O Garavanciño é un álbum ilustrado por Marc Taeger, adaptado por Olalla González a partir dun conto popular. Foi publicado pola editorial Kalandraka en 2008.

O Garavanciño
editar datos en Wikidata ]

Trama editar

Garavanciño é un neno moi pequeno e por iso súa nai non o deixaba saír só, por medo a que lle pasase algo. Un día Garavanciño insistiu en ir só á tenda e a nai accedeu. A nai, ó ver que non lle pasara nada, deixou que o neno fose ó bosque levarlle a comida a seu pai, que estaba traballando. Como chovía, Garavanciño escondeuse debaixo dunha col. Pero de súpeto un boi famento apareceu e comeuna e, con ela, a Garavanciño. Como non aparecía por ningún lado, seus pais fórono buscar polo bosque e encontráronse co boi, déronlle moitas coles para comer e expulsou a Garavanciño cun peido. Fóronse felices os tres para casa.

Edición editar

O libro presenta un formato cadrado (22x22 cm) de pouco volume, cunha cuberta dura. Tanto a cuberta como a contracuberta están relacionadas entre si, é dicir, se se abre o conto de tal forma que se vexan ambas cubertas, vese que na cuberta está Garavanciño que se dirixe á aldea que se encontra na contracuberta. O fondo é dunha cor marrón claro cun fin de resaltar as ilustracións.

En canto ás gardas a primeira contén todos os elementos do conto descolocados para poder ter liberdade á hora de explicalo. Na última encontramos os recortes e os elementos da primeira garda porque xa están condicionadas polo guión do conto.

Ó longo da narración repítense certas estruturas que conseguen certo ritmo na lectura e así centrar a atención dos máis pequenos.

Ilustracións editar

As ilustracións que aparecen no conto son debuxos con cores vivas e con trazos esquemáticos e lineais. As posicións das ilustracións e tamaños exercen un efecto visual de tamaño e distancia. O fondo de todas as follas é branco, así consegue resaltar as ilustracións, igual que pasa na cuberta e na contracuberta.

Potencialidades educativas editar

O texto está baseado na repetición de frases ó longo do conto. Este feito provoca que os nenos e nenas poidan participar na lectura adiantándose ós acontecementos, co fin de conseguir unha lectura máis dinámica.

Esta historia está ambientada nun contorno familiar protector, no cal non se lle inculcan complexos e debilidades ó protagonista polo seu tamaño. Transmite unha mensaxe positiva na que nos mostra a Garavanciño como un personaxe forte, con iniciativa, que resolve e se enfronta aos seus propios problemas.

Ademais de tratar aspectos presentes no currículo (como o tamaño por exemplo), conseguen atrapar a atención dos nenos e nenas cos debuxos tan rechamantes que nos mostran.

Sobre todo fai reflexionar ós nenos sobre as súas propias capacidades, xa que polo tamaño poden sentirse identificados co protagonista.

A obra podémola encontrar en moitos idiomas como o portugués, catalán, castelán, galego, italiano e éuscaro.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • González, Olalla (2008), Garavanciño, Ilust. Marc Taeger, Pontevedra: Kalandraka Editora, [36pp] (ISBN 978-84-8464-682-2).

Ligazóns externas editar