Pandita Ramabai Sarasvati, nada como Rama Dongre en Mangalore o 23 de abril de 1858 e finada en Pune o 5 de abril de 1922, foi unha escritora, activista polos dereitos e a educación das mulleres e unha reformadora social india. Foi a primeira muller en ser recoñecida co título de Pandita[1].

Infotaula de personaPandita Ramabai

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento23 de abril de 1858 Editar o valor em Wikidata
Mangalore (Raj Británico) Editar o valor em Wikidata
Morte5 de abril de 1922 Editar o valor em Wikidata (63 anos)
Pune (Raj Británico) Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeRaj Británico Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónautobiógrafa , tradutora da Biblia , tradutora Editar o valor em Wikidata
Período de actividade1885 Editar o valor em Wikidata -
LinguaLingua marathi Editar o valor em Wikidata

Find a Grave: 184217857 Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Naceu no seu dunha familia brahmana marathi, seu pai, Anant Shastri Dongre, era un estudoso do sánscrito e aprendeulles esa lingua clásica á muller, Lakshimi e os fillos contra da tradición. A familia vivía pobremente do que obtiña seu pai lendo os puranas polas aldeas e vilas e durante a Gran Fame de 1876-78 morréronlle seus pais e súa irmá. Ramá e seu irmán Srinivas continuaron a viaxar por toda a India recitando as escrituras en sánscrito[2]. A fama de Ramabai chegou a Calcuta, e os pandits convidárona a visitar Bengala e en 1878 a Universidade de Calcuta, nunha competición con outros candidatos homes, conferiulle os títulos de Pandita e Sarasvati[3] polo seu coñecemento dos versos das escrituras en sánscrito. O reformador relixioso monoteísta Keshab Chandra Sen deulle unha copia de Vedas, o texto máis sagrado de toda a literatura hinduísta, e animouna a lelos. Tras a morte de Srinivas en 1880, Ramabai casou con Bipin Behari Medhvi, un avogado bengalí, un kayastha, unha casta alta mais inferior á brahmana e polo tanto a voda considerábase inapropiada nesa época. Casaron nunha cerimonia civil o 13 de novembro de 1880, e o matrimonio tivo unha filla, Manorama.

Activismo editar

Despois da morte de Medhvi en 1882, Ramabai, que tiña 23 anos, mudouse para Pune e fundou a organización Arya Mahila Samaj[4]co obxectivo de promover a educación das mulleres e a liberación da opresión do matrimonio infantil. Nese ano tamén publicou o seu primeiro libro, Strīdharmanīti en marathi, dedicado á educación das mulleres[5]. Cando en 1882 o goberno da India creou unha comisión para constatar o estado da educación, Ramabai declarou que a maioría dos homes se opuñan á educación e a mellora da posición das mulleres, e suxeriu que se educase a profesoras e que se creasen postos para inspectores das escolas femininas e ademais que se habían de admitir mulleres nas facultades de medicina. As súas palabras foron moi comentadas na época e deron froitos pouco despois, ao promover lady Dufferin[6], a dona do vicerrei da India, a entrada da primeira muller, Kadambini Ganguly, nunha facultade de medicina india.

 
Pandita Ramabai nun selo postal da India que se emitiu en 1989 con motivo do centenario do establecemento da misión en Mukti
 
Ramabai coa súa filla Manorama en 1911

En 1883 Ramabai foi a Gran Bretaña para principiar unha formación médica, pero por mor dunha progresiva xordeira non a admitiron en ningún programa médico e decidiuse a entrar nun programa de maxisterio do Cheltenham Ladies' College[7]. Durante a súa estadía no Reino Unido converteuse ao cristianismo por influencia da orde relixiosa anglocatólica Comunidade de María a Virxe[8]. En 1886 foi aos Estados Unidos para participar na graduación dun familiar Anandi Gopal Joshi, a primeira muller india médica, con Kadambini. Ramabai permaneceu durante dous anos no país, traduciu libros de texto, deu conferencias nese país e no Canadá[9] e publicou en inglés The High-Caste Hindu Woman que amosaba os apectos máis escuros da vida das mulleres hinduístas, incluíndo as nenas casadas e as nenas viúvas e en xeral buscou expoñer a opresión das mulleres na India Británica hinduísta.

En 1889 estableceu unha misión en Mukti para a mellora da vida dos nenos e das mulleres. En 1896, durante unha época de fame negra, Ramabai percorreu as aldeas de Maharashtra, cunha caravana de carros e rescatou milleiros de nenos parias, nenas viúvas ou orfas e levounas a refuxios en Mukti e Sharada Sadan. Contra 1900 había 1.500 residentes na misión de Mukti e tamén estaba implicada no establecemento dunha igrexa en Mukti e en 1905 estableceu un círculo de oración para a conversión do pobo e para iso consideraba que as escrituras debíanlle chegar na súa lingua; aprendeu grego e hebreo para traducir a Biblia dende os orixinais ao marathi e aínda que xa existía unha tradución nesa lingua, era nunha variedade culta moi influída polo sánscrito e arredada da fala popular que empregaban as mulleres, e a elas ía dirixida a súa tradución[10]que principiou en 1908[11] e que completou en 1922, pouco antes de morrer.

Coa axuda da súa filla Manorama Bai, que estudara na Universidade de Bombai e que ampliara os seus estudos nos Estados Unidos, estableceu nunha escola cristiá en Gulbarga en 1912 e era a súa sucesora natural na misión de Mukti pero morreu en 1921, o que supuxo un forte choque para Ramabai, e nove meses despois, afectada por unha bronquite[12], morreu unhas semanas antes do seu 64 aniversario. A Igrexa de Inglaterra e as outras igrexas anglicanas británicas celebran a súa festa o 30 de abril[8] mentres a Igrexa do Norte da India, unha igrexa protestante unitaria na que se integraron as dioceses anglicanas do norte da India, celebra a súa festa o 29 de setembro[13].

Notas editar

  1. "Women’s History Month: Pandita Ramabai". Women's History Network. 
  2. Sita Anantha Raman (2009). Women in India: A Social and Cultural History I. ABC-CLIO. p. 140. 
  3. Padma Anagol (2005). The Emergence of Feminism in India, 1850-1920. Ashgate. p. 235. 
  4. Geraldine Forbes (1996). Women in Modern India IV. Cambridge University Press. p. 66. 
  5. "स्त्रीधर्मनीति!". Lōksattā. 3 de setembro de 2017. 
  6. Maneesha Lal (2005). "The Politics of Gender and Medicine in Colonial India: The Countess of Dufferin Fund, 1885–1888". Cahiers du Genre. Volume 38 (1): 87–126. 
  7. "Overlooked No More: Pandita Ramabai, Indian Scholar, Feminist and Educator". New York Times. 14 de novembro de 2018. 
  8. 8,0 8,1 Atwell, Robert (2017). Celebrating the Saints: Daily spiritual readings for the calendars of the Church of England, the Church of Ireland, the Scottish Episcopal Church & the Church in Wales. Canterbury Press. p. 153. 
  9. Jayawardena, Kumari (1995). The White Woman's Other Burden: Western "omen and South Asia during British Colonial Rule. Routledge. p. 56. 
  10. David Morgan. "Pandita Ramabai: an unsung pioneer of Bible translation". Wycliffe Bible Translators. 
  11. Meera Kosambi (1995). Pandita Ramabai's Feminist and Christian Conversions: Focus on Stree Dharma-Neeti. Research Centre for Women's Studies, S.N.D.T. Women's University. p. 172. 
  12. Padmini Sengupta (1970). Pandita Ramabai Saraswati: Her Life and Work. Asia Publishing House. p. 310. 
  13. "The Book of Worship of the Church of North India: "Feast of Mary Ramabai (September 29)"". Sundry Thoughts.