O lobo na cultura popular galega
A seguir recóllese a pegada do lobo na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral.
O lobo recibe numerosos nomes ó longo da xeografía falega. Trátase dun animal considerado maléfico, encarnación do perigo para a xente e para o gando, inimigo por antonomasia, e moitas veces apónselle poderes máxicos e sobrenaturais. Para non mentalo polo seu nome propio, lobo, recórrese a denominacións alternativas, eufemísticas, co propósito de evitar a súa presenza e os seus ataques. Así, na lingua galega, temos apelativos como “o aquel”, “o outro”, “o becho”, “ o da boca rachada”, “o fillo do demo”, “o compadre” ou “o tío Pedro” entre moitos outros.[1] Este mesmo fenómeno de nomes tabú fronte a nomes noa dáse tamén respecto ó raposo ou ó demo así como noutras realidades.
Eladio Rodríguez descríbeo así [2]:
O lobo é abondoso nas serras de Galicia, sendo considerado a besta máis temible do noso país; e malia o medo que vulgarmente infunde xamais víuselle atacar ao home, senón ao verse moi acosado e famento. Soporta moi ben as fatigas e pode permanecer varios días sen tomar alimento; aproveita a noite para adicarse á caza, retirándose antes do amencer para gañar as dificultades do lugar onde ten a súa lobeira; ataca toda clase de gando, empregando a sagacidade necesaria para non errar o golpe, e con moita cautela lánzase sobre a presa, arrástraa cara sí e foxe con ela sen soltala, aínda que o persigan os cans, ou os pastores berren ou disparen as súas escopetas. Afirman os nosos labradores que adoita elixir unha ovella fraca para escapar mellor, botándoa ás costas co obxecto de correr máis libremente. Cando acomete a unha egua todas as bestas forman círculo coas ancas, deixando as crías no centro, e nesta disposición recíbeno a couces, co cal mátano ou fano fuxir. Se logra botarse ás ancas dalgunha, as demais foxen espantadas dando rinchos mentres o lobo come á que caeu nas súas poutas. Nos invernos rigorosos non é raro velo pola aldea levándose en pleno día pitas, años e ata algún neno abandonado, como sucedeu xa, sen que o balbordo das xentes lle fixera soltar a presa. Aseguran algúns dos nosos aldeáns que se se atopa de noite un lobo e sácanse faíscas co pedernal lógrase espantalo. Tamén hai quen afirma que deixando a faixa solta para que arrastre, o lobo vai detrás desta unha ou máis leguas sen atreverse a atacar e dar o golpe, xa que a teme; isto mesmo acontece indo a persoa a pé ou da cabalo. Algúns lobos chegaron a tomar tanto afecto ao home coma o can máis agarimoso. Para exterminarlo empleáronse ao longo dos tempos varios medios; as trampas ou garamelos, as batidas, as estacadas, as monteirías, os velenos e outrosTraducido do orixinal, en castelán
Existiu unha especie de imposto ou recompensa que, baixo o nome de carneiro do lobo, pagaban os labregos que tiñan ovellas ós cazadores, para que estes mataran os lobos. Se alguén non tiña carneiro que entregar ou non quería perder o animal, podía facer o pago en diñeiro. Eladio Rodríguez afirma que estaba documentado desde 1631 como de tempo inmemorial, en forma de pago do vasalo ó seu señor [3][4].
O lobishome
editar- Artigo principal: Lobishome.
O lobishome na cultura popular galega é unha figura recorrente tanto na literatura oral coma na escrita. En Galicia a tradición sinala que se un matrimonio ten sete ou nove fillos homes sen que nacera femia ningunha polo medio, o derradeiro quedará marcado polo estigma da fada, converténdose en lobishome, fuxindo para o bosque por un período de sete anos (aínda que segundo as zonas pode variar entre seis e nove anos), nese tempo non pode ser ferido nin capturado. Con todo na tradición galega tamén existe o neno que nace xa cos síntomas do lobishome e que padece ciclicamente os síntomas.
Un dos casos máis coñecidos de lobishome foi Manuel Blanco Romasanta, o lobishome de Allariz.
Na literatura galega o tema aparece recollido na obra O lobo da xente, do escritor ourensán Vicente Risco baseada na lenda popular galega do lobishome. Este texto publicouse no ano 1923, trátase dunha narración breve, con certos trazos de carácter etnográfico e ambiéntase na comarca ourensá de Trives.
O lobo na etnografía galega
editarO lobo é un animal nocturno por excelencia (a noite e a escuridade son tempo de espíritos e fantasmas), e por iso só ataca de noite: de día, o lobo cre que o home é unha trabe posta en pé, e colle medo,[5] fuxindo da luz do día e do lume; unha presa de palla acesa serviría para axotalos, e disque algún se salvou a base de prender un misto tras outro. Os seus ollos brillan na noite como ascuas e a súa mirada ten tanta forza que anula o lume das escopetas que a xente dispare contra el, e as balas non o matan; por iso dise en Lalín que nunca se lle debe disparar de fronte porque así non sai o tiro, senón de costado ou por detrás. Parece ser que tamén foxe da música, e corren distintos sucedidos nos que un gaiteiro fainos fuxir tocando con forza a súa gaita.
Deus castigouno a vivir comendo carne só durante tres meses ó ano, outros tres meses ten que comer lama, outros tres aire e os últimos tres meses, nada, andando de folgazán, de modo que só mata durante eses primeiros tres meses. En Melide din que é tan voraz que sempre ha morrer coa boca chea, do que sexa, de carne ou de herba, nunca está farto; e en San Xoán de Río contan que cando lle preguntaron se prefería "ter boca de rabo a orella ou rabo de legua e media", o lobo respondeu que "millor quero ter boca de orella a orella, que así como millor a ovella". Aínda así só pode comer a parte esquerda das súas presas, pois a metade dereita é de Deus e a esquerda é do demo.
Pero o lobo nunca ataca só á xente (e se algunha vez é quen de matar el só a alguén, o que fai é tapalo con follas e mato para ir buscar ós seus compañeiros e comelo logo entre todos). Ataca en grupos familiares, e uns van por diante da vítima -sexa home ou besta- e outros por detrás. Por veces, o lobo embórcase na lama e logo sacódese diante da presa para cegalo co barro,[6] ou ben achéganse ata rozarlle as pernas co rabo, buscando traballalo, aumentarlle o medo ata que non poida máis. A xente que é atacada pode buscar refuxio gabeando nunha árbore, e nese caso o lobo agarda baixo a árbore toda a noite e mesmo se di que é quen de botalo abaixo rillando o tronco cos dentes.[7]
Risco tamén recolle no capítulo "Folkore de Melide", asinado a dúas mans con Amador Rodríguez Martínez dentro da monografía do Seminario de Estudos Galegos Terra de Melide, a crenza do poder máxico que tiña o lobo para enmudecer permanentemente a quen o atopaba en soidade na natureza.
A creenza máis importante referente ó lobo, é a virtude que ten de tirar a fala ós home qu´atopa en despoboado. O Antón de Ulloa refire o seguinte. De noite, de neno, viña á escola; tiña doce anos, xoves iba á unha estivadiña e a irmán foille levar a merenda. As vacas estaban sobre un valo, na zarra. Ó chegar ó portelo, chamaron ás vacas, e viráronse pra trás, agardando, e aó pasal-a esquina, as vacas debócanse e ó pasar iles, o lobo berróu, e veu un cheirume que por pouco o deixa tonto. E chegou á casa sen fala. Hai eiquí outro elemento : o cheirume que despide o lobo. O lobo, nos contos co zorro, fai de cote o rol do parvo. [8]
.
Así, o lobo produce no home a quen quere atacar dous efectos, que Risco denomina como arripío e embazamento e que pretenden crearlle tal medo que non poida defenderse. O primeiro consiste no encrespamento do pelo cando o lobo está cerca, aínda que non o vexa nin o sinta; ata tal punto se pone o pelo de punta que chega a caerse a pucha e levantarse a roupa. O embazamento consiste en perder a fala: o lobo tolle a fala da súa vítima e así non pode pedir socorro; esta afasia pode durar ata varios días. Ánxel Fole, conta nun dos relatos que compoñen Á lus do candil cómo traballan os lobos á súa presa, e escribe:
"O medo alporízalle os cabelos. Parécelle que lle cravaran allambres na testa. Váiselle a voz, perde o sentido. Xa está perdido. Bótanse os lobos enriba del e esnaquízano"
Un e outro efecto débense á forza que o lobo ten na vista (como a que causa o mal de ollo), ó bafo que exhala o lobo ou ó seu cheiro, e son coñecidos tamén no resto de Europa.[9]
Cóntase que San Mamede estaba a levantar unha capela nos montes que logo recibirían o deu nome: Serra de San Mamede. Para carretar a pedra que precisaba para erguer os muros, Mamede amansou dous corzos, pero dunha volta veu un lobo e comeulle un deles. Como castigo pola súa acción, o santo xunguíu o lobo co corzo que lle quedaba e con esta estraña xugada continuou a obra.[10] Algo semellante conta Miguel-Anxo Murado sobre San Froilán: resulta que un lobo matoulle o burro que cargaba cos libros do convento que o santo levaba ás parroquias, e a Froilán non lle quedou outra que obrigar ó lobo a cargar coas alforxas cheas de libros; engade que esta escena está tallada no cadeirado da Catedral de Lugo, pero que a mesma lenda se conta doutros moitos santos europeos; incluso un deles, San Guillermo de Vercelli (1085-1142), chegou a montar a cabalo dun lobo que comeu ó seu burro.[11]
Os pastores galegos encoméndanse a Santo Antón para evitar que o lobo chegue a adentar as súas ovellas, para o cal recitan un ensalmo.[12][13] Outro santo protector do gando fronte o lobo e outras feras é San Bartolomeu.[14]
Caza do lobo
editar- Artigo principal: Foxo do lobo.
En todo caso, o lobo representa no imaxinario popular o principal inimigo do home, o que explica o recurso ancestral a acabar con el mediante a caza ou con trampas, cebos, etc.[15][16][17] O mesmo arcebispo Diego Xelmírez promulgou no século XI unha ordenanza que esixía que "tódolos sábados, excepto os de Pascua e Pentecoste, os presbíteros, cabaleiros e campesiños que non estean lexitimamente ocupados, reuniranse para perseguir os lobos e preparar as trampas que vulgarmente se chaman 'fogios' (foxos ou fossos)", establecendo castigos severos a quen non acudise ás batidas: cinco soldos se é sacerdote ou cabaleiro e un soldo ou unha ovella se é campesiño.[18] En 1326, o arcebispo Berenguel de Landoria insistía na obrigatoriedade de participar nas batidas contra os lobos, e ordenaba que tódalas semanas desde a Coresma ata o día de San Xoán, tódolos fregueses da parroquia, encabezados polo abade, se reunisen para cazar o lobo ou armar os foxos contra eles.
Pérez Costanti da noticia de ordenanzas reais ou municipais -referidas a Santiago de Compostela- organizando ou incentivando a caza de lobos e outras alimañas nos séculos XVI a XIX. Di que o rei de España Carlos IV decidiu en 1795 suspender as batidas e centrar a loita contra o lobo en premiar economicamente a quen presentase ante as Xustizas os animais cazados: oito ducados por cada lobo e dezaseis por cada loba (que ascendía a 24 ducados se se cazaba a lola coa súa camada). Pero en 1817, visto o pobre resultado desta medida, restableceu as batidas e mesmo participaba nelas persoalmente.
O lobo na toponimia galega
editarA figura mítica do lobo deixou unha fonda pegada na toponimia ó longo do territorio galego, e así temos topónimos que fan referencia ó animal (Cabeza de lobo, A Forca do Lobo, Río da Loba etc) ou a partes do seu corpo (Pouta do lobo, Rabo do Lobo). Noutros casos, os topónimos fan referencia ó seu hábitat (Lobeira, Penalobeira, Porto de Lobos). Tampouco faltan os que recollen a súa caza (Matalobos, Lobomorto). Finalmente, para alén dos máis obvios, débese pensar que tamén fan referencia a este animal, empregando o termo xermánico, os nomes de lugar rematados en ulfe: Gondulfes (Verín), Trasulfe (Rodeiro) ou Randulfe (Antas de Ulla e Paradela) lembran tamén estes espazos.
- Cabeza de Lobo, un lugar de Ordes (A Coruña)
- Casnaloba, un lugar de Xunqueira de Ambía (Ourense)
- Castiñeiro de Lobo, un lugar de Ames (A Coruña)
- Castro de Lobos, un lugar de Toques (A Coruña)
- O Coto de Lobos, un lugar das Neves (Pontevedra)
- Covas de Lobos, un lugar de Cambados (Pontevedra)
- A Cruz do Lobo, un lugar de Barreiros (Lugo)
- Fonte do Lobo, un lugar de Becerreá (Lugo)
- A Forca do Lobo, un lugar de Cabana de Bergantiños (A Coruña)
- Lobaces, un lugar de Esgos (Ourense)
- Lobaces, lugar e parroquia de Trasmiras (Ourense)
- A Lobagueira, un lugar de Carballedo (Lugo)
- Lobeira, concello da provincia de Ourense
- Lobeira, un lugar de Cerdido (A Coruña)
- Lobeira, un lugar de San Sadurniño (A Coruña)
- Lobeira, un lugar do Valadouro (Lugo)
- A Lobeira, un lugar de Neda (A Coruña)
- Lobeiras, un lugar de Celanova (Ourense)
- Lobeiras, un lugar de Ribeira (A Coruña)
- As Lobeiras, un lugar de Guitiriz (Lugo)
- As Lobeiras, un lugar de Ourol (Lugo)
- As Lobeiras, un lugar de Vilarmaior (A Coruña)
- Lobomorto, un lugar de Boimorto (A Coruña)
- Loboso, un lugar da Pastoriza (Lugo)
- Matalobos, lugar e parroquia da Estrada (Pontevedra)
- Matalobos, un lugar de Salcedo, Pontevedra
- O Pao do Lobo, un lugar de Cerceda (A Coruña)
- A Pedra do Lobo, un lugar de Porto do Son (A Coruña)
- Pedra Nogueira, un lugar de Sobrado (A Coruña)
- Penalobeira, un lugar da Estrada (Pontevedra)
- Porto de Lobos, un lugar de Monforte de Lemos (Lugo)
- Pouta do Lobo, un lugar de Ortigueira (A Coruña)
- Rabo de Lobo. un lugar de Tordoia (A Coruña)
- Río da Loba, un lugar de Oleiros (A Coruña)
-
Santa Baia de Matalobos (A Estrada)
-
Bandeira e escudo de Lobeira (Ourense)
-
Detalle do cruceiro de Covas de Lobos (Cambados)
Léxico
editar- Faba loba: un tipo de faba (Vicia faba), coas sementes máis grandes do normal, tamén chamada faballón, fabón ou fabaca á especie.
- Loba: muller moi fea e de mal carácter.[19]
- Loba: preguiza, decaemento.[20]
- Lobo cerval: lince.
- Peido de lobo: nome común de distintos cogomelos de corpo globoso e unha esporada en forma de po pardo. Tamén chamados fungos de sapo e bufos de vella.
- Lobo mariño, Lobo de mar: foca.
- Lobo, lobado: carbúnculo, carbuncho ou ántrax.
Locucións
editar- Alá irás, lobos que te coman: ameaza ó que nesta vida non procede ben e se lle desexa que na outra vida atope o seu merecido.
- Atanazar coma un lobo.
- Aula-lo vento coma un lobo.
- Coma a ovella na boca do lobo: plenamente derrotado, vencido de vez. Tamén significa que dura pouco.
- Comer coma un lobo: devorar, tragar con ansia, comer con voracidade.
- Como a cabra que paríu para o lobo: dise daquela persoa que ampara ó que lle fai dano.
- Como lobo no inverno e como cobra no verán: irritado e agresivo. Nesas épocas é cando máis irritados e agresivos están estes animais.
- Entre can e lobo: entre lusco e fusco.
- Esfameado como un lobo.
- Fero como un lobo.
- Fuxir coma un can perdigueiro cando ventea ó lobo.
- ¡Lobos te coman!: maldición contra alguén
- Lobos da mesma camada: persoas perversas que teñen intereses comúns, e, polo tanto, nunca se farán dano unhas ás outras.
- ¡O fillo do lobo ten o bico pardo!
- Como boca de lobo: moi escura, noite pecha.
- Saír ó camiño do lobo, como o curcio tolo: realizar un acto manifestamente temerario. (O curcio é a cría da cabra).
Estar ás portas dun perigo
- Saírlle o lobo ó camiño como ó parrulo do Carballiño: atoparse de súpeto nun grave perigo.
- Seica víchelo lobo!: para indicar que un está rouco.
- Te-los ollos á par coma os lobos.
- Ter peito coma un lobo: ser moi valente [21].
- Ter un peito coma un lobo.
- Ter unha boca coma un lobo.
- Ter unha loba: ter pouca gana de traballar, ter preguiza.
- Traballar coma un lobo: non traballar.
- Ver o lobo: asustarse, sorprenderse
- Verlle as orellas ao lobo: ver a tempo un perigo próximo, estar ás portas dun grave perigo.
Refraneiro
editar- Artigo principal: Refraneiro galego sobre o lobo.
- Avisade ó lobo e deixade o gando soilo.
- Cando co fato anda o dono, nin dá o teo nin vén o lobo.
- Come o lobo de toda a carne, menos da súa, que a lambe.
- Da conta que saca o pegureiro, o lobo sábelle sabe o erro.[22]
- En terra de lobos ouvear coma todos.
- Non soilo o lobo come carne crúa.
- Toda carne come o lobo, agás a súa que a delambe.
- Vaca de moitos, cómena os lobos.
Cantigueiro
editar- Lobos que andais polo monte,/ aguzai ben o sentido,/ buscai por ises encontros/ que anda un becerro perdido.[23]
- Miña nai habilidosa/ mandoume d'ir coas ovellas/ o lobo levoume catro/ eiquí lle traio as orellas.
- Miña sogra morreu onte,/ Diola leve ó ceo dos lobos;/ deixoume unha manta vella/ toda chea de piollos.[24]
- Nesta terra de Lubeira/ andan os lobos por ela;/ vámonos deiquí, meus ollos,/ meus ollos, vámonos dela.[25]
- O lobo i a muller/ trataron de cocer:/ a leña no monte,/ a fariña por moer.[26]
- O lugarciño da Canle/ non é lugar nin aldeia:/ é o toco da raposa/ onde se o lobo paseia.[27]
- O que tes de bravo/ é de pretendiente/ homes non son lobos/ que coman a xente.
- Señor San Bartolomeu/ feito de pau de sanguiño/ líbrame, santo bendito/ do lobo de Rianxiño.[28]
- Traballo che ha de custar/ pra me atrapares a min:/ quíxome comer o lobo/ i eu máis ca ile corrín.[29]
Adiviñas
editar- A miña comadriña largona/ ten os dentes como os dunha loba.
- Campo grande,/ semente miúda,/ mociña bonita/ loba guedelluda.
- É tan largo como unha soga/ e ten os dentes como unha loba.
- En abril/ cátanos no cubil/ en maio/ xa son bo gallo/ en san Xoán/ xalle dou a carreira ó can/ en santa Mariña/ xa vou pola cabritiña/ en agosto/ xa vou co meu pai polo rostro/ en Santos/ xa mato os bois noscampos/ e en xaneiro/ xa podo co carneiro.
- Era pinguín que pingaba/ veu funguín que fungaba/ a comer a pinguín que pingaba/ e veu rapín que rapaba/ e comeu a funguín que fungaba.
- Estaba funguín que fungaba/ debaixo de pinguín que pingaba/ vén rapín que rapaba/ e levou a funguín que fungaba.
- Longa, longa como a corda/ e ten dentes como a loba.
- Longa, longa como unha corda/ e ten dentes coma unha loba.
- Que é unha cousiña, cousa/ longa, longa como unha soga/ e ten dentes coma unha loba.
- Tamaña como unha soga/ e ten dentes como unha loba.
- Ten dentes como unha loba/ e pasa o río e non se molla.
- Ti que estás en alto coche/ ¿viche pasar por aquí/ a pés miúdos e andaroche?/ Tarde vas; o que vés buscar/ na vila che vai entrar.
Contos
editarO lobo protagoniza numerosos contos populares (así como textos literarios de autor), nas que adoita saír mal parado. Xa sexa actuando el só, xa sexa en compañía do raposo,[30] resulta burlado sempre por este, que se aproveita da inocencia e parvidade do primeiro. E cando é el só o que vai de caza, se queda coas ganas de comer ós ranchos, os años ou o burro, que sempre conseguen escapar e fan risa do lobo.[31]
Notas
editar- ↑ A pegada cultural do lobo
- ↑ RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo tomo II (1960)
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. carneiro.
- ↑ Real Academia Galega (1913), s. v. carneiro.
- ↑ Alonso Montero detectou que o uso de determinados nomes noa, como o amigo, só tiña lugar de noite, chamándoo polo seu nome propio, lobo, durante o día, cando non era perigoso. Nos Ancares leoneses cóntase que un médico curou un lobo ferido. Cando o levou ó monte, xa curado, preguntoulle "¿Agora, non me comerás?", e o lobu contestoulle que non, "pero, por se é caso, anda de día, que a noite é miña" ("Bestiario popular leonés II. Mitoilogía del lobo", en Diario de León 21.12.2016).
- ↑ Plinio o Vello xa recollera esta crenza na súa Historia Natural, pero aplicada ás águias cando atacaban os cervos.
- ↑ Nos contos, o lobo ameaza ás vítimas con serrar o tronco co seu rabo.
- ↑ Seminario de Estudos Galegos (1929). Terra de Melide. p. 451 e ss.
- ↑ Vicente Risco 1962, 287.
- ↑ Vicente Risco 1962, 345.
- ↑ Miguel Anxo Murado: "O lobo de San Froilán", en La Voz de Galicia 11.10.2014.
- ↑ Vicente Risco 1962, 340.
- ↑ Santo Antón protexe igualmente as galiñas de seren comidas polo raposo.
- ↑ Vicente Risco 1962, 340.
- ↑ "Moi comúns foron no noso país, especialmente en comarcas montañosas, las batidas de lobos (Pablo Pérez Costanti: "Las monterías", en Notas viejas galicianas, Xunta de Galicia, 1993, 101-103).
- ↑ "O lexendario rei da fraga foi perseguido en tódolos tempos" (Eliseo Alonso: "Lobos", en La Voz de Galicia 23.04.1992).
- ↑ "O lobo foi, seguramente, o animal máis perseguido en Galicia ó longo da historia" (Enrique Chao Espina: Gran Enciclopedia Gallega 2003, s. v. Lobo).
- ↑ Pérez Costanti, px. 101
- ↑ Eladio Rodríguez, s. v. loba.
- ↑ Elixio Rivas Quintas: Frampas.
- ↑ Castelao escribiu unha marabillosa Cousa que titulou Peito de lobo.
- ↑ O lobo e mailas escabrosidades do chan galego fan difícil a custodia do gando, por iso tamén corre como que ...o monte sábelle sabe o erro.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 91.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 101. No orixinal: Diola leva.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 107.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 118. Outras cantigas, con máis sentido, falan do crego e a muller.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 119. A Canle é lugar da parroquia de San Xes de Vilariño, no concello de Lobeira.
- ↑ Refírese a unha capela dedicada a este santo, nuns cons de Rianxo. Rianxiño é un lugar da parroquia de Santa Comba de Rianxo. Fermín Bouza-Brey 1929, 184.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 156.
- ↑ Nestas aventuras do lobo co raposo, adoitan chamarse Xan e Pedro.
- ↑ A modo de exemplo, léanse os Contos populares da provincia de Lugo (Galaxia, 1972, pp. 23, 27, 34-37), recollidos polo Centro de Estudos Fingoy.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- BENAVENTE JAREÑO, Pedro; FERRO RUIBAL, Xesús: Refraneiro galego da vaca, Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, Santiago de Compostela (1994).
- BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
- Enciclopedia Galega Universal, Ir Indo, Vigo 2002.
- GÁRFER, José Luis, e FERNÁNDEZ, Concha: Adivinancero popular gallego. Taurus, Madrid 1984.
- LIS QUIBÉN, Víctor: La Medicina Popular en Galicia. Madrid 1949 (reed. Akal, Madrid 1980).
- LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
- MARIÑO FERRO, Xosé Ramón: Cultura popular. Manuais do Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela 1985.
- Real Academia Galega: Diccionario Gallego-Castellano, A Coruña (1913-1928).
- RISCO, Vicente: “Creencias gallegas: Tradiciones referentes a algunos animales” en Revista de Dialectología y Tradiciones Populares III, 1947, 163-188.
- Risco, Vicente (1962). "Etnografía: cultura espritual". En Otero Pedrayo, Ramón. Historia de Galiza I. Buenos Aires: Nós. pp. 285–292. ISBN 84-7339-429-1.
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 19585-1961.
- RODRÍGUEZ LÓPEZ, Jesús: Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Ed. Celta, Lugo 1974.
- VARIOS: Terra de Melide. Seminario de Estudos Galegos, Santiago de Compostela 1933.