Patulate

Liocarcinus depurator adulto

Liocarcinus depurator á venda nun mercado en L'Ametlla de Mar (Tarragona)
Liocarcinus depurator á venda nun mercado en L'Ametlla de Mar (Tarragona)

Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Subfilo: Crustacea
Clase: Malacostraca
Orde: Decapoda
Suborde: Pleocyemata
Infraorde: Brachyura
Superfamilia: Portunoidea
Familia: Portunidae
Xénero: Liocarcinus
Especie: L. depurator
Nome binomial
Liocarcinus depurator
(Linnaeus, 1758) [1]
Sinonimia
Véxase o texto

O patulate[2] ou cangrexo de patas azuis[2] (Liocarcinus depurator) é un crustáceo decápodo braquiúro da familia dos portúnidos moi abundante nas rías galegas.[3]

Taxonomía

editar

A especie foi descrita por primeira vez por Linneo en 1758, na 10ª edición da súa obra Systema Naturae, adxudicándolle o nome de Cancer depurator.[4]

En 1816 foi redescrita por Antoine Risso, que a incluíu no xénero Portunus e a denominou Portunus plicatus.[1]

Ao longo do tempo foi reclasificada noutros xéneros, antes de que a especie fora incluída en Liocarcinus, polo que se lle recoñecen os seguintes sinónimos:[4]

  • Cancer depurator Linnaeus, 1758
  • Macropipus depurator (Linnaeus, 1758)
  • Polybius (Polybius) depurator (Linnaeus, 1758)
  • Portunus depurator (Linnaeus, 1758)
  • Portunus plicatus Risso, 1816

Características

editar

Ten un cacho case oval, moderadamente aplanado, e co dorso con pequenas quillas ou ringleiras transverdsais de granulacións, provistas dalgunhas serdas.[3] O tamaño da casca pode chegar até 50 mm de largo e 40 mm de longo,[5] e pode ser distinguido doutros cangrexos, como o cangrexo común (Carcinus maenas, polas fileiras de manchas brancas na casca.[6]

O primeiro par de patas acaba nunha robusta pinza. Os tres seguintes son longos e rematan nun dáctilo agudo. O quinto par presenta o propodio e o dáctilo aplanados a arredondados, adaptados á natación.[7]

O abdome dos machos, de forma treiangular, vai estreitándose gradulamente da base ao ápice, e presenta os segmentols terceiro a quinto fusionados. O da femia ten a forma máis ancha e arredondada, e non ten fusionados ningún dos segmentos.[3][7]

A superficie do cacho e das patas é de cor castaña tirando a rubia , sendo máis clara pola parte ventral.[7]

Distribución e hábitat

editar

Este cangrexo habita nas augas costeiras do mar do Norte, o océano Atlántico, o mar Mediterráneo e o mar Negro.[8]

No Atlántico esténdese desde o norte de Noruega e Suecia até o oeste de África,[4][9] até as costas do Sáhara Occidental.[3][7]

En Galicia

editar

Liocarcinus depurator é unha especie moi frecuente nas augas de toda Galicia, tanto nas rías como na plataforma continental, desde augas pouco profundas até os 300 m, sendo máis abundante a menos dos 100 m, e en zonas de maior influencia oceánica. É frecuente, así mesmo, en deteeminadas zonas de area e pedras dispersas. Chega a densidades de 0,44 individuos/m2. Captúrase adoito en arrastres realizados dentro das rías galegas, en fondos lamacentos e areoso-lamacentos.[3]

Hai que destacar que as poboacións de Liocarcinus depurator, xunto coas do seu conxénere Liocracinus navigator, aumentaron considerabelmente a pariir de mediados do século XX, á raíz da instalación das bateas mexilloeiras, debido á modificación dos ecosistemas bentónicos e, a dicir de Gurriarán e outros, constitúén dous dos principais braquiúros nas nosas augas.[10]

De certo interese comercial noutras zonas da península, por exemplo, na rexión pesqueira tramontana (costas de Cataluña e a Comunidade Valenciana), en Galicia péscase ao arrastre para empregar como engado para a pesca da piarda (Atherina presbyter) con mediomundo.[3]

Nomes galegos

editar

Non existe aínda un nome vernáculo oficial para a especie Liocarcinus depurator. Na bibliografía consultada encontramos as denominacións de:

  • patulate, en Ramonell,[7] nome que Ríos Panisse, na súa monumental Nomenclatura, di que foi recollida por Aníbal Otero na Pobra do Caramiñal para a especie Polybius henslowii.[11] Así mesmo, Lahuerta e Váquez, no seu Vocabulario,[12] dan patulate como sinónimo de cangrexo de patas azuis, evidente tradución do inglés blue-leg swimming crab, ou do francés étrille pattes bleues, que estes autores tamén dan (aínda que os nomes ingleses máis citados son harbour crab,[6] ou sandy swimming crab.[13])
  • jaiba, en González Gurriarán,[3] que Ríos Panisse rexistra para o cangrexo común (Carcinus maenas),[14] e para Eriphia spinifrons (hoxe clasificada como Eriphia verrucosa), un cangrexo da familia dos erifíidos coñecido maioritariamente en Galicia como peludo.[15]
  1. 1,0 1,1 P. K. L. Ng, D. Guinot & P. J. F. Davie (2008). "Systema Brachyurorum: Part I. An annotated checklist of extant Brachyuran crabs of the world" (PDF). Raffles Bulletin of Zoology 17: 1–286. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de xuño de 2011. Consultado o 27 de agosto de 2014. 
  2. 2,0 2,1 VV. AA. (2012): Dicionario de alimentación e restauración, pax. 186. Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega. ISBN 978-84-453-5056-0
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 González Gurriarán, Eduardo e Matilde Méndez G. (1985), pp. 90-91.
  4. 4,0 4,1 4,2 Liocarcinus depurator (Linnaeus, 1758) no WoRMS.
  5. J. M. Hill (2008). "Liocarcinus depurator. Harbour crab". Marine Life Information Network. Arquivado dende o orixinal o 05 de maio de 2009. Consultado o 27 de agosto de 2014. 
  6. 6,0 6,1 Kåre Telnes. "Harbour crab Liocarcinus depurator". The Marine Fauna Gallery of Norway. Arquivado dende o orixinal o 22 de decembro de 2007. Consultado o 27 de agosto de 2014. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Ramonell, R. (1985), pp. 254-255.
  8. A. Suat Ateş. "Liocarcinus depurator (Linnaeus, 1758) and Brachynotus sexdentatus (Risso, 1827) (Decapoda, Brachyura): two new records for the Turkish Black Sea fauna" (PDF). Turkish Journal of Zoology 23 (1999): 115–118. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 16-02-2012. Consultado o 27-08-2014. 
  9. Hayward, P. J. & Ryland, J. S. eds. (1990): The marine fauna of the British Isles and North-West Europe: 1. Introduction and protozoans to arthropods. Oxford, UK: Clarendon Press, ISBN 0-19-857356-1.
  10. Muíño Boedo, Ramón (1977): Estudio de las poblaciones de Liocarcinus arcuatus y Liocarcinus depurator en relación con el cultivo de mejillón en la Ría de Arosa]. Memoria presentada para aspirar al Grado de Doutor en Bioloxía. Universidade da Coruña.
  11. Ríos Panisse, Mª C. (1977), p. 45.
  12. Lahuerta, F. e Vázquez, F. X. (2000), p. 210.
  13. Andy Horton & Jane Lilley. "Crabs of the seashore of the British Isles". British Marine Life Study Society. 
  14. Ríos Panisse, Mª C. (1977), p. 28.
  15. Ríos Panisse, Mª C. (1977), p. 30.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • González Gurriarán, Eduardo e Matilde Méndez G. (1985): Crustáceos decápodos das costas de Galicia. I. Brachyura. Publicacións do Seminario de Estudos Galegos. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-242-9.
  • Lahuerta, F. e Vázquez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
  • McLaughlin, P. A.; Lemaitre, R. & Sorhannus, U. (2007): "Hermit crab phylogeny: a reappraisal and its “fall-out”". Journal of Crustacean Biology, 27 (1): 97-115. Resumo
  • Türkay, M. (2001): "Decapoda" en: Costello, M. J. et al. eds. (2001): European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. París: Muséum national d'Histoire naturelle. Collection Patrimoines Naturels, 50: 284-292. ISBN 2-85653-538-0.
  • Ramonell, R. (1985): Guía dos mariscos de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-506-3.
  • Ríos Panisse, Mª C. (1977): Nomenclatura de la flora y la fauna marítimas de Galicia. I. Invertebrados y peces. Verba, Anejo 7. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X.