Orbiting Geophysical Observatory
Orbiting Geophysical Observatory ou OGO foi unha serie de seis satélites artificiais científicos da NASA lanzados entre 1964 e 1969.[1][2]
Características
editarOs satélites OGO foron satélites de investigación solar e xeofísica. Tiñan masas que variaban entre 487 e 632 kg, con forma de caixa e varios conxuntos de experimentos cada un: o SOEP (Solar-Oriented Experiment Package), adicado a estudos solares, o OPEP (Orbital Plane Experiment Packages), adicado a estudos xeofísicos, e seis conxuntos menores (de EP-1 a EP-6) situados nos mastros que sobresaían do corpo principal. Os satélites orientábanse mediante sensores de horizonte, alimentábanse mediante dous paneis solares e eran inxectados en órbitas moi elípticas, con perixeos de 400 km ou menos.[1][2]
OGO 1
editarOGO 1 foi lanzado o 5 de setembro de 1964 a bordo dun Atlas-Agena B. Tras chegar a órbita tivo problemas co despregue dos seus mastros. Levaba 20 experimentos a bordo, dos cales 12 estaban adicados ao estudo das partículas, dous ao estudo dos campos magnéticos e o resto á investigación do po planetario, as ondas VLF, a luz en lonxitudes de onda Lyman-alfa, o gegenschein, a masa atmosférica e a radioastronomía. As operacións co satélite finalizaron o 1 de novembro de 1971.[1][2]
OGO 2
editarOGO 2 foi posto en órbita o 14 de outubro de 1965 usando un Thor Agena D. Levaba tamén 20 experimentos para estudar as emisións das auroras polares, as partículas enerxéticas, as variacións dos campos magnéticos, as propiedades da ionosfera e outros, centrándose sobre todo nos estudos das zonas polares. Unha vez en órbita tivo problemas co sistema de control de actitude, esgotando o propelente o 23 de outubro de 1965. O satélite entrou nunha lenta rotación, dunhas 0,11 r.p.m., inutilizando cinco dos experimentos. Outros seis víronse prexudicados pero podéndose usar aínda. En abril de 1966 as baterías fallaron, polo que o satélite so funcionaba e enviaba datos na parte iluminada da súa órbita. En decembro de 1966 quedaban so seis experimentos funcionando e en abril de 1967 fallou a grabadora de datos, podéndose procesar só un terzo dos datos gardados. O satélite foi posto fóra de servizo o 1 de novembro de 1967 e reactivado durante dúas semanas en febreiro de 1968 antes de ser apagado permanentemente.[1][2]
OGO 3
editarOGO 3, cunha masa de 515 kg, foi lanzado o 7 de xuño de 1966 mediante un Atlas-Agena B. O seu sistema de control de actitude fallou o 23 de xullo de 1966, co que o satélite púxose en modo de rotación. Levaba a bordo 21 experimentos, dos cales 13 eran para o estudo de partículas, dous para o estudo de campos magnéticos e o resto para investigar o po interplanetario, as ondas VLF, a luz Lyman-alfa, o gegenschein, a composición atmosférica e para facer radioastronomía. Foi posto fóra de servizo o 29 de febreiro de 1972.[1][2]
OGO 4
editarOGO 4 usou un Thor Agena D para chegar á súa órbita de 411 x 903 km de altura o 28 de xullo de 1967. O seu obxectivo principal era estudar a interrelación entre as auroras e as emisións luminosas atmosféricas, a actividade das partículas enerxéticas, a variación do campo magnético terrestre, a ionización ionosférica e a recombinación, e o quecemento atmosférico que ten lugar en períodos de elevada actividade solar. O satélite tivo problemas co control de actitude unha vez en órbita que foron resoltos polo control de terra ata o fallo das grabadoras de a bordo a mediados de xaneiro de 1969, o que imposibilitou seguir tendo baixo control o satélite, polo que foi posto nun modo de rotación. O satélite foi apagado o 23 de outubro de 1969 para ser reactivado durante dous meses en xaneiro de 1970.[1][2]
OGO 5
editarOGO 5 voou a bordo dun Atlas-Agena D ata a súa órbita o 4 de marzo de 1968. Levaba a bordo 25 experimentos, 17 deles para o estudo de partículas, dous para o estudo dos campos magnéticos e o resto para diversos outros estudos. O control de actitude do satélite fallou o 6 de agosto de 1971, tras 41 meses de funcionamento. O satélite foi desactivado completamente en xullo de 1972.[1][2]
OGO 6
editarOGO 6 foi lanzado o 5 de xuño de 1969 a bordo dun Thor Agena D. Foi o último e máis masivo satélite da serie, con 632 kg. A súa misión principal foi estudar as interrelacións entre diversos fenómenos a diferentes latitudes e alturas nun período de actividade solar elevada. O satélite foi apagado en marzo de 1972.[1][2]
Historial de lanzamentos
editarMisión[1][2] | Data de lanzamento[1][2] | Foguete lanzador[1][2] | Notas[1][2] |
---|---|---|---|
OGO 1 | 5 de setembro de 1964 | Atlas-Agena B | Éxito |
OGO 2 | 14 de outubro de 1965 | Thor Agena D | Éxito |
OGO 3 | 7 de xuño de 1966 | Atlas-Agena B | Éxito |
OGO 4 | 28 de xullo de 1967 | Thor Agena D | Éxito |
OGO 5 | 4 de marzo de 1968 | Atlas-Agena D | Éxito |
OGO 6 | 5 de xuño de 1969 | Thor Agena D | Éxito |
Notas
editar- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 Mark Wade (2020). "OGO" (en inglés). Consultado o 17 de novembro de 2020.
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "OGO 1, 2, 3, 4, 5, 6 (EGO 1, 2, 3 / POGO 1, 2, 3)" (en inglés). Consultado o 17 de novembro de 2020.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Orbiting Geophysical Observatory |