Camarón do Báltico

especie de crustáceo
(Redirección desde «Palaemon adspersus»)
Camarón do Báltico
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Subfilo: Crustacea
Clase: Malacostraca
Orde: Decapoda
Infraorde: Caridea
Superfamilia: Palaemonoidea
Familia: Palaemonidae
Subfamilia: Palaemoninae
Xénero: Palaemon
Especie: P. adspersus
Nome binomial
Palaemon adspersus
Rathke, 1837
Sinonimia
  • Cancer squilla Linnaeus, 1758
  • Leander brandti Czerniavsky, 1884
  • Leander rectirostris transitans Czerniavsky, 1884
  • Leander rectirostris tyicia Czerniavsky, 1884
  • Palaemon brandti (Czerniavsky, 1884)
  • Palaemon communis Anslijn, 1826
  • Palaemon fabricii Rathke, 1843
  • Palaemon imbellis Fischer, 1872
  • Palaemon leachii Bell, 1851
  • Palaemon rectirostris Zaddack, 1944
  • Palaemon rectirostris octodentatus Neumann, 1878

O camarón do Báltico[1] (Palaemon adspersus, Rathke 1837) é unha especie de crustáceo malacostráceo da orde dos decápodos e familia dos palemónidos. É un camarón propio das augas do Atlántico nororiental moi frecuente no mar Báltico, onde é obxecto de activa pesca polos daneses. En Galicia non é moi común, aínda que tamén se pesca e se consome como os outros camaróns presentes nas nosas augas.[2]

A especie foi descrita por Carl Linnaeus en 1758 como Cancer squilla.[3] O xénero Palaemon foi fundado por Friedrich Weber en 1795, e este camarón recibiu ao longo dos anos numerosos sinónimos (véxase sinonimia no cadro da clasificación científica, á dereita).[4] O nome válido na actualidade deullo Rathke en 1837.

Características editar

Palaemon adspersus é unha especie moi semellante a Palaemon elegans, de tamaño un pouco maior, 7 cm como máximo, pero que non chega aos 10 do Palaemon serratus, o camarón máis frecuente, e máis apreciado, en Galicia.

Distínguese deste último polo seu rostro, moito menor (ademais de polo tamaño), e de P. elegans porque o seu rostro é máis rectilíneo e ancho, e dentado ao longo de toda a súa marxe superior, como naquel, pero cun só dente protorobitario e outro mesmo por riba da órbita do ollo;[2] ademais, leva distintivas manchas de pigmento na metade inferior.[5]

O corpo, deprimido lateralmente, e translúcido, ten unha coloración gris amarelada parecida á de P. elegans aínda que poida que un algo máis azulada.[2]

Distribución e ecoloxía editar

Palaemon adspersus é pouco común na maior parte do noroeste de Europa, pero é a base dunha significativa pesquería de camarón nos estreitos daneses.[6]

No mar Báltico pode tolerar salinidades por debaixo do 5 ‰, pero pasa o inverno en augas máis profundas e máis salinas, preto da costa.[6]

En Dinamarca, P. adspersus está estreitamente relacionado con fondos con praderías de Zostera, e é substituído por P. elegans onde faltan estas praderías.[6]

Historia taxonómica editar

Linneo describiu esta especie baixo o nome de Cancer squilla no seu Systema Naturae (1758, 1761). Como moitos máis xéneros, foi máis tarde separado do Cancer linneano, e a nosa especie foi coñecida como Leander squilla, namentres que o xénero Palaemon, que fundara en 1810 Pierre André Latreille, era utilizado para outras especies. En 1897, Mary Jane Rathbun deuse de conta que a especie tipo do xénero Palaemon, que elixira Latreille para describila, era Cancer squilla. Isto requiría que o xénero daquela coñecido como Leander pasara a Palaemon, mentres que o xénero entón coñecido como Palaemon tenría que pasar a Macrobrachium. Non todos os biólogos seguiron a nova nomenclatura, e a confusión finalmente resolveuse por unha decisión da Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica (ICZN), que declarou que a especie tipo de Palaemon era Palaemon adspersus.[7]

En 1958, Lipke Holthuis solicitou á ICZN que suprimise o nome de Linneo Cancer squilla, porque era utilizado para a especie Palaemon elegans, aínda que a descrición orixinal era dunha especie diferente.[8] A pesar da oposición dalgúns carcinólogos, entre eles Robert Gurney, a ICZN estivo de acordo, deixando dispoñíbel Palaemon adspersus Rathke, 1837 —polo principio de prioridade—, para esta especie.

Notas editar

  1. Lahuerta e Vázquez (2000), p. 223.
  2. 2,0 2,1 2,2 Ramonell, R. (1985), p. 214.
  3. Palaemon Rathke, 1837 en ITIS. Consultada o 9/02/2021.
  4. Palaemon adspersus en ITIS. (en inglés) Consultada o 5/01/2013.
  5. P. J. Hayward & John Stanley Ryland (1995). "Palaemonidae". Handbook of the marine fauna of north-west Europe (Oxford University Press ed.). pp. 409–412. ISBN 978-0-19-854055-7. 
  6. 6,0 6,1 6,2 Richard Stephen Kent Barnes (1994). "Palaemonidae". The brackish-water fauna of northwestern Europe: an identification guide to brackish-water habitats, ecology, and macrofauna for field workers, naturalists, and students (Cambridge University Press ed.). p. 202. ISBN 978-0-521-45556-5. 
  7. Lipke Holthuis & Peter K. L. Ng (2009). "Nomenclature and Taxonomy". En Michael Bernard New, Wagner Cotroni Valenti, James H. Tidwell, Louis R. D'Abramo & Methil Narayanan Kutty. Freshwater Prawns: Biology and Farming. John Wiley and Sons (2ª ed.). pp. 12–17. ISBN 978-1-4051-4861-0. 
  8. L. B. Holthuis (1958). Francis Hemming, ed. "Proposed use of the plenary powers (a) to suppress the specific name "squilla" Linnaeus, 1758, as published in the combination "Cancer squilla", and (b) to substitute the name "Palaemon adspersus" Rathke, 1837, as the name to be cited as that of the type species of the genus "Palaemon" Weber, 1795 (Class Crustacea, Order Decapoda)". Bulletin of Zoological Nomenclature 13 (5): 142–153. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Costello, M. J. et al. (eds.) (2001): European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. París: Muséum national d'Histoire naturelle. Collection Patrimoines Naturels, 50: 284-289. ISBN 2-85653-538-0.
  • Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
  • Ramonell, Rosa (1985): Guía dos mariscos de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-506-3.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar