Abrir o menú principal

A ovella galega é unha raza de ovellas de orixe galega. Clasifícase dentro da póla de produtoras de la entrefina, cuxo antergo é o Ovis aries celtibericus. O número de exemplares desta raza en Galicia medrou notablemente nos últimos anos.[1] No ano 2012 o número total de exemplares era de 4.548 (3.862 femias e 686 machos) distribuídos en 110 explotacións gandeiras.[2]

Índice

Distribución xeográficaEditar

A área de distribución, que en outrora abranguía practicamente toda Galicia, aparece dispersa en núcleos por toda a xeografía galega. A maior concentración da raza atópase en Ourense, metade sur de Lugo e o oeste de Pontevedra.

MorfoloxíaEditar

É un animal de pequeno tamaño, de perfil recto e proporcións medias. A súa capa é de cor branca uniforme ou negra. A forma dos cornos dos machos adoptan formas de espiral dobre, ben desenvolvidos. Nas femias, cando se presentan, son xeralmente rudimentarios.

Existen dous ecotipos diferentes, un denominado "Mariñano" ou das zonas baixas e outro de "Montaña". O primeiro ecotipo ten máis peso corporal (35-40 quilos as femias e 50-70 os machos) que o segundo (20-35 quilos as femias e 35-45 os carneiros).

ExplotaciónEditar

O seu uso produtivo principal é na produción cárnica. A raza posúe unhas características únicas que a fan axeitada para a explotación en extensivo: rusticidade, gran resistencia a enfermidades, fertilidade. Ademais é unha gran produtora de leite e ten un excelente carácter maternal.

Os sistemas de explotación son extensivo ou semiextensivo. No ecotipo Mariñano atopamos rabaños por baixo dos 5 animais. Nas zonas altas, onde se explota a de Montaña, na provincia de Lugo o normal é que o rabaño teña teña entre 25 e 40 ovellas, e nas montañas de Ourense, os rabaños chegan ós 100 ou 200 exemplares.

Evolución da poboaciónEditar

Ano Femias Machos Total Ganderías
2009 2776 450 3226 80
2010 3359 589 3948 96
2011 3603 643 4246 102
2012 3862 686 4548 110
2013 4036 738 4774 108
2014[3] 3816 519 4335 108

NotasEditar

  1. Berenguela.com
  2. "da raza de ovella galega mo 2012.". Arquivado dende o orixinal o 08 de xuño de 2013. Consultado o 09 de febreiro de 2013. 
  3. Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (ed.). "Aplicación ARCA". Consultado o 21 de maio de 2015. 

Véxase taménEditar