Os ortópteros[1] (Orthoptera) son unha orde de insectos entre os que están os saltóns, grilos, lagostas, wetas, e moitos outros. Existen máis de 27 000 especies de ortópteros e a orde ten distribución mundial.[2] Moitos insectos desta orde son paurometábolos ou con metamorfose incompleta e producen sons (estridulacións) ao fretaren as súas ás unha contra outra ou contra as patas; as ás ou patas teñen ringleiras de saíntes corrugados que orixinan o son. O tímpano ou oído destes animais está localizado na parte frontal da tibia nos grilos, grilos ceboleiros, e tettigónidos, e no primeiro segmento abdominal nos saltóns e lagostas.[3] Estes animais usan vibracións para localizar a outros individuos.

Os saltóns poden pregar as ás, o que sitúa a este grupo de animais dentro do gran grupo dos Neoptera.

Etimoloxía editar

O nome deriva do grego ortho, 'recto' e ptera 'con ás'.

Características editar

Os ortópteros teñen un corpo cilíndrico, con patas posteriores alongadas saltadoras. Teñen mandíbulas para morder e mastigar e grandes ollos compostos, e poden ter ou non ocelos, dependendo da especie. As antenas teñen moitas articulacións e son filiformes, e son de lonxitude variable.[3]

Os segmentos primeiro e terceiro do tórax son máis grandes, mentres que o segundo segmento é moito máis pequeno. Teñen dous pares de ás, que colocan sobre o abdome cando descansan. As ás anteriores, ou tegmina, son máis estreitas que as posteriores e están endurecidas na súa base, mentres que as ás posteriores son membranosas con veas rectas e numerosas veas transversais. Cando están en repouso, as ás posteriores están pregadas como en abano baixo as anteriores. Os dous ou tres segmentos finais do abdome están reducidos, e teñen cercos dun só segmento.[3]

Ciclo vital editar

As especies ortopteroides teñen un ciclo vital paurometábolo ou con metamorfose incompleta. Os sons que emiten son xeralmente fundamentais no cortexo, e a maioría das especies teñen cancións peculiares.[4] A maioría dos saltóns poñen os ovos no chan ou sobre a vexetación. Os ovos eclosionan e as ninfas novas lembran os adultos, pero carecen de ás. Con frecuencia teñen tamén unha coloración radicalmente diferente dos adultos. Ao longo de sucesivas mudas, as ninfas desenvolven ás ata a súa muda final a adulto maduro na que as ás están completamente desenvolvidas.[3] O número de mudas varía entre especies; o crecemento é tamén moi variable e pode levar desde unhas poucas semanas a algúns meses dependendo da dispoñibilidade de comida e as condicións climáticas.

Filoxenética editar

A orde de ramificación destes animais coñécese bastante ben.[5] As subordes Caelifera e Ensifera parecen ser monofiléticas e o Rhaphidophoridae son un grupo irmán dos Tettigoniidae. Os Pyrgomorphidae son o grupo máis basal dos Caelifera. Os Myrmecophilidae parecen formar un clado cos Gryllotalpidae en vez de cos Gryllidae. Serán necesarios traballos adicionais para confirmar isto.

Entre as catro subfamilias dos Tettigoniidae, as relacións son {Phaneropterinae + [ Conocephalinae + (Bradyporinae + Tettigoniinae)]}; entre as seis subfamilias de acrídidos as relacións son {Oedipodinae + [ Acridinae + | Gomphocerinae + /Oxyinae + (Calliptaminae + Cyrtacanthacridinae)/|]}.

Caelifera

Pyrgomorphidae

Myrmecophilidae

Gryllotalpidae

Acridoidea

Oedipodinae

Acridinae

Gomphocerinae

Oxyinae

Calliptaminae

Cyrtacanthacridinae

Ensifera

Rhaphidophoridae

Tettigoniidae

Phaneropterinae

Conocephalinae

Bradyporinae

Tettigoniinae

Relacións cos humanos editar

  • Pragas. Varias especies de ortópteros son consideradas pragas dos cultivos agrícolas e pasteiros ou buscan a calor nas casas humanas. As dúas especies de ortópteros que causan máis danos son os saltóns e as lagostas. As lagostas son historicamente coñecidas por arrasaren campos de cultivo completos nun só día. As lagostas teñen a capacidade de comer unha cantidade de alimento igual ao seu propio peso nun só día.[6] Os individuos xúntanse en grandes grupos chamados bandadas ou nubes, que poden constar de ata 80 millóns de individuos que poden cubrir uns 1 190 km2.[6] Os saltóns poden causar danos importantes á agricultura pero non na dimensión documentada para as lagostas. Estes insectos aliméntanse principalmente de plantas herbáceas silvestres e herba; porén, durante os tempos de seca e de alta densidade de poboación aliméntanse de cultivos agrícolas. Son pragas dos campos de soia e é bastante probable que se alimentan de colleitas agrícolas cando as súas fontes de alimento preferidas se fan escasas.[7]
  • Alimento. Os ortópteros cómense nalgúns países. No xudaísmo algunhas lagostas son os únicos insectos considerados kosher (comida lícita).[8][9]
  • Combustible. Nas novas investigacións que tratan de descubrir novas fontes de biocombustible os saltóns son unhas especies interesantes. A capacidade do insecto de degradar a celulosa e a lignina sen producir gases invernadoiro estimulou o interese dos científicos.[10]

Clasificación editar

Nesta orde distínguense dúas subordes e 235 subfamilias.

 
O saltón Teratodus monticollis

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para ortópteros.
  2. "Orthoptera - Grasshoppers, Locusts, Crickets, Katydids -- Discover Life". www.discoverlife.org. Consultado o 2016-02-23. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Hoell, H.V., Doyen, J.T. & Purcell, A.H. (1998). Introduction to Insect Biology and Diversity, 2nd ed. Oxford University Press. pp. 392–394. ISBN 0-19-510033-6. 
  4. Imes, Rick (1992). The practical entomologist. Simon and Schuster. pp. 74–75. ISBN 0-671-74695-2. 
  5. Zhou Z, Ye H, Huang Y, Shi F. (2010) The phylogeny of Orthoptera inferred from mtDNA and description of Elimaea cheni (Tettigoniidae: Phaneropterinae) mitogenome. J. Genet. Genomics. 37(5):315-324
  6. 6,0 6,1 Society, National Geographic. "Locusts, Locust Pictures, Locust Facts - National Geographic". National Geographic. Arquivado dende o orixinal o 07 de febreiro de 2010. Consultado o 2016-04-11. 
  7. Ph.D., Christian Krupke,. "Grasshoppers | Pests | Soybean | Integrated Pest Management | IPM Field Crops | Purdue University". extension.entm.purdue.edu. Consultado o 2016-04-11. 
  8. Gordon, David George (1998). The eat-a-bug cookbook. Ten Speed Press. p. 3. ISBN 0-89815-977-6. 
  9. Navigating the Bible: Leviticus. Arquivado dende o orixinal o 10 de xuño de 2011. Consultado o 22 de abril de 2017. 
  10. Shi, Weibing; Xie, Shangxian; Chen, Xueyan; Sun, Su; Zhou, Xin; Liu, Lantao; Gao, Peng; Kyrpides, Nikos C.; No, En-Gyu (xaneiro de 2013). "Comparative Genomic Analysis of the Endosymbionts of Herbivorous Insects Reveals Eco-Environmental Adaptations: Biotechnology Applications". PLoS Genetics 9 (1). PMC 3542064. PMID 23326236. doi:10.1371/journal.pgen.1003131. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar