Odón II do Condado de Borgoña

Odón I de Andechs e Merania (e Odón II de Borgoña), nado en 1180 e finado en 1234, foi conde de Andechs, duque de Merania (ou Andechs-Merania e conde de Borgoña por matrimonio coa condesa Beatriz II de Borgoña. O seu irmán Henrique recibiu o goberno das marcas de Istria e de Carniola, que formaban parte do ducado de Merania e polo tanto suxeitas feudalmente a Odón, pero á súa morte en 1228, estes territorios pasaron tamén a seren administrados directamente por Odón.

Odón II do Condado de Borgoña

TraxectoriaEditar

Odón naceu en 1180, fillo do conde de Andechs e duque de Merania Bertoldo IV de Diessen e de Inés da Baixa Lusacia. Á morte do seu pai en 1204, sucedeuno como conde de Andechs e duque de Andechs-Merania aos 24 anos. En 1208 converteuse en conde de Borgoña por matrimonio coa condesa Beatriz II de Borgoña coa que tivo como fillos a:

  • O futuro duque Odón II de Andechs e Merania e conde Odón III de Borgoña (1208-1248).
  • Inés de Andechs (m. 1263).
  • Beatriz de Andechs (m. 1265).
  • Margarida de Andechs (m. 1271).
  • Alix ou Adelaida de Merania (m. 1279), futura condesa Adelaida I de Borgoña.
  • Isabel de Andechs (m. 1272).

En 1208 o emperador xermánico Filipe de Suabia foi asasinado en Bamberg (a 250 km ao norte de Andechs) polo seu rival, o emperador xermánico Odón IV. Membros da Casa dos Andechs (o seu irmán Henrique II de Istria e I de Carniola e o príncipe bispo de Bamberg, Egnert) estiveron implicados no crime. O castelo de Andechs foi entón completamente destruído e a casa de Andechs perdeu todos os seus títulos e bens por decisión do emperador Odón IV, en 1209 (aínda que parece que conservou o dominio polo menos en parte), e tamén confiscaron as súas terras bávaras, que pasaron aos Wittelsbach. Odón II de Borgoña intentou reconciliarse coa autoridade imperial para recuperar as posesións da familia, cousa que parece ter conseguido, e os Andech foron rehabilitados e Henrique volveu gobernar ata a súa morte sen fillos en 1228, cando Odón II o sucedeu en Istria e Carniola.

En 1231 morreu aos 38 anos a súa muller, a condesa Beatriz II de Borgoña. Odón quedou como conde co nome de Odón II de Borgoña. Morreu en Besançon en 1234 aos 54 anos. Sucedeuno o seu fillo Odón II de Andechs e Merania, que no condado de Borgoña foi Odón III de Borgoña.