O mesón dos ermos

obra literaria de Ramón Otero Pedrayo

O mesón dos ermos é unha novela en lingua galega de Ramón Otero Pedrayo, publicada en 1936.[1]

O mesón dos ermos
Capa do libro da edición de 1936.
Autor/aRamón Otero Pedrayo
OrixeGalicia
LinguaLingua galega
Xénero(s)Novela
EditorialAlaúda
Data de pub.1936
editar datos en Wikidata ]

Trama editar

Xepe "O Martuxo" é un rapaz que vive na aldea das Lamas do Ermo. É fillo de solteira, e vive coas súas tías Catuxa e Adelaira e co seu avó, o señor Cilistro, que ten un mesón. Pagan foro ao fidalgo da casa do Pombeiro, situada cara ao interior. Xepe saca o gando a pastar, e non ten moita relación co resto da rapazada da aldea, agás con Bibiana, unha rapaza que o quere. Unha noite chega ao mesón Paio, un arrieiro de Moraña que leva viño do Ribeiro, e cóntalles o que pasou no pazo do Pombeiro. O fidalgo, don Ventura, tivo que deixar a casa despois de que chegase un home novo cun testamento dicindo que era o herdeiro lexítimo.

Unha mañá Xepe informa de que marcha da casa, e que ha volver cun pelexo de viño e unha onza de ouro para o avó. Ofrécese de criado no Pombeiro, e o fidalgo acéptao. O fidalgo, don Pedro da Agra, é un mal cristián que vive cos seus acólitos: o albeite de Rozamonde, alcumado "O Bocareu", o tasqueiro da Cruz e o crego da Pena Moura, Macías "O Teixugo". Amais don Pedro ten por amante a dona Florinda, que estivera vivindo na Habana. Un día un xuíz chega ao pazo preguntando por don Pedro, que ten contas pendentes coa xustiza e escapa. Xepe, que fora gañando a confianza do fidalgo, amígase con dona Florinda. O fidalgo págalle polos servizos prestados ao axudalo a escapar, e toda a súa corte marcha con el desde A Coruña cara a América.

Tras a morte da tía Adelaira, a súa irmá Catuxa comeza a coidar do vello señor Cilistro. Bibiana, o amor de infancia de Xepe, asume que non o volverá ver e casa co ferreiro de Bouzas por acordo dos seus pais. Son os tempos da primeira guerra carlista, con asaltos dos militares de ambos os dous bandos. Un día arde o mesón con Cilistro dentro, e Catuxa dá en tola. Polo Nadal Paio de Moraña regresa pola zona, e conta o que lle pasou nos pendellos da feira de Agolada cos militares e os carlistas. Ao non poder parar no mesón continúa cara á Couricada para levar viño, pero nun accidente cae da mula e morre.

 
Queima dunha aldea en África, e captura dos seus habitantes, práctica habitual no tráfico negreiro.

Rematada a guerra, oito anos despois de que marchase da aldea, Xepe desembarca na Coruña con cartos e con Florinda como parella. Nas Lamas do Ermo non o recoñecen. Encárgalle a Bieito o Reboleiro, un canteiro de Valongo, que lle constrúa un novo mesón na aldea, pois se falaba de transformar o antigo camiño de arrieiros nunha estrada. Xepe conseguira cartos traballando co tráfico negreiro desde Luanda até Nova Orleáns. Quere romper con esa época, e na Coruña mata un home que se lembra del daqueles tempos.
O mesón que constrúe é farturento, con estanco de sal e tabaco e unha carnizaría preto. Xepe faise prestamista, e cun escribán de confianza merca bens desamortizados e vai conseguindo propiedades, especialmente as que debían foro á casa do Pombeiro. Alí seguen vivindo os acólitos de don Pedro, que mentres vive en América segue a recibir cartos das rendas. Tras a súa morte herda o pazo Xacobe, que estudaba en Santiago de Compostela, onde leu a Vicente Manuel Cociña. Melancólico, despreocúpase do goberno da casa e dedícase a escribir.

Xacobe decide marchar a Pontevedra xunto cun frade bernardo exclaustrado. O frade, maior, é humanista, absolutista e carlista. Xacobe, máis novo, coñecera en Compostela a Antonio Neira de Mosquera e Antolín Faraldo, cos que falaba de Chateaubriand e outros escritores. De camiño a Pontevedra paran en Fonte Azoreira a falar cun abade, e fan noite no mesón das Lamas. Alí alóxase unha cuadrilla de ladróns ao mando do Bocareu, o albeite de don Pedro. Florinda recoñece a Xacobe, que era un rapaz cando marchara do pazo, e este dorme intranquilo. Ao amencer a partida de maleantes secuestra o frade e o fidalgo.

O Bocareu botouse ao monte como bandido tras a morte de don Pedro. Dicíase del que matara un quincalleiro da ponte das Poldras, e ofreceuse a traballar con outro ladrón, o Volante de Codeseda. Ao cabo, cando ten cuadrilla propia, O Bocareu entra en tratos co Xepe. Este é buscado en América por tratante de escravos e dise del que matou a Pedro, se cadra en defensa propia polo odio que o fidalgo lle tiña. Os homes do Bocareu levan ao monte o frade e a Xacobe e róubanlles. Métenos nunha ermida abandonada, e O Bocareu dille ao frade que ou consegue 50 onzas de ouro antes de dous días ou mata a Xacobe. O frade vai á reitoral de san Lourenzo, e o abade dille de iren á casa do Pombeiro. Un escribán de confianza de Xacobe consegue os cartos a cambio de vender propiedades. O frade leva as moedas ao peto de ánimas e marcha ao mesón. Ao cabo, Xacobe aparece morto.

Xepe acumula cartos, poder e vaidade. Catuxa, que vaga pola aldea e a contorna, sabe que é fillo dun bandido e que el ha rematar igual, e insúltao. O día de Defuntos Xepe quere matala no camposanto, pero o resto do pobo deféndea. Xepe quere desfacerse tamén do albeite e do tendeiro da Cruz, pois saben do seu pasado de traficante de escravos, e convence o primeiro para que asalte a tasca do segundo. Cando están nunha taberna, O Bocareu é apresado e condenado a morte, e dous dos seus homes tamén acaban mortos. Ao cabo de pouco tempo tamén morre o tendeiro, e Xepe acouga. Métese no negocio da minaría cun enxeñeiro inglés, mister Murchison, que matara dragóns franceses no Porto e que tamén estivera no mar. Chegan tempos de fartura e industria á aldea. Unha noite chega á taberna a señorita de Vilarpunteiro.

No pazo de Vilarpunteiro vive don Félix, que viviu en Madrid e chegou a deputado a Cortes. Ten dúas fillas, a maior delas Xulia, afeccionada á lectura. O pai quere casala cun rapaz, pero ela marcha cun militar culto a Francia, onde le a George Sand. Dous anos despois, tras a morte do militar, regresa ao pazo. Na taberna do Ermo arma un bo baile, e todos os homes devecen por ela agás o Mingos. Co paso dos días comeza a mocear co enxeñeiro inglés, que tamén é lido. O propio Xepe atrévese a botarlle as mans aos peitos, e ela respóndelle cunha labazada. Os achegados do pazo de Vilarpunteiro preocúpanse por ela, e un familiar, fidalgo de Penarubra, vai ao mesón. O inglés pídea en matrimonio e marchan a Nova Escocia, no Canadá.

Nas festas do san Breixo das Estivadas Xepe ve a Bibiana. Esta ten dous fillos e un matrimonio calmo pero infeliz, pois o ferreiro é taciturno e borrachón. Aínda desexa a Xepe, agora chamado don Xosé. Marcha con el á Coruña, onde pasan uns días xuntos. El mércalle roupas novas, pero abandónaa, e ela acaba por morrer no hospital. O ferreiro sae na súa procura, e Catuxa dille que nas Lamas do Ermo non a vai atopar, pois naquela casa grande habita o pecado. Finalmente o ferreiro chega á Coruña e ao hospital no que morreu Bibiana. De regreso á casa, para no mesón, onde Xepe discute con Florinda, que o ameaza cunha pistola. Ao amencer a casa arde, e o ferreiro detense a carón de Catuxa a observar o lume. Xepe e a muller morren calcinados.

Narración editar

A obra está estruturada en nove capítulos. Ten un narrador omnisciente en terceira persoa. A obra ten un léxico moi rico, mesmo con frases en inglés. Hai tamén mencións literarias e filosóficas de diversas épocas.

O espazo no que se ambienta é a aldea do Paraño, concello do Irixo, ao pé da actual estrada N-541 de Ourense a Pontevedra. A acción desenvólvese na contorna, pero tamén hai analepses en Madrid, Santiago de Compostela e A Coruña. A obra está ambientada na primeira metade do século XIX, aproximadamente entre 1831 e 1842[2], con diversas referencias aos momentos históricos vividos.

Nesa mesma época tamén está ambientada a primeira parte da novela Os camiños da vida. Di Ricardo Carballo Calero:

O mesón dos ermos é, ata certo punto, como unha réplica, en pequeno, de Os camiños da vida. Un forte arrecendo de aldea, retratos realistas de paifocos, paisaxes de montaña trazados con seguridade, escenas tráxicas narradas con sobriedade -especialmente no desenlace das mesmas- e unha vea caudalosísima de vocabulario rural e concreto -cáxeque os mesmos acertos que na novela meirande- prométennos e cáxeque lógrannos un poema en prosa de agreste beleza

O tema da desaparición das casas fidalgas polo mal goberno e o desapego da vila labrega aparece tamén na obra Os camiños da vida, así como na novela Os pazos de Ulloa de Emilia Pardo Bazán.

Edicións editar

A obra está datada en Ourense o 30 de xaneiro de 1936. Foi reeditada por Editorial Galaxia en xuño de 1984, con revisión ortográfica e un apéndice léxico. En 1992 foi reeditada na colección Biblioteca de autores galegos de Diario 16 de Galicia, e en 1997 foi editado por AS-PG / A Nosa Terra nun volume conxunto cunha antoloxía de contos.[4]

Notas editar

  1. "Otrto libro de Otero Pedrayo". El Pueblo Gallego. 1 de abril de 1936. p. 1. 
  2. O mesón dos Ermos, análise da obra na enciclopedia Historia da Literatura Galega, da AS-PG.
  3. Carballo Calero, R. (1975): Historia da literatura galega contemporánea. Vigo, Ed. Galaxia. 2ª edición. Páx. 667.
  4. Ficha no Catálogo de novela histórica galega

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar