O Northrop F-5 é unha familia de cazas lixeiros supersónicos deseñada inicialmente como un proxecto financiado de forma privada a finais dos anos 50 por Northrop Corporation. Hai dous modelos principais, as variantes F-5A e F-5B Freedom Fighter orixinais, e as variantes amplamente actualizadas F-5E e F-5F Tiger II. O equipo de deseño elaborou ún caza pequeno e aerodinámico ao redor de dous motores compactos e de gran potencia General Electric J85, centrándose no rendemento e nun mantemento barato. Máis pequeno e sinxelo que contemporáneos como o McDonnell Douglas F-4 Phantom II, o F-5 é máis barato de mercar e operar, facendo del un popular avión de exportación. Aínda que foi deseñado principalmente para o rol de superioridade aérea diúrna, o avión tamén é unha capaz plataforma de ataque a terra. O F-5A entrou en servizo a principios dos anos 60. Durante a guerra fría fabricáronse máis de 800 unidades ata 1972 para os aliados dos Estados Unidos. Aínda que nesa época a USAF non necesitaba un caza lixeiro, mercou uns 1 200 adestradores Northrop T-38 Talon, baseados no deseño do caza N-156.

Northrop F-5
Tipocaza lixeiro
FabricanteNorthrop Corporation
Primeiro vooF-5A: 30 de xullo de 1959
F-5E: 11 de agosto de 1972
Introducido1962
Estadoen servizo
Principais usuariosArmada dos Estados Unidos
Forza Aérea de Taiwán
Forza Aérea de Corea do Sur
Forza Aérea de Irán
Produción1959 - 1987
Unidades construídasA/B/C: 847
E/F: 1,399

Tras gañar a Competición Internacional de Avións de Combate en 1970, un programa co obxectivo de proporcionar cazas efectivos de baixo custo a aliados estadounidenses, Northrop introduciu o F-5E Tiger II de segunda xeración en 1972. Esta actualización incluía motores máis potentes, máis capacidade de combustible, unha maior área de á é extensións do bordo de ataque melloradas para mellores taxas de xiro, repostaxe en voo opcional, e aviónica mellorada que incluía un radar aire-aire. Principalmente usado por aliados dos Estados Unidos, tamén opera neste país para apoiar os exercicios de adestramento. Operou nunha ampla gama de roles, sendo capaz de realizar tarefas de ataque tanto contra obxectivos no aire como en terra, e foi amplamente utilizado na guerra de Vietnam.[1] Fabricáronse un total de 1 400 Tiger II antes de que a produción rematase en 1987. Máis de 3 800 F-5 e os relacionados adestradores T-38 foron producidos en Hawthorne, California. As variantes F-5N/F están en servizo coa Armada dos Estados Unidos e o Corpo de Marines como adestradores adversarios.[2] Máis de 400 avións estaban aínda en servizo en 2021.[3]

O F-5 tamén foi desenvolvido nunha versión de recoñecemento dedicada, o RF-5 Tigereye. O F-5 tamén serviu como punto de inicio para unha serie de estudos de deseño que resultaron nos cazas navais Northrop YF-17 e F/A-18. O Northrop F-20 Tigershark foi unha variante avanzada que sucedeu ao F-5E que finalmente foi cancelada cando non apareceron clientes de exportación.

Notas editar

  1. "Northrop F-5E/F Tiger II in Service with Vietnam". web.archive.org. 2015-12-22. Archived from the original on 22 de decembro de 2015. Consultado o 2022-04-19. 
  2. "The US Navy -- Fact File". web.archive.org. 2008-03-07. Archived from the original on 07 de marzo de 2008. Consultado o 2022-04-19. 
  3. Hoyle, Flight International, 2021, p. 10