Abrir o menú principal

O Pacto Federal de Tortosa, ou Pacto de Tortosa, foi un manifesto ideolóxico ou proxecto de organización das forzas republicano-federalistas de Cataluña, Valencia, as illas Baleares e Aragón[1] xurdido a partir dunha reunión en Tortosa o 18 de maio de 1869. A elección de Tortosa tiña unha importante significación por se-lo centro dos territorios da antiga Coroa de Aragón. Por iso, os seus adversarios políticos denominárono coma o "pacto da Coronilla de Aragón"[2] e a prensa de Madrid denunciouno como un pacto de tipo separatista.[1]

Índice

A alianzaEditar

Tralo triunfo da Revolución de 1868 que puxo fin ao reinado de Isabel II, celebráronse en xaneiro de 1969 eleccións a Cortes Constituíntes nas que o Partido Republicano Federal obtivo un bo resultado en Aragón, Cataluña e Valencia —aínda que globalmente inferior ás súas expectativas— o que animou á celebración en Tortosa, en maio, dunha asemblea federal dos territorios da antiga Coroa de Aragón —aínda que non acudirían representantes das provincias de Xirona nin de Alacant.

A reunión, foi presidida polo alcalde de Tortosa, Manuel Bes e Hediger e participaron os líderes do Partido Republicano Democrático Federal dos territorios anteriores. A iniciativa foi tomada polos membros do sector intransixente e federalista do partido en Barcelona, reunidos no Club de Federalistas, co obxectivo de organizar a xestión descentralizada do partido en territorios da antiga Coroa de Aragón, coa finalidade de promover a constitución dunha república federal.

O seu portavoz e impulsor máis notable foi Valentí Almirall i Llozer,[3] autor a finais de 1868 das Bases para la constitución del Estado de Cataluña. Entre os principais participantes estiveron o catalán Josep Anselm Clavé, os valenciáns Francisco González Chermá e Emigdio Santamaría Martínez, e os aragoneses Mamés de Benedicto (vicepresidente da Asemblea), Marceliano Isábal y Bada (secretario), Fermín Colomer, Anxo Palacios, Francisco Giménez, e Ambrosio Gimeno.

O pacto mantiña unha forma moi historicista exaltando as liberdades da antiga coroa de Aragón, e foi un intento para organiza-las forzas federais nos territorios onde tiña unha forte presenza, a fin de ser unha punta de lanza para a estrutura dunha República Federal española estable e duradeira. Asinouse tamén unha alianza defensiva para manter e consolidar o espírito da revolución de 1868.

O texto do PactoEditar

... Aragón, Cataluña e Valencia, unidas pola súa situación topográfica, solidarias nos seus máis preciados intereses, confundidas polos seus recordos históricos, semellantes se non iguais en carácter e en costumes, émulas dignas da súa paixón pola liberdade; están chamadas pola súa natureza, a marchar unidas, a vivir aliadas e a cumprir xuntas os altos destinos provinciais da nosa raza.

Unímonos para resistirmos a tiranía e a fuer de aragoneses, cataláns e valencianos, evocando no noso favor honrosos antecedentes históricos, temos dereito a esperar que merecerá a importancia debida a nosa firmísima resolución. (...)

1º. Os cidadáns aquí reunidos conveñen que as tres antigas provincias de Aragón, Cataluña e Valencia, incluídas as Ilas Baleares, estean unidas e aliadas para todo o que se refire á conduta do partido republicano e á causa da Revolución, sen que de ningún xeito se deduza disto que pretenden separarse do resto de España.

2º. Así mesmo, manifiestan que a forma de goberno que cren máis conveniente para España é a República democrática Federal, con tódalas súas lextimas e naturais consecuencias. (...)[4]

Pere Anguera di que o editor do texto real foi o reusense Josep Güell i Mercader.[5]

ConsecuenciasEditar

A sinatura do Pacto de Tortosa foi a primeira expresión práctica do federalismo pactista, defendida por Pi i Margall, que rexeita o separatismo. Porén, provocou a xeito de imitación un feixe de acordos semellantes como o de Córdoba (12 de xuño) para as provincias confederadas de Andalucía, Estremadura e Murcia, o de Valladolid (15 de xuño) para as dúas Castelas, o pacto galaico-asturiano de A Coruña (18 de xuño), e o vasco-navarro de Éibar (28 de xuño).[3]

Pi i Margall e o Partido Republicano Federal pretenderon controlar o movemento centralizando o movemento e os diferentes pactos a través do Pacto Nacional de Madrid do 30 de xuño de 1869[2][6] pero provocou o rexeitamento de Almirall e outros.[7] Ao imporse a constitución monárquica de 1869, produciuse un levantamento de carácter federalista en setembro do mesmo ano. E coa instauración da Primeira República (1873), en Barcelona intentouse a proclamación do estado catalán dentro da República Federal española.

Tralo fracaso do proxecto federal da Primeira República Española, Almirall converterase no principal impulsor do catalanismo político.​[6]

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 Franquet (2009); p. 198
  2. 2,0 2,1 Almirall (1983); p. 33
  3. 3,0 3,1 Bonamusa (2014); p. 100
  4. Altadill (1870); pp. 419-422)
  5. Anguera (1989); p. 96
  6. 6,0 6,1 Claret & Santirso (2014); pp. 70-71
  7. Andrés-Gallego (1981); p. 134

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Altadill, Antonio (1870). La monarquía sin monarca. Grandezas y miserias de la Revolución de Setiembre. Editor Eduardo González. 
  • Almirall, Valentí (1983). España tal como es. Estudio e notas de Antoni Juglar. Barcelona: Anthropos. Editorial del hombre. ISBN 84-85887-17-4. 
  • Andrés-Gallego, José (1981). Historia General de España y América: Revolución y Restauración (1868-1931). Vol. XVI-2. Madrid: RIALP. ISBN 8432121142. 
  • Anguera, Pere (1989). L'ombra de l'estel blanc: estudis sobre el catalanisme polític. Reus: Associació d'Estudis Reusencs. ISBN 8478560300. 
  • Bonamusa, Francesc (2004). "Republicanisme e federalisme. Catalunya 1830-1939". En Chust Calero, Manuel. Federalismo y cuestión federal en España. Col. Humanitats. Nº 14. Castelló de la Plana: Publicacións de la Universitat Jaume I. ISBN 84-8021-452-X.
  • Claret, Jaume; Santirso, Manuel (2014). La construcción del catalanismo. Historia de un afán político. Madrid: Los Libros de la Catarata. ISBN 978-84-8319-898-8. 
  • Franquet i Bernis, Josep Maria (2009). Les Terres de l'Ebre: un problema de debò. Editor: Franquet Bernis, José María. ISBN 978-8493036454. 

Outros artigosEditar