Aves do paraíso

Cicinnurus respublica
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Suborde: Passeri
Familia: Paradisaeidae
Vigors, 1825
Xéneros

15 xéneros, 42 especies

Os paradiseidos (Paradisaeidae), chamados comunmente aves do paraíso[1], son unha familia de aves da orde Passeriformes. A maioría das especies encóntranse na illa de Nova Guinea e o leste de Australia. A familia ten 42 especies en 15 xéneros.[2] Os membros desta familia son coñecidos principalmente pola rechamante plumaxe dos machos das especes con dimorfismo sexual, que son a maioría, en especial polas plumas longas e elaboradas que lles saen do bico, ás, cola e cabeza. A maior parte están confinadas a hábitats de selva densa. A dieta de todas as especies está baseada na froita e en menor medida nos artrópodos. As aves do paraíso teñen diversos sistemas de reprodución, desde a monogamia á poligamia de tipo lek.

Varias especies están ameazadas pola caza ou a perda de hábitat.

Taxonomía e sistemática editar

Durante moito tempo as aves do paraíso foron consideradas estreitamente relacionadas cos Ptilonorhynchidae. Hoxe, aínda que ambos os grupos son tratados como parte da liñaxe australiana dos córvidos, crese que os dous grupos están só distantemente emparentados. Os parentes evolutivos máis próximos das aves do paraíso son os córvidos, os monárquidos e os estrutideidos australianos.[3]

Un estudo de 2009 que examinou o ADN mitocondrial de todas as especies para determinar as relacións evolutivas dentro da familia e cos seus parentes máis próximos e estimou que a familia apareceu hai 24 millóns de anos, o que é antes do que se pensaba en estimacións previas. O estudo identificou cinco clados dentro da familia, e situou a separación entre o primeiro clado, que contén os monógamos Manucodia e Lycocorax pyrrhopterus, e as outras aves do paraiso, en hai 10 millóns de anos. O segundo clado inclúe os Parotia e o Pteridophora alberti. O terceiro clado provisionalmente contén varios xéneros: Seleucidis, Drepanornis, Semioptera, Ptiloris e Lophorina, pero os valores que apoian estas inclusións son baixos. O cuarto clado comprende Epimachus, Paradigalla e os Astrapias. O clado final inclúe Cicinnurus e os Paradisaea.[4]

Os límites exactos da familia revisáronse tamén. As tres especies de Cnemophilus e Loboparadisea foran tratados anteriormente como unha subfamilia de aves do paraíso, que se chamou Cnemophilinae. A pesar das diferenzas na boca, morfoloxía do pé e hábitos de nidación permaneceron na familia ata que un estudo feito en 2000 os pasou a unha familia separada máis próxima aos Melanocharitidae.[5] O mesmo estudo encontrou que os Macgregoria pulchra pertencían en realidade á gran familia de Australasia dos Meliphagidae. Ademais destas tres especies, varias especies e xéneros de sistemática enigmática foron consideradas membros potenciais desta familia. As dúas especies do xénero Melampitta, tamén de Nova Guinea, foron ligadas coas aves do paraíso,[6] pero as súas relacións seguen sendo pouco claras, e máis recentemente foron asociadas cos Struthideidae australianos.[3] O Lamprolia victoriae de Fidxi foi asociado coas aves do paraíso moitas veces desde o seu descubrimento, pero nunca foi formalmente asignado á familia. Recentes probas moleculares fixeron que agora se sitúe a especie cos Rhipidura.[7]

Especies editar

Híbridos editar

Poden orixinarse híbridos de aves do paraíso cando individuos de diferentes especies de aspecto similar teñen áreas de distribución que se solapan, e as especies confúndense e cren que son da mesma especie e crúzanse.

Cando Erwin Stresemann se decatou de que a hibridación entre aves do paraíso podería ser unha explicación de por que moitas das especies descritas eran tan raras, examinou moitos espécimes controvertidos e, durante as décadas de 1920 e 1930, publicou varios traballos sobre esta hipótese. Moitas destas especies descritas a finais do século XIX e inicios do XX son agora xeralmente consideradas híbridos, aínda que algunhas seguen discutíndose; non é probable que se establezan definitivamente os seus status sen un exame xenético dos espécimes conservados en museos.

Descrición editar

 
As aves do paraíso como este Epimachus meyeri teñen bicos curvados

As aves do paríso están estreitamente relacionadas cos córvidos. O seu tamaño vai desde os 15 cm e 50 g do Cicinnurus regius aos 44 cm e 430 g do Manucodia comrii. O macho do Epimachus fastosus, coa súa longa cola, é a especie máis longa, cunha lonxitude de 110 cm. Na maioría das especies, as colas dos machos son máis longas e largas que as das femias, e as diferenzas van desde escasas a moi grandes. As ás son arredondadas e nalgunhas especies están modificadas estruturalmente nos machos para produciren sons. Na forma do bico hai unha considerable variación na familia, xa que estes poden ser curvos e longos, como nos Drepanornis e Epimachus e nos Ptiloris, ou pequenos e finos como nos Astrapia. Igual que o tamaño corporal, o tamaño do bico varía entre os sexos, aínda que son máis comúns as especies nas que as femias teñen bicos máis grandes que os machos, especialmente nas especies insectívoras.[3]

A variación na plumaxe entre os sexos está moi relacionada co sistema de reprodución. Os Manucodia e Lycocorax pyrrhopterus, que son socialmente monógamos, son sexualmente monomórficos. Son tamén monomórficas as dúas especies de Paradigalla, que son polígamas. Todas estas especies teñen xeralmente unha plumaxe negra con iridescencia verde e azul en diversas proporcións.[3] A plumaxe das femias das especies dimórficas é tipicamente verdosa para confundirse co seu hábitat, a diferenza das rechamantes cores que presenta a dos machos. Os machos máis novos destas especies teñen plumaxe similar á das femias, e tardan moito en chegar á madurez sexual, de modo que non adquiren a plumaxe adulta ata os sete anos. Isto permite que os machos máis novos se protexan dos depredadores coas súas cores máis apagadas, e tamén que reduzan a hostilidade por parte dos machos adultos.[3]

Hábitat e distribución editar

O centro da diversidade das aves do paraíso é a grande illa de Nova Guinea e todos os xéneros menos dous se atopan en Nova Guinea. Estes dous son os xéneros monotípicos Lycocorax e Semioptera, ambos endémicos das illas Molucas, situadas en Indonesia ao oeste de Nova Guinea. Das especies do xénero Ptiloris, dúas son endémicas dos bosques costeiros do leste de Australia, unha vive tanto en Australia coma en Nova Guinea, e unha só se encontra en Nova Guinea. O xénero restante cunha especie fóra de Nova Guinea é Manucodia, un representante do cal se encontra no extremo norte de Queensland, Australia. As restantes especies están restrinxidas a Nova Guinea e algunhas das illas que a rodean. Moitas especies teñen áreas de distribución moi restrinxidas, especialmente varias especies cun tipo de hábitat restrinxido como os bosques de media montaña (como o Epimachus fastosus) ou endémicos de illas (como o Cicinnurus respublica).[3]

A maioría das aves do paraíso viven en bosques tropicais, como selvas, pantanos, e bosques nubrados,[3] e case todos son habitantes solitarios das árbores.[8] Varias especies viven en mangleirais costeiros.[9] A especie que vive máis ao sur é o Ptiloris paradiseus de Australia, que vive en bosques húmidos subtropicais e temperados. Os do grupo dos Manucodia son os máis plásticos en canto aos seus requirimentos de hábitats, en especial o Manucodia ater, que habita en bosques e sabanas abertas con árbores e arbustos.[3] Os hábitats de media montaña son os máis ocupados por estas aves, e trinta das corenta especies viven na faixa altitudinal entre os 1.000 e 2.000 m de altura.[9]

Comportamento e ecoloxía editar

Dieta e alimentación editar

 
As froitas do xénero Schefflera son unha importante parte da dieta do Astrapia mayeri.

A dieta das aves do paraíso é fundamentalmente froitas e artrópodos, aínda que poden comer tamén pequenas cantidades de néctar e pequenos vertebrados. A proporción dos dous tipos principais de alimentos varía coa especie, e nalgunhas especies predomina a froita, mentres que os artrópodos predominan noutras. A proproción dos dous afecta a outros aspectos do comportamento da especie, por exemplo as especies fruxívoras tenden a alimentarse nas copas das árbores, mentres que os insectívoros poden alimentarse en zonas a media altura das árbores. As fruxívoras son máis sociais que as insectívoras, que son máis solitarias e territoriais.[3]

Incluso as aves do paraíso que comen principalmente insectos comen tamén grandes cantidades de froita; e a familia é en conxunto unha importante dispersora de sementes nos bosques de Nova Guinea, xa que non dixiren as sementes. As especies que se alimentan de froitas cobren unha ampla área buscando froitos e mentres o fan xúntanse con outras especies comedoras de froita nas árbores que dan froitos, pero non se asocian con elas e non permanecen xunto a outras especies durante moito tempo. Comen as froitas mentres están pousadas sobre as árbores, non ao voo desde o aire, e poden usar os pés como feramentas para manipular e soster a súa comida, o que lles permite extraer certos froitos capsulares. Hai certa diferenciación de nichos na elección das froitas polas especies e unha determinada especie só consome unha limitada cantidade de tipos de froitos en comparación coa gran variedade da que dispoñen. Por exemplo, o Phonygammus keraudrenii e o Manucodia chalybatus comen principalmente figos, mentres que o Parotia lawesii prefire principalmente bagas e o Lophorina superba e o Paradisaea raggiana comen maiormente froitos encapsulados.[3]

Reprodución editar

A maioría das especies teñen elaborados rituais de apareamento, e as especdies de Paradisaea utilizan un sistema de tipo lek. Outros, como as especies de Cicinnurus e Parotia, teñen danzas de apareamento moi ritualizadas. Os machos son polígamos nas especies sexualmente dimórficas, pero son monógamos en polo menos algunhas das especies monomórficas. A hibridación é frecuente nestes paxaros, o que suxire que as especies polígamas de aves do paraíso están moi estreitamente relacionadas malia pertenceren a distintos xéneros. Describíronse moitos híbridos como novas especies, algunhas das cales son discutidas.[10]

As aves do paraíso constrúen os seus niños con materiais brandos, como follas, fentos, e gabiláns de plantas, e son situados tipicamente nas bifurcacións dos troncos.[11] O número típico de ovos en cada posta varía nas distintas especies e non se sabe para todas as especies. As grandes especies case sempre poñen un só ovo, pero as especies menores poden producir postas de 2 ou 3 ovos.[12] Os ovos eclosionan pasados de 16 a 22 días, e as crías viven no niño ata entre 16 e 30 días de idade.[11]

Relacóns cos humanos editar

 
Macho de Paradisaea apoda
 
Na bandeira de Papúa Nova Guinea está representada unha ave do paraíso.

Os pobos de Nova Guinea usan a miúdo as plumas das aves do paraíso nos seus traxes e rituais, e as plumas eran populares en Europa en séculos pasados entre as damas para os seus sombreiros. A caza para obter as plumas e a destrución de hábitats reduciron algunhas especies ata chegaren a ter un status de "en perigo"; a destrución de hábitats debido á deforestación é agora a ameaza predominante.[3]

Os máis coñecidos son as especies do xénero Paradisaea, incluída a especie tipo Paradisaea apoda. Esta especie foi descrita por espécimes traídos a Europa por expedicións de comerciantes a inicios do século XVI. Estes espécimes foran preparados por comerciantes nativos que lles quitaban as ás e pés para que puidesen servir de decoración. Isto non o sabían os exploradores, e en ausencia de máis información orixináronse moitas crenzas sobre estas aves. Durante un tempo pensouse que eran as míticas aves fénix. A súa condición a miúdo sen patas nin ás destas preparacións disecadas levaron a crer que as aves nunca se pousaban senón que se mantiñan permanentemente no aire grazas ás súas plumas. Os primeiros europeos que encontraron estes exemplares preparados, foron os mariñeiros de Fernando de Magalláns na súa circunnavegación da Terra. Antonio Pigafetta escribiu sobre elas que "a xente díxonos que estas aves procedían do paraíso terrestre, e chámanlles bolon diuata, é dicir, 'aves de Deus'".[13] Esta é a orixe tanto do nome "ave do paraíso" coma do nome específico apoda (sen pés) dalgunha especie como Paradisaes apoda.[14] Un relato alternativo de Maximiliano Transilvano usaba o termo Mamuco Diata, unha variante de Manucodiata, que era utilizado como sinónimo de ave do paraíso no século XIX, e hoxe hai un xénero chamado Manucodia.

Caza editar

 
Ilustración da obra The Malay Archipelago de Alfred Russel Wallace (1869) titulada "Nativos disparando á Gran Ave do Paraíso"

A caza de aves do paraíso leva producíndose desde hai moito tempo, posiblemente desde o asentamento humano na zona onde vivían estes paxaros. Observouse que entre as especies cazadas máis habitualmente, os machos empezan a aparearse oportunisticamente incluso antes de que lles creza a plumaxe ornamental.

O naturalista, explorador e autor Alfred Russel Wallace pasou seis anos na área de Indonesia e escribiu a obra The Malay Archipelago (publicada en 1869), durante ese tempo cazou, recolleu e describiu moitos espécimes de animais e aves incluíndo varias aves do paraíso.[15]

Ben que a caza para obter plumas para a confección de sombreiros foi moi intensa nos séculos XIX e XX,[16] pero hoxe estas aves gozan de protección legal e a súa caza só está permitida en niveis sustentables para prover de plumas para as necesidades cerimoniais das poboacións tribais locais.

Outros exemplos editar

  • A constelación do hemisferio sur Apus representa unha ave do paraíso.
  • Un macho adulto de ave do paraíso aparece na bandeira de Papúa Nova Guinea.
  • Na coroa real do Nepal (antes da proclamación da república) utilizábase unha pluma de ave do paraíso; a coroa gárdase agora no Museo do Palacio de Narayanhity.

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Ave do paraíso.
  2. Gill, F & D Donsker (Eds). 2012. IOC World Bird Names (v 3.2). Available at http://www.worldbirdnames.org [Accessed 13 Jan 2013].
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 Firth, Clifford B.; Firth, Dawn W. (2009). "Family Paradisaeidae (Birds-of-paradise)". En del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew; Christie, David. Handbook of the Birds of the World. Volume 14, Bush-shrikes to Old World Sparrows. Barcelona: Lynx Edicions. pp. 404–459. ISBN 978-84-96553-50-7. 
  4. Irested, Martin; Jønsson, Knud A; Fjeldså, Jon; Christidis, Les and Per GP Ericson (2009). "An unexpectedly long history of sexual selection in birds-of-paradise". Evolutionary Biology 9 (235). doi:10.1186/1471-2148-9-235. 
  5. Cracraft, J.; Feinstein, J. (2000). "What is not a bird of paradise? Molecular and morphological evidence places Macgregoria in the Meliphagidae and the Cnemophilinae near the base of the corvoid tree". Proc. R. Soc. B 267 (1440): 233–241. doi:10.1098/rspb.2000.0992. 
  6. Sibley, . & Ahlquist, J. (1987). "The Lesser Melampitta is a Bird of Paradise" Emu 87: 66–68
  7. Irested, Martin; Fuchs, J; Jønsson, KA; Ohlson, JI; Pasquet, E; Ericson, Per G.P. (2009). "The systematic affinity of the enigmatic Lamprolia victoriae (Aves: Passeriformes) – An example of avian dispersal between New Guinea and Fiji over Miocene intermittent land bridges?" (PDF). Molecular Phylogenetics and Evolution 48 (3): 1218–1222. PMID 18620871. doi:10.1016/j.ympev.2008.05.038. 
  8. Honolulu Zoo "Archived copy". Arquivado dende o orixinal o 15 de maio de 2011. Consultado o 2011-02-03. , Birds of Paradise, Accessed Feb 3, 2011
  9. 9,0 9,1 Heads, M (2001). "Birds of paradise, biogeography and ecology in New Guinea: a review". Journal of Biogeography 28 (7): 893–925. doi:10.1046/j.1365-2699.2001.00600.x. 
  10. Fuller, Errol (January 1997). The Lost Birds of Paradise. Voyageur Press. ISBN 1-85310-566-X. 
  11. 11,0 11,1 Frith, Clifford B. (1991). Forshaw, Joseph, ed. Encyclopaedia of Animals: Birds. London: Merehurst Press. pp. 228–231. ISBN 1-85391-186-0. 
  12. Mackay, Margaret D. (1990). "The Egg of Wahnes' Parotia Parotia wahnesi (Paradisaeidae)". Emu 90 (4): 269. doi:10.1071/mu9900269a.  PDF fulltext
  13. Harrison, Thomas P. (1960). "Bird of Paradise: Phoenix Redivivus". Isis 51 (2): 173–180. doi:10.1086/348872. 
  14. Jobling, James A. (1991). A Dictionary of Scientific Bird Names. Oxford: Oxford University Press. pp. 15–16. ISBN 0-19-854634-3. 
  15. Wallace, Alfred Russel. The Malay Archipelago. London: Macmillan, 1869.
  16. Cribb, Robert (1997). "Birds of paradise and environmental politics in colonial Indonesia, 1890–1931". En Boomgaard, Peter; Columbijn, Freek; Henley, David. Paper landscapes: explorations in the environmental history of Indonesia. Leiden, The Netherlands: KITLV Press. pp. 379–408. ISBN 90-6718-124-2. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Laman, Tim; Scholes, Edwin (2012). Birds of Paradise, Revealing the World’s Most Extraordinary Birds. National Geographic Society. 

Ligazóns externas editar