O pronome de solidariedade galego

forma gramatical

 Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego
O pronome de solidariedade é unha forma do pronome átono de segunda persoa que se emprega cando se quere facer participar ao interlocutor (ou interlocutores) do que estamos a dicir, implicándoo afectivamente na acción expresada polo verbo.

A información que expresamos nunha oración non se ve alterada pola presenza ou ausencia do pronome de solidariedade. Distinguímolo dos outros pronomes en que, se o suprimimos, non se altera a frase.

  • Eu márcholle que levo présa
  • ¡Estache boa a comida!
  • Évos unha boa cousa

As formas son distintas segundo sexan un ou varios interlocutores e segundo empreguemos o tratamento da familiaridade ou o de cortesía:

  Un interlocutor Varios interlocutores
Tratamento familiar che vos
Tratamento de cortesía lle lles

Cando nos diriximos a varios interlocutores e temos, polo tanto, que usar a forma de plural do pronome de solidariedade, pode aparecer tamén unha forma redundante singular:

  • Estáchevos boa a comida, Maruxa!
  • Échevos unha boa cousa