Os verbos galegos

 Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego

Un verbo é unha palabra que nunha oración expresa unha acción ou a existencia ou o estado dos seres. En xeral, o verbo é a palabra máis importante dunha oración, de tal xeito que se di que non hai oración sen verbo. Así, os seguintes enunciados son moi claros pero non son oracións, porque non teñen verbo:

  • "Grandes almacéns".
  • "Rebaixas".
  • "Bo aninovo!".

En troques, as seguintes son oracións porque están formadas, como mínimo, por un verbo:

  • "Xa veño!"
  • "Espérame!"
  • "Corre!"

De que está formado un verbo?

editar

Toda forma verbal está formada por diversas partes: algunha fixa, chamada raíz ou lexema, e outras variables, chamadas terminacións ou morfemas: cant-abamos, cant-aría, cant-edes, cant-o...

O lexema ou raíz expresa o contido significativo ou semántico do verbo. Os elementos auxiliares expresan o número, a persoa, o tempo e o modo.

O número

editar

O número pode ser singular ou plural. Márcase trocando a terminación do verbo: canto/cantamos, cantas/cantades, canta/cantan.

A persoa

editar

A persoa márcase cambiando algúns elementos da terminación verbal. Pode ser primeira persoa (canto/cantamos), segunda (cantas/cantades) ou terceira (canta/cantan).

O tempo

editar

Basicamente pode ser presente, pasado (ou pretérito) e futuro; pero pode haber moitos matices, sobre todo no pasado: máis próximo, máis distante...

O modo

editar

Expresa a actitude subxectiva de quen di a frase. Pode ser indicativo (modo da realidade), subxuntivo (modo da irrealidade, do desexo, da hipótese ou da dúbida) ou imperativo (unha orde, un mandamento, unha instrución).

Cómpre ter en conta tamén algunhas formas non persoais (que non indican persoa ningunha) do verbo: o infinitivo, o xerundio e o participio.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar