Ortografía do estremeño

ortografía do estremeño é a primeira ortografía feita para a normalización escrita do estremeño, ademais de ser a ortografía empregada na Güiquipeya. O seu autor é Ismael Carmona García.

Ortografía editar

A ortografía foi redactada entre os anos 2006 e 2007 co obxectivo de homoxeneizar e normalizar a escrita do estremeño.

Divídese en dúas grandes partes: microortografía e macroortografía. A microortografia recolle a norma para escribir a verba concibida de xeito illado, mentres que na macroortografía atópanse aquelas normas que poñen en relación a escrita da palabra nun contexto maior como é o sintagma, a oración ou o texto. Engadida a esta obra aparece un apéndice sobre a escrita dos prefixos curtos de orixe grecolatino.

A proposta baséase en seis principios:

  1. O feito de que a maioría dos estremeños foron alfabetizados en castelán e que as formas estrañas causan reaccións negativas.[1]
  2. O estremeño está emparentado con certas linguas coas que é conveniente manter unha coherencia ortográfica.[1]
  3. Non introducir elementos alleos ó contexto romance.[1]
  4. Equilibrio entre a pronunciación máis depurada e o sistema de escrita, que non sexa fonético de máis pero tampouco etimolóxico. Enténdese como pronunciación depurada aquela que conservou mellor os trazos estremeños dentro dos diversos dialectos. As variedades dialectais que se toman como referencia son as de Coria e Vega del Tajo.[1]
  5. O sistema ortográfico debe favorecer a súa aprendizaxe sendo esteticamente atractivo e tendo normas sinxelas.[1]
  6. Só se deben reflectir ortograficamente aqueles feitos que supoñan cambios na morfoloxía da palabra. Menciónanse tres tipos concretos de modificacións: redución (de cansadu a cansau), expansión (de Calistu a Calistru) e transformación (de clavu a cravu).[1]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Carmona García, Ismael. "Propuesta ortográfica". Propuesta ortográfica.