Partit Socialista Unificat de Catalunya

O Partit Socialista Unificat de Catalunya (PSUC) era un partido catalán de ideoloxía comunista.

Partit Socialista Unificat de Catalunya
Partido político de Cataluña
MocidadesJoventuts Socialistes Unificades de Catalunya
Historia
Fundación23 de xullo de 1936
Disolución1997
Posicións políticas
Ideoloxíacomunismo
marxismo-leninismo
catalanismo
republicanismo
PublicaciónTreball
Na rede
http://www.psuc.cat/

Fundación editar

O PSUC foi fundado o 23 de xullo de 1936 no Bar del Pi de Barcelona, como resultado da fusión da Unió Socialista de Catalunya, do Partit Comunista de Catalunya, o Partit Català Proletari e a Federación Catalá do PSOE. A idea da fusión das forzas obreiras nun só partido toma forza a partir do desenlace dos feitos do seis de outubro de 1934 e da experiencia unitaria das alianzas obreiras.

Despois de conversas e debates internos no seo dos partidos obreiros catalán, non se acaba de asumir a completa unidade, e tanto o Bloc Obrer i Camperol como o pequeno grupo da Esquerra Comunista crean o POUM. Os outros partidos, tras constituír unha comisión de enlace, acordan os principios do PSUC: partido nacional e de clase, de ideoloxía marxista-leninista e adscrito á Internacional Comunista, sendo o primeiro caso de aceptar esta a dous membros dun mesmo estado. Foi escollido como secretario xeral Joan Comorera, e estableceu a súa central no Hotel Colón, requisado polo sindicato UGT, na céntrica praza de Catalunya de Barcelona.

Durante a guerra civil formou parte do goberno da Generalitat, en aplicación da súa consigna de unidade de forzas antifascistas. O PSUC, seguindo as ordes dos axentes da Unión Soviética, perseguiu ó POUM, e ós anarquistas da CNT e da FAI durante os sucesos de maio. No exilio francés colaboraron na resistencia contra a ocupación nazi, e algúns dos seus dirixentes, como Josep Miret i Musté, morreron en campos de concentración.

Clandestinidade editar

O partido adheriuse á Terceira Internacional como partido independente do PCE, o que provocou a longo prazo a caída do secretario xeral, Joan Comorera, en 1949, e a marcha de dirixentes históricos da Unió Socialista de Catalunya cara ao novo Moviment Socialista de Catalunya.

 
Cabeceira de Treball (1936)

No interior levan a cabo unha forte labor clandestina, o que provoca unha forte represión. En xaneiro de 1940 foi detida a primeira dirección do PSUC na clandestinidade. Alejandro Matos foi asasinado na comisaría. Otilio Alba e Tomás Pons foron fusilados. En 1942 foron fusilados Jaume Girabau, Isidoro Diéguez e Jesús Larrañaga, chegados clandestinamente desde México e detidos na fronteira de Portugal. Máis éxito tiveron en 1943 Josep Serradell Román e Margarida Abril, cando Joaquim Puig i Pidemunt volveu a editar o voceiro Treball, e en 1944 Miquel Núñez González dirixía a Agrupació Guerrillera de Catalunya. En 1945 acordouse a "Resolució de març", primeira elaboración política do PSUC realizada no interior onde se propón o impulso da loita guerrilleira, a unidade antifascista, e a confianza na vitoria dos aliados.

Pero seguiron as baixas e a represión. En 1946 son fusilados Francesc Serret e Joan Arévalo, e en 1947 tivo lugar a denominada caiguda dels vuitanta. En 1948 chegou a Cataluña Gregori López Raimundo, e o partido acordou a disolución dos grupos guerrilleiros. En 1949 foron fusilados en Barcelona Joaquim Puig Puidemunt, Numen Mestre Ferrando, Ángel Carrero e Pere Valverde. Ademais, Comorera foi expulsado do PSUC e entrou clandestinamente en Cataluña en 1951, onde foi detido polas autoridades franquistas en 1954 e condenado a 30 anos de prisión.

1956: I Congreso editar

A dirección do PSUC no exilio quedaba formada por Josep Moix, Rafael Vidiella, Wenceslao Colomer, Josep Romeu, Margarida Abril e Pere Ardiaca. A dirección no interior tomaba forza. Gregori López Raimundo foi detido a raíz da folga de tranvía de 1951. En 1956 tivo lugar o I Congreso do PSUC en Francia, onde se propuxo un novo punto de partida político e organizativo. Participaron 50 delegados do exilio e do interior (universitarios e obreiros). Aprobouse a política de reconciliación nacional. O Comité executivo quedou formado por Josep Moix (Secretario xeral), Margarida Abril, Pere Ardiaca, Josep Bonifaci, Emili Fàbregas, Gregori López Raimundo, Miquel Núñez González, Carles Rebellón, Josep Serradell "Román", Antoni Senserrich e Rafael Vidiella.

O intento de reorganización no interior topou con dificultades polas detención de Emili Fàbregas en 1957 e Miquel Núñez en 1958, que foi condenado a 25 anos de prisión por un consello de guerra. Josep Serradell tomaría o mando no interior, conseguindo escapar durante as detencións dos membros do partido Carles Rebellón en 1960, Vicente Cazcarra en 1961, Antoni Gutiérrez Díaz e Pere Ardiaca en 1962. Josep Sendrós e Leonor Bornau encargábanse da coordinación de Treball e editan unha nova revista, Horitzons.

1965: II Congreso editar

En 1965 celebrouse o II Congreso do PSUC en Francia, coa participación de 90 delegados, que aproban unha liña de impulso ó movemento estudantil e obreiro. Así mesmo, colaboran na formación de Comisiones Obreras. A súa tarefa foi fundamental, xunto coa doutras organizacións, á hora de avivar o movemento veciñal, as comisións obreiras, o Sindicat Democràtic d'Estudiants e outras experiencias de masas. En 1969 participou na Coordinadora de Forces Polítiques de Catalunya e en 1971 na Assemblea de Catalunya, onde estivo representado por Antoni Gutiérrez Díaz.

1973: III Congreso editar

En 1973 celebrouse o III Congreso do PSUC, coa participación de 200 delegados. En 1975 participou no Consell de Forces Polítiques de Catalunya, enviando como representantes a Josep Solé i Barberà e Gregori López Raimundo. Dunha escisión na universidade xurdira o grupo "Unidad", a finais dos anos 60, que fora o xermolo do Partit del Treball d'Espanya, de orientación maoísta. En 1974, pola contra, ingresou gran parte da Organización Comunista de España-Bandera Roja (xente como Jordi Solé Tura, Alfons Carles Comín ou Jordi Borja). En 1976 participou na convocatoria do 11 de setembro celebrada en Sant Boi de Llobregat, e pouco a pouco foron retornando os exiliados.

Legalización e crecemento editar

Pouco despois que o PCE, o PSUC conseguiu a súa legalización en abril de 1977. En poucos días se intensifican as afiliacións e a apertura de locais. Os datos de maior afiliación -segundo a secretaría de organización- estiveron sobre as 40.000 persoas en 1978. Festas como o mitin no cámping "La Tortuga Ligera" foron concentracións de masas onde se viu a forza do partido, o terceiro máis importante de Europa Occidental proporcionalmente.

Nas primeiras eleccións ó Parlamento de Cataluña (1980) foi a terceira forza política máis votada, con preto de 600.000 votos. Na acción parlamentaria destacaron os seus dirixentes Gregori López Raimundo, Antoni Gutiérrez Díaz, Cipriano García Sánchez, Francesc Candel e Jordi Solé Tura.

As tensións xeradas pola política da transición, ademais de diversas caracterizacións sobre política internacional, provocaron tensións internas que acabaron clamorosamente no quinto congreso do PSUC, aínda que xa foran evidentes na III conferencia política (1979), cando chegou o momento da definición do partido e a inclusión ou non do termo leninismo nos estatutos.

Crise do quinto congreso, ruptura e decadencia editar

O quinto congreso do PSUC chega logo dun fortísimo debate entre as agrupacións locais e sectoriais, onde hai unha forte crítica do termo "eurocomunismo" por parte das bases e dun certo número de dirixentes. O congreso suprime este termo, pero divide ó partido de xeito profundo en tres sectores, denominados "eurocomunista", "leninista" e "prosoviético". O sector leninista asumirá a secretaría xeral, con Francesc Frutos i Gras, e o prosoviético a presidencia, que corresponde a Pere Ardiaca, fundador do partido en 1936.

Estes sucesos fixeron manobrar a Santiago Carrillo, que meteu presión a Francesc Frutos para romper cos prosoviéticos. O secretario xeral sofre, por un lado, presións desde Madrid sobre a participación do PSUC no futuro congreso do PCE, e sobre as relacións do PCE en Cataluña, que se poden ver tocadas. Por outra banda, tanto o sector eurocomunista como o prosoviético traballan a diario de forma fraccional, para preparar un máis que seguro congreso extraordinario de normalización.

Unha conferencia nacional e o descubrimento do traballo fracional dos prosoviéticos, coa forte presión de Carrillo, leva ó sector leninista a recuar e pactar cos eurocomunistas. Os documentos fracionais levan a sancionar con expulsións e sancións a unha terceira parte do comité central, a corresponente ó sector prosoviético. En 1982, os expulsados e os sancionados, logo dun forte traballo de afiliacións, convocarán o seu congreso fundacional.

O novo partido arrastra unha parte importante da afiliación, e conseguirá sumar a xente que ía marchar. Despois de todo, nin o PSUC nin o novo Partit dels Comunistes de Catalunya (PCC) acadarán logros electorais de importancia. Despois do sexto congreso Antoni Gutiérrez Díaz asume a secretaría xeral.

Reagrupamentos da esquerda. Creación de IC e congreso de unidade comunista editar

As fortes mobilizacións contra o ingreso de España na OTAN propician un proceso de converxencia política coa creación da federación Iniciativa per Catalunya (IC), idea lanzada polo PSUC co PCC e Entesa dels Nacionalistes d'Esquerra. A principios de 1989 o PSUC promove un congreso de unidade comunista incorporando os restos de Bandera Roja, do Partit del Treball-Unitat Comunista e un número importante de líderes do PCC

A XI conferencia nacional do PSUC acorda ceder certas competencias políticas a IC, que xa non conta co PCC. Porén, de feito, o partido perde a súa vida organica e fica conxelado. Esta situación prolóngase de forma indefinida ata o IX Congreso do PSUC, convocado tempo despois do anterior, que data de 1988.

O IX Congreso. Conxelación e nova ruptura editar

A mediados dos 90, unha parte de dirixentes do partido impulsan unha corrente reclamando a revitalización do partido, se ben no seo do IC, pero mantendo a vida orgánica e a actividade. Consideran incompletos os acordos da conferencia nacional de 1990 e piden un congreso onde se clarifique a situación. Convócase o congreso para marzo de 1997, sen documentos e sen período de debate.

Conséguese que a dirección de Rafael Ribó acepte estas pretensións iniciais. Cunha estrutura territorial e sectorial conxelada, o PSUC escolle a só 300 delegados para o IX congreso, o último ata o momento. A dirección desequilibra as cifras nomeando como delegados natos ós 150 membros da dirección saínte. Isto crea unhas cifras ó plenario que, por un lado, impiden á maioría (un 56%) obter os votos necesarios para a disolución, pero a maioría non ten o suficiente apoio para aprobar unha revitalización (sobre un 40%)

 
PSUC-viu

O congreso aproba un comité central monolítico, formado exclusivamente pola lista máis votada, dada a potestade exclusiva de afiliación á dirección central e non ás agrupacións, e elimina a figura do secretario xeral. Non quedan claras as funcións do partido, que de forma definitiva desaparece, sendo hoxe en día un nome xurídico sen ningunha actividade política.

O sector do partido descontento con esta tendencia, denominado Manifest pel PSUC, forma en 1998 o PSUC-viu, integrado en Esquerra Unida i Alternativa (EUiA). Entre os dirixentes que conforman o novo partido, encóntranse antigos cadros procedentes do PCC, dirixentes como Ramón Luque, Antoni Luchetti ou Alfred Clemente, e o histórico líder comunista catalán Gregori López Raimundo.

Secretarios xerais do PSUC editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar