Partido de El Bierzo

(Redirección desde «Partido do Bierzo»)

O Partido de El Bierzo (PB) é un partido político que actúa na comarca do Bierzo, fundado o 23 de abril de 1979 conta na actualidade con arredor de 1.000 afiliados, dos cales 400 pertencen ás Juventudes Regionalistas de El Bierzo.[1][2] O PB defende a lingua galega como parte do patrimonio cultural de Bierzo e mantén acordos de cooperación co BNG.

Partido de El Bierzo (PB)
Partido político d'O Bierzo
MocidadesJuventudes Regionalistas de El Bierzo
Filiación internacionalNon ten
Historia
Fundación23 de abril de 1979
Posicións políticas
Ideoloxíaprogresista, bercianista
Outros datos
SedeRúa Ave María, 29, 1º Ponferrada
Na rede
www.partidodelbierzo.org/

Ideoloxía editar

O PB defínese como unha formación progresista, rexionalista e autonomista que loita por dotar o Bierzo da identidade que durante anos sosteñen que se lle negou. Defenden unha concepción do Bierzo como "rexión", por enriba de definicións "comarcalistas", pois consideran que o Bierzo é unha rexión vertebrada polo río Sil e composta á súa vez por varias bisbarras (Bierzo Baixo-capital Ponferrada-, Bierzo Alto -Bembibre-, Bierzo Oeste -Vilafranca do Bierzo-, Cabreira -Ponte de Domingo Flórez- e Alto Sil-Fabeiro-) que, ao carón das bisbarras con territorio noutras provincias, como Laciana -Villablino, en León, - e Valdeorras -O Barco de Valdeorras-, en Ourense e aldeas coma La Silva e Montealegre pertencentes, actualmente, á bisbarra de La Cepeda, deben ter unha administración común. Os límites reclamados polo PB como Rexión do Bierzo practicamente coinciden cos da desaparecida Provincia do Vierzo.

Reclaman a reforma da actual lei pola que se creou a bisbarra do Bierzo (Lei 1/1991 de 14 de marzo, pola que se crea e regula a Bisbarra do Bierzo) e dentro da devandita reforma, a creación dun Consello Xeral Del bierzo, con elección directa de representantes, un financiamento autónomo e o conxunto de competencias da Lei 1/1991, que substitúa ao actual Consello Comarcal, institución á cal acusan de inoperante pola falta de competencias e o seu correspondente financiamento. Tamén denuncian o "centralismo leonés e valisoletano".

O PB, dentro da cal consideran realidade sociocultural do Bierzo, defende a lingua galega así como as variedades dialectais leonesas que perviven na sociedade berciana como parte do patrimonio cultural do Bierzo. Tamén defenden o dereito a estudar as devanditas linguas nos centros públicos, de xeito optativo, sempre que así o soliciten os alumnos.

Historia editar

Ao longo do actual sistema democrático, xunto ao PB coexistiron outros grupos de carácter bercianista como Independentes del Bierzo (1978-1982), Agrupación Veciñal Independente (1979-1982), Izquierda Berciana (1989-1992), Partido Provincialista do Bierzo (1994-1995), Partido Regionalista de El Bierzo (dende 2002) ou Unidad Bercianista (dende 2007), os cales, non obtiveron nunca, mellores resultados electorais có PB. O PB é o decano dos partidos rexionalistas, en activo, de Castela e León.[3]

O PB foi dirixido durante anos por Tarsicio Carballo. O congreso de refundación do partido celebrado en 2000 saldouse coa saída de Carballo da dirección, e a súa posterior expulsión, tras desavinzas coa nova dirección (chegou a ser condenado, en primeira instancia, en febreiro de 2009, por aldraxes ao Secretario Xeral do PB, Iván Alonso)[4] o que o levou a fundar o seu propio partido, o Partido Regionalista de El Bierzo. Iván Alonso, Secretario Xeral do PB, é un histórico da formación tras máis de dez anos de Presidente das Xuventudes do PB.

En decembro de 2009, foi elixido presidente Daniel Santos Arévalo tras ser o tesoureiro do PB. É o primeiro presidente do PB non nacido no Bierzo, pero "berciano de adopción e de corazón", segundo as súas propias palabras. O Presidente de Honra PB é Luis Linares, un dos fundadores históricos do Partido de el Bierzo, e ata decembro de 2009 Presidente do PB. Actualmente o PB loita para que o bercianismo sexa a terceira vía política no Bierzo e a súa presenza institucional sexa forte.

Nas eleccións autónomicas do ano 2007 uniuse á coalición de partidos rexionalistas castelán-leoneses Alternativa por Castilla y León (ACAL) o cal non logrou os resultados electorais esperados.[5]

En 2008, o partido presentou unha candidatura conxunta con Unidad Bercianista e algúns independentes baixo a coalición[6] para as eleccións xerais.

O partido uniuse á coalición bercianista Coalición por El Bierzo para participar nas eleccións municipais de maio de 2015[7] e tras a conversión de CB en partido político deixou de actuar de forma autónoma.

Eleccións editar

  • Autonómicas 1987: 5.387 votos, 0 procuradores
  • Municipais 1987: 5.118 votos, 16 concelleiros
  • Autonómicas 1991: 4.465 votos, 0 procuradores
  • Municipais 1991: 4.595 votos, 13 concelleiros
  • Autonómicas 1995: 6.553 votos, 0 procuradores
  • Municipais 1995: 4.855 votos, 12 concelleiros
  • Autonómicas 1999: 3.644 votos, 0 procuradores
  • Municipais 1999: 3.734 votos, 10 concelleiros
  • Autonómicas 2003: 2.016 votos, 0 procuradores
  • Municipais 2003: 2.787 votos, 3 concelleiros
  • Autonómicas 2007: 1.427 votos, 0 procuradores (dentro da coalición ACAL)
  • Municipais 2007: 2.455 votos, 2 concelleiros
  • Autonómicas 2011: 2.051 votos, 0 procuradores
  • Municipais 2011: 2.822 votos, 4 concelleiros

Acción cultural editar

O Partido de El Bierzo mantén cada ano, dende 1985, a edición do "Botillo de Oro", galardón outorgado ás diferentes persoeiros e institucións que fixeron un labor relevante no desenvolvemento e recoñecemento do Bierzo. Galardoados co Botillo de Oro foron o Consello do Bierzo, a asociación local de doadores de sangue, a comunidade de inmigrantes no Bierzo ou persoeiros do mundo da cultura como o pintor José Sánchez Carralero ou o poeta Juan Carlos Mestre, e mesmo do mundo do deporte como a S.D.Ponferradina. Tamén organiza actos tradicionais como o magosto.

Notas editar

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 22 de setembro de 2010. Consultado o 26 de abril de 2015. 
  2. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 22 de agosto de 2010. Consultado o 26 de abril de 2015. 
  3. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 07 de marzo de 2011. Consultado o 26 de abril de 2015. 
  4. "Condena a Tarsicio Carballo por aldraxes contra o Secretario Xeral do PB". La Crónica de León. Arquivado dende o orixinal o 17 de decembro de 2011. Consultado o 26 de abril de 2015. 
  5. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 18 de xuño de 2012. Consultado o 26 de abril de 2015. 
  6. Gentes de El Bierzo
  7. http://www.infobierzo.com/la-lista-de-pedro-munoz-cuenta-con-ivan-alonso-y-raquel-diaz-como-numeros-2-y-3-con-la-propuesta-estrella-de-un-bayo-libre-de-impuestos/171159/

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar