Partido Comunista de Liberación Nacional

partido político galego
(Redirección desde «PCLN»)

O Partido Comunista de Liberación Nacional foi un partido comunista e independentista galego formado en 1986 e disolto en 1990.

Partido Comunista de Liberación Nacional (PCLN)
Partido político de Galiza
Dirixentes e organización
LíderMariano Abalo, Manuel Camaño
Historia
Fundación1986
Posicións políticas
IdeoloxíaMarxismo-leninismo
Nacionalismo galego
Independentismo galego

Historia

editar

Orixes e saída da UPG

editar

As orixes do partido están no 25 de xullo de 1986, data na que foi fundado o Colectivo Comunista 22 de marzo[1], formado por 13 membros do Comité Central da Unión do Povo Galego desconformes coa decisión do seu V Congreso (nunha votación non exenta de polémica[2]) de aprobar o xuramento da Constitución Española de 1978 no Parlamento de Galicia. Os militantes de dito colectivo abandonaron a UPG desconformes coa decisión e fundaron o PCLN. As principais figuras do PCLN eran Mariano Abalo (secretario xeral), Manuel Camaño e Xan Carballo, secretario xeral da INTG.

Expulsión do BNG e unidade independentista

editar

Na III Asemblea Nacional do BNG (O Carballiño, 1987) decidiuse expulsar ó PCLN polo apoio que este dera a Herri Batasuna nas eleccións ó Parlamento Europeo. Dita coalición obtivo 7.242 votos en Galiza, 0,59% do total. O PCLN inscribiuse no rexistro de partidos políticos do Ministerio do Interior Español o 13 de febreiro de 1988, e comezou axiña un proceso de aproximación ás outras organizacións da esquerda independentista galega - a máis significativa das cales era Galiza Ceive-OLN. En 1988 o PCLN e Galiza Ceive-OLN crearon unha coalición co nome de Frente Popular Galega (FPG), na que tamén se integraron, a parte destes dous partidos, as organizacións de ámbito local ou comarcal Coletivo Nacionalista de Trasancos, Coletivo Nacionalista de Vigo, o Coletivo Iskreiro, os Grupos Independentistas Galegos (GIGa) e persoas non organizadas.

O funcionamento interno da FPG xerou problemas desde o principio. O PCLN defendía a necesidade de que as organizacións que formaran a FPG mantivesen a súa autonomía organizativa, mentres que Galiza Ceive-OLN quería disolvelas e transformar á FPG nunha organización unitaria. Tamén existía unha forte diverxencia entre Galiza Ceive-OLN e o PCLN con respecto á loita armada do Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive (EGPGC), apoiado pola primeira e criticado polo PCLN. A causa desta crise interna, foi convocada unha Asemblea Nacional extraordinaria na que Galiza Ceive-OLN decidiu abandonar a FPG e constituír a Assembleia do Povo Unido (APU).

Disolución

editar

O PCLN acabou disolvéndose na FPG contra 1990, debido a que era o único partido que quedaba na antiga coalición, converténdose a FPG nun partido unitario a partir de entón.

Prensa do partido

editar

Editaron un voceiro (cun único número) baixo o título PCLN, saíndo á rúa o 1 de maio de 1988.

Implantación social

editar

Os membros do PCLN tiveron unha importante influencia no mundo sindical (Vigo, Ourense, O Morrazo, Compostela ou A Coruña) e presenza nas Comisións Labregas e en Mulleres Nacionalistas Galegas.

  1. "Manifesto Político 22 de marzo". Arquivado dende o orixinal o 26 de decembro de 2013. Consultado o 26 de decembro de 2013. 
  2. "O PCLN NUNCA DEBEU EXISTIR.NÓS SOMOS A UPG!", Vieiros, 13 de marzo de 2008.