olímpicos do Río de Xaneiro do ano 2016.[4][5]
Traxectoria
editarNo CRAT
editarPaula Medín comezou a practicar rugby por influencia da súa irmá e dunha amiga cando estudaba no instituto. Xogadora do CRAT dende 2001, co club coruñés ten acadado o título de liga na División de Honra Feminina de Rugby na tempada 2014-15, batendo na final disputada en Xixón ó Getxo Rugby Taldea por 39 a 5. O CRAT viña de ser subcampión nas tempadas 2010-11, 2011-12 e 2013-14. Ós éxitos acadados na máxima competición nacional tamén se suman os obtidos a nivel galego, cos campionatos de liga galega de 2010, 2011, 2012, 2013, 2014 e 2015, e os títulos da Copa Xunta de 2010, 2011, 2012, 2013, 2014 e 2015. Na modalidade de rugby a 7 acadou o título das Series Nacionais en 2011.[6]
Na selección de rugby a 15
editarPaula Medín disputou 44 encontros coa selección española. Paula debutou coa Selección feminina de rugby de España o 28 de abril de 2007 nun encontro do Campionato de Europa disputado no Central de Madrid fronte a Italia.
Paula participou nos campionatos europeos de 2007, 2008, 2009, 2010 e 2011. No torneo de 2010 disputado en Metz e Estrasburgo (Francia) Paula xogou tres encontros, incluído a final na que España acadou o título continental derrotando por 31 a 13 a Italia. Ó ano seguinte o Campionato de Europa disputouse en Galicia. Paula xogou tres encontros, incluída a final, que se disputou no Estadio Universitario de Elviña da Coruña, e na que España perdeu por 5 a 3 diante de Inglaterra.
En 2013 Paula xogou tres encontros clasificatorios para a Copa do Mundo Feminina de Rugby do ano seguinte, acadando tres vitorias e a clasificación. Na cita mundialista que tivo lugar en Marcoussis e París (Francia), a selección española rematou no noveno posto. Paula xogou cinco encontros, e foi a capitá do equipo no encontro disputado contra Casaquistán.
O último encontro xogado por Paula Medín coa selección española foi o 19 de decembro de 2015 contra Hong Kong. Aquel foi un encontro amigable de preparación para o Campionato de Europa que se disputará no outono de 2016, e que pode ser clasificatorio para a Copa do Mundo de 2017, o próximo obxectivo da xogadora galega. Nese encontro sumou dous dos cinco ensaios que ten anotado co equipo nacional.
Na selección de rugby a 7
editarPaula Medín debutou coa Selección feminina de rugby a 7 de España o 16 de xullo de 2011 no Campionato de Europa disputado en Bucarest. En decembro foi chamada de novo para formar parte do equipo que disputou o torneo de Dubái, que formaba parte da Challenge Cup. A partir de entón converteuse nunha xogadora habitual do equipo nacional de rugby a 7.
Participou nos torneos de Ameland e Moscova das series europeas de 2012 (4º e 2º posto) e a continuación debutou nas Series Mundiais Femininas de Rugby a 7 2012-13 participando nos torneos de Dubái e Ámsterdam. España rematou no 9º posto.
En 2013 disputou o torneo de Marbella pertencente ás Grand Prix Series europeas (3º posto), e a seguinte cita foi a Copa do Mundo de Rugby a 7 2013 que tivo lugar en Moscova. Alí a selección colleitou un 4º posto moi positivo.
Paula Medín estivo ausente da selección de rugby a 7 durante toda a tempada 2013-14, en parte pola cita mundialista da modalidade de rugby a XV que se disputou en 2014 pero sobre todo por unha grave lesión de xeonllo con rotura de ligamento cruzado anterior. As lesións nos xeonllos teñen afastado a Paula Medín dos terreos de xogo en varias ocasións.[7]
Tralo mundial de rugby a 15, a volta á selección de rugby a 7 na tempada 2014-15 tiña un obxectivo claro, a clasificación para os Xogos Olímpicos de 2016, nos cales a modalidade reducida do rugby ía debutar. Nesa tempada participou nos torneos de Dubái, Sao Paulo, Atlanta, Langford, Londres e Ámsterdam das Series Mundiais 2014-15 (9º posto), nos torneos de Kazán e Brive das Grand Prix Series europeas 2015, e finalmente nun torneo de repesca en Lisboa para poder participar no preolímpico de Dublín de 2016. Antes dos preolímpico Paula disputou os torneos de Dubái, Sao Paulo, Atlanta e Langford das Series Mundiais 2015-16, e finalmente no preolímpico acadaron a vitoria e unha praza para participar nos Xogos Olímpicos.
Paula Medín foi unha das 12 xogadoras seleccionadas polo seleccionador José Antonio Barrio para disputar o torneo olímpico de Río de Janeiro no mes de agosto de 2016, no cal o equipo nacional acadou un diploma olímpico ó rematar na sétima posición. Este torneo foi a despedida de Paula Medín da Selección feminina de rugby a 7 de España.
Galería
editar-
Paula Medín placando a unha xogadora italiana ante a vista de Vanesa Rial.
-
Paula Medín, a primeira pola esquerda, antes dun encontro coa selección española.
Notas
editar- ↑ Paula Medín López Arquivado 13 de setembro de 2019 en Wayback Machine. Comité Olímpico Español.
- ↑ "CoFiGa felicita á fisioterapeuta Paula Medín …" Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia.
- ↑ "Paula Medín ‘Alevín’: “El rugby es mi vida”" Arquivado 14 de agosto de 2016 en Wayback Machine. Wang Connection. Abril de 2015.
- ↑ "Billete a Río 16 para Vanesa Rial y Paula Medín en rugby a 7" Arquivado 13 de setembro de 2019 en Wayback Machine. El Correo Gallego, 27/6/2016 (en castelán).
- ↑ "Vanesa Rial e Paula Medín farán historia nos Xogos do Río" Arquivado 11 de setembro de 2016 en Wayback Machine. TVG, 20/7/2016.
- ↑ Palmarés do CRAT Arquivado 13 de agosto de 2016 en Wayback Machine. (en castelán)
- ↑ Prohibido hincar la rodilla, artigo de La Voz de Galicia. (en castelán)
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editar- Fotografía de Paula Medín La Opinión Coruña.
- Torneos e alineacións das seleccións españolas de rugby tempada a tempada (en castelán)
Este artigo sobre deporte é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |