Roberto Nóvoa

médico galego
(Redirección desde «Novoa Santos»)

Roberto Nóvoa Santos, nado na Coruña o 6 de xullo de 1885 e finado en Santiago de Compostela o 9 de decembro de 1933, foi un médico galego. Salientou, con colegas como Juan Madinabeitia, Teófilo Hernando, Gregorio Marañón, Carlos Jiménez Díaz, na modernización do ensino e a práctica da medicina en España nas primeiras décadas do século XX.

Infotaula de personaRoberto Nóvoa

Editar o valor em Wikidata
Nome orixinal(es) Roberto Nóvoa Santos Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento6 de xullo de 1885 Editar o valor em Wikidata
A Coruña, España Editar o valor em Wikidata
Morte9 de decembro de 1933 Editar o valor em Wikidata (48 anos)
Santiago de Compostela, España Editar o valor em Wikidata
Causa da morteMorte natural Editar o valor em Wikidata (Cancro Editar o valor em Wikidata)
Lugar de sepulturacemiterio de Boisaca Editar o valor em Wikidata
Deputado nas Cortes republicanas
20 de xullo de 1931 – 9 de outubro de 1933

Circunscrición electoral: A Coruña
Deputado no Congreso dos Deputados
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Santiago de Compostela Editar o valor em Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Madrid Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónmédico , político , catedrático Editar o valor em Wikidata
EmpregadorUniversidade Complutense de Madrid Editar o valor em Wikidata
Membro de
AlumnosPedro Pena Pérez Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua galega e lingua castelá Editar o valor em Wikidata

Dialnet: 1653975

Traxectoria editar

 
Vodas de prata da promoción de Medicina de 1907.

Ingresou na Universidade de Santiago de Compostela en setembro de 1900, onde cursou brillantemente a licenciatura en Medicina, que obtivo en xuño de 1907. Finalizada a carreira foi axudante do profesor Ramón Varela de la Iglesia na cátedra de Fisioloxía. Posteriormente deixou a institución, instalando a consulta privada en Ferrol e, despois, na súa cidade natal, A Coruña. En 1911 reintegrouse na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago como interino de Patoloxía xeral, gaña a praza de auxiliar ese ano e oposita e acada a cátedra ao ano seguinte. Acode, cunha bolsa da Xunta para Ampliación de Estudos a completar a súa formación en diversos laboratorios europeos, salientando a estancia na Clínica Médica da Universidade de Estrasburgo, na que traballou con Karel Frederik Wenckebach e León Blum. Roberto Nóvoa tiña un perfil singular entre o profesorado da Universidade e as súas ideas non eran ben acollidas polos sectores conservadores.

Anarquista na mocidade, sufriu un forte ataque do clero compostelán a raíz do discurso que pronunciou na inauguración do curso académico 1920-1921, El problema del Mundo Interior. En 1928 gañou as oposicións á cátedra de Patoloxía na Universidade de Madrid, un traslado no que tivo moito que ver o malestar con que se atopaba na Facultade de Medicina compostelá. Tivo sona de ser un excelente docente, os alumnos destacan a súa atención á formación clínica. Foi creador dun equipo de investigación. Desde a cátedra madrileña atraería unha gran cantidade de estudantado galego para rematar a súa formación.

O Manual de Patología general editar

Nas Facultades de Medicina de España, na segunda parte do século XIX, a posición maioritaria era a favorable ao denominado eclecticismo médico, que baixo a aparencia de ecuanimidade, era un atranco ás innovacións. Esa situación tamén se plasmaba no ámbito da Patoloxía xeral.

Nese contexto, Nóvoa vai ser un elemento clave na renovación da Patoloxía xeral en Galicia e en España, pois o seu Manual de patoloxía xeral permitiu que chegase ás aulas universitarias o pensamento fisiopatolóxico ao máis alto nivel científico da época. A primeira edición apareceu en tres tomos, entre 1916 e 1919. A obra, que tivo un notable impacto, alcanzou seis edicións, a última, en 1934, editada con posterioridade á morte do seu autor.

Nóvoa utilizou unha linguaxe accesible e ofreceu unha brillante síntese. Partía de considerar, en sintonía co enfoque fisiopatolóxico, o organismo como un conxunto no que as actividades fisiolóxicas oscilan dentro de límites bastante amplos grazas á capacidade de adaptación. A enfermidade era entendida como un proceso que expresa a falta de adaptación; concepción que superaba a visión lesional, afirmando que a localización de síntomas non sempre garda relación co asento da enfermidade. A continuación estudaba os sistemas e aparatos no seu funcionalismo alterado, nunha visión global que inclúe, como novidade en España, os procesos psicopatolóxicos e a difusión da obra de Sigmund Freud.

Outras contribucións científicas editar

 
Busto na Facultade de Medicina de Santiago.

Nóvoa despregou unha intensa actividade. Publicou preto de trescentos traballos, manifestando un especial interese pola difusión dos coñecementos médicos, o que concretaba na publicación de numerosos artigos divulgativos e conferencias. Participou en obras relevantes, como a Medicina interna de Hernando & Marañón, 1916-1920. Ademais, foi membro do equipo de dirección da revista Archivos de Endocrinología y Nutrición, fundada por Marañón, en compañía de Houssay e Augusto Pi e Suñer. Dirixiu Galicia médica e participou en varias revistas de divulgación científica e na potenciación de foros médicos.

As súas principais contribucións, segundo García Sabell, son as seguintes:

  1. A súa clasificación das enfermidades do fígado, dunha claridade meridiana, na que brilla o talento sistematizador do clínico galego.
  2. O seu concepto da diabetes muscular.
  3. O estudo e valoración dos reflexos tónico-postulares.
  4. A descrición dun cadro clínico especial, a <acroeritosis parestésica>, que mereceu a atención e consideración dos grandes neurólogos da época.
  5. O estudo das influencias sicoxenéticas ou, como a el lle gustaba dicir, sicoxénicas, sobre a actividade do sistema neurovexetativo, sobre o metabolismo e sobre as funcións viscerais.
  6. A posibilidade de diagnosticar a hidatidose pola reacción mediante o antíxeno hidatídico[1]

Un dos seus temas preferidos de investigación foi a diabetes. Na memoria dedicada a estudar esa cuestión[2] detállanse os logros alcanzados, entre os que figuran o papel de precursor do actual tratamento da diabetes con incretinas e o descubrimento da función hipoglucemiante da secretina.

Intervención no debate feminista editar

A historia do antifeminismo é longa e está enchida de testemuños procedentes de diferentes ideoloxías. Os libros misóxinos do médico e psiquiatra alemán Paul Julius Moebius, A inferioridade mental da muller e do filósofo austríaco Otto Weininger, Sexo e carácter, resultaron moi populares en medios progresistas, de feito, as dificultades para unha crítica ás teorías da inferioridade feminina nese ámbito ideolóxico foron enormes[3]. Entre médicos positivistas xurdiu un antifeminismo "con base científica". Nese grupo debemos situar as intervencións de Nóvoa. As súas dúas principais publicacións sobre o tema son: La Indigencia espiritual del sexo feminino. Las pruebas anatómicas, fisiológicas y psicológicas de la pobreza mental de la mujer. Su explicación biológica (1908) e La mujer, nuestro sexto sentido y otros esbozos (1929). En ambas as dúas pretende xustificar con razóns biolóxicas a inferioridade da muller e o seu papel subordinado ao home. Outros colegas de Nóvoa participaron no debate e, en xeral, coa excepción de Santiago Ramón y Cajal, coincidiron no básico coas súas formulacións. Así aconteceu con José Gómez Ocaña e Gregorio Marañón y Posadillo. Nóvoa sintoniza con ese machismo dominante entre importantes sectores da intelectualidade e comunidade científica española. Non obstante, no terreo práctico apoiou mulleres no seu ámbito e equipo, promovéndoas nas súas carreiras profesionais, como aconteceu no caso paradigmático das irmás Elisa e Jimena Fernández de la Vega. Por outra parte, Nóvoa afrontou este e outros temas complexos dende a autenticidade e a coherencia. Estaba convencido de que a ciencia xustificaba unha diferenza radical entre os sexos, do mesmo modo que noutras áreas defendeu con vehemencia posicións heterodoxas.

Publicacións sobre outros temas editar

O activo e polifacético Nóvoa prestou a súa atención a moi variadas cuestións, mostrando unha especial preocupación pola relación entre a alma e o corpo e a morte. Sobre o primeiro asunto destaca o seu discurso académico, El Problema del Mundo Interior (1920) e a publicación Physis y Psyquis (1922). Tratou a segunda cuestión en El instinto de la muerte (1927) e La Inmortalidad y los origenes del sexo (1931). A súa obra relacionada coa psicoloxía foi estudada por Fernández Teijeiro, 1997, quen afirma que "Sin pretender ser un psicólogo, ni desarrollar una teoría psicológica, el análisis y síntesis de su obra nos ha permitido encontrar algunas interesantes aportaciones a la psicología y ciencias afines, desde la neurología, la antropología, la sexualidad y la propia psicología cientifica, que en su época se encontraba en un prometedor desarrollo en nuestro país".[4]

Aínda que Nóvoa afirmaba que as súas formulacións nestas cuestións non sairían do ámbito científico, "es un patólogo profesional quien escribe, y huelga advertir que va a intentar divisar el turbio panorama desde su atalaya biológica"[5], o certo é que incorría en numerosas especulacións.

Participación en política editar

Na súa xuventude universitaria identificouse coa ideoloxía anarquista e publicou numerosos artigos en revistas desa tendencia, asinando como Pedro Novoakow ou como Max.[6]

No terreo da política institucional, en 1924 foi nomeado deputado polo distrito de Santiago-Padrón na Deputación provincial de Coruña. Dende ese posto realizou a proposta de integrar o Hospital provincial na Facultade de Medicina da Universidade galega, cuestión que provocou un debate social.

Na II República sería deputado representando a Federación Republicana Gallega. Nas Cortes defendeu unha república integral, unitaria, que ao mesmo tempo recoñecese as autonomías e interveu en contra da concesión do dereito ao voto ás mulleres.

Obra editar

  • La Indigencia espiritual del sexo femenino. Las pruebas anatómicas, fisiológicas y psicológicas de la pobreza mental de la mujer. Su explicación biológica. Valencia, 1908.
  • Alcance y sistematización de las cromorreacciones de losalbuminoides. Santiago, 1911.
  • Manual de Patología General. Santiago de Compostela, 3 tomos, 1916-1919
  • El problema del Mundo Interior. Santiago, 1920.
  • Sistema linfático y sistema nervioso vegetativo. Santiago, 1919.
  • Tratamiento de la diabetes mellitus. Madrid, 1920.
  • Physis y Psyquis. Santiago de Compostela, 1922.
  • Estudios sobre la asimetría funcional del sistema nervioso. Santiago de Compostela, 1926.
  • El Instinto de la muerte. Madrid, 1927.
  • La mujer, nuestro sexto sentido y otros esbozos. Madrid, 1928.
  • Diabetes espuria y diabetes genuina. Madrid, 1930
  • Cuerpo y espíritu. Madrid, 1930
  • La inmortalidad y los orígenes del sexo (Una inquisición biológica). Madrid, 1931.
  • Patografía de Santa Teresa y el Instinto de la Muerte. Madrid, 1932.
  • El advenimiento del hombre y otras conferencias. Madrid, 1933.

Notas editar

  1. García Sabell, D. (1974): Roberto Nóvoa Santos. Gran Enciclopedia Gallega.
  2. La Diabetes Mellitus en la época y en la obra de Roberto Nóvoa Santos. Ponte Hernando, 2011.
  3. Aresti, Nerea (2001): Médicos, donjuanes y mujeres modernas: los ideales de feminidad y masculinidad en el primer tercio del siglo XX.
  4. Fernández Teijeiro, 1997: La obra psicológica de Nóvoa Santos, p. 278.
  5. Nóvoa Santos, 1931, La inmortalidad y los orígenes del sexo, p. 9-10.
  6. Ponte Hernando, F. & Valle-Inclán de, J. (2011): Roberto Nóvoa Santos. Las primeras páginas.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar