Norberto Amaro
Antonio Norberto Amaro Domínguez, alcumado Chato, nado na Coruña o 27 de decembro de 1927 e finado en Cartaxena o 1 de xaneiro de 2009, foi un futbolista galego que xogaba como dianteiro. Militou en varios clubs da Primeira, Segunda e Terceira División, marcando máis dun cento de goles. Foi tío do histórico centrocampista Amancio Amaro.
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 27 de decembro de 1927 A Coruña, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 1 de xaneiro de 2009 (81 anos) Cartaxena, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Traxectoria
editarComezou a xogar ao fútbol en clubs coruñeses modestos como o Atocha ou o Deportivo Candá, empezando a ser coñecido como "Chato" pola forma do seu nariz.[1][2] No Candá tivo como adestrador ao atleta Roberto Rodríguez-Ozores, que modificou a súa posición de medio ala á de dianteiro centro, onde axiña comezou a destacar, e con este club conquistou a Copa da Coruña, derrotando na final ao Liceo de Monelos. En abril de 1946 participou xunto ao sadense Paseiro nun partido de adestramento entre o Xuvenil e o Deportivo da Coruña, e aínda que inicialmente se publicou na prensa a súa fichaxe polo Xuvenil, acabou disputando a tempada 1946/47 nas filas do Lemos, na Terceira División.[3]
O seu espléndido rendemento en Monforte propiciou a súa fichaxe polo Deportivo da Coruña en maio de 1947.[4] Debutou nun partido da Copa Federación Galega ante o Pontevedra, formando dianteira xunto a Marquínez, Fernández Otero, Carlitos e López Vázquez.[5] Disputou outro partido máis da Copa e outros dous da Segunda División, marcando dous goles no último deles, unha goleada por 7-0 sobre o Castellón en Riazor. Ao remate da campaña o equipo acabou logrando o ascenso á Primeira División.[6]
Na tempada 1948/49 militou por primeira vez no Cartagena, por aquel entón na Primeira Rexional, e ao ano seguinte o adestrador vasco Cuqui Bienzobas levouno á Orensana, da Segunda Divisón, xunto ao outros xogadores coruñeses como Docampo, Maristany ou Díez. Despois dunha campaña en Ourense, onde conseguiu anotar 11 goles, volveu ao Cartagena, co que militou dous anos en Segunda. Na tempada 1952/53 xogou no Murcia, marcando 16 goles, antes de recalar no Granada. Con todo, no seu sexto partido co club andaluz, fixo honra á súa fama de xogador duro e partiulle o fémur ao centrocampista do Málaga Serrano, acción pola que recibiu unha sanción de dous anos sen xogar.[7] Pouco despois, o dianteiro internacional Zarra intercedeu por el diante da Federación e foille retirado o castigo.[6]
En 1954 fichou polo Hércules, que viña de renovar case completamente o seu cadro de xogadores, incorporando a numerosas caras novas, entre elas as de varios galegos máis como Pazos, Seoane, Mekerle ou Picho Suárez. Debutou na Primeira División nun partido ante un dos seus antigos equipos, o Deportivo da Coruña, no estadio de Riazor, formando na dianteira xunto a Mekerle, Belló, Xirau e Armengol, e foi o autor do único gol do seu equipo, que perdeu por 2-1.[8] Marcou outro gol na segunda xornada, pero a continuación disputou só 3 partidos máis, ata que foi sancionado polo seu club por falta de vontade.[9]
Despois dunha campaña no Eldense e outra no Xerez, en 1957 volveu de novo ao Cartagena, onde xogou durante unha tempada antes de pasar outra vez polo Hércules. Fo o máximo goleador do equipo alacantino, pero non puido evitar o descenso á Terceira División. A continuación iniciou a súa cuarta e derradeira etapa no Cartagena, onde acabou por convertese nunha figura histórica do club.[6][10] Unha das súas accións máis célebres no equipo cartaxeneiro sucedeu nun partido ante o Atlético de Ceuta no que marcou un gol cun forte disparo que rachou a rede da portería, anulando o árbitro o tanto. Ademais foi quen de marcar seis goles nun mesmo partido oficial ante o Almansa.[11] Compartiu equipo co histórico Carriega e en 1961 conseguiu o ascenso a Segunda.[6]
Trala súa retirada continuou vivindo en Cartaxena e rexentou durante 14 anos un secadoiro de salgadura en La Palma, ademais de adestrar a varios equipos en categorías rexionais.[6] Faleceu na cidade murciana o 1 de xaneiro de 2009, aos 81 anos de idade.[12]
Vida persoal
editarEra fillo de Amancio Amaro Iglesias e Antonia Domínguez Salinas e tiña cinco irmáns: Amancio, Juan, Isabel, e Julio.[13] Foi tío do histórico centrocampista Amancio Amaro, considerado un dos mellores futbolistas galegos de todos os tempos.[12]
Notas
editar- ↑ "El Deportivo Candá campeón de Segunda División de Modestos". El Ideal Gallego (en castelán) (8993). 14 de maio de 1946. p. 6. Consultado o 20 de outubro de 2024.
- ↑ "Amaro tiene 19 años... y muchas ganas de jugar". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de outubro de 1947. p. 5.
- ↑ "El Club Lemos ante la próxima temporada". El Progreso (en castelán) (12037). 18 de agosto de 1946. p. 2. Consultado o 20 de outubro de 2024.
- ↑ "Dos nuevos jugadores para el Deportivo". El Progreso (en castelán) (12364). 15 de maio de 1947. p. 4. Consultado o 20 de outubro de 2024.
- ↑ "El Deportivo venció en Pontevedra por dos a uno". El Ideal Gallego (en castelán) (9226). 10 de xuño de 1947. p. 6. Consultado o 20 de outubro de 2024.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 "Cinco años sin el legendario 'Chato' Norberto Amaro" (en castelán). 10 de xaneiro de 2014. Consultado o 20 de outubro de 2024.
- ↑ "Amaro, del Granada F. C. suspendido por dos años". El Progreso (en castelán) (14420). 11 de decembro de 1953. p. 3. Consultado o 20 de outubro de 2024.
- ↑ "Primer triunfo del Deportivo en Riazor". El Ideal Gallego (en castelán) (11660). 14 de setembro de 1954. p. 5. Consultado o 20 de outubro de 2024.
- ↑ "Cómo ve Henry la VIII jornada". La Noche (en castelán) (10504). 29 de outubro de 1954. p. 5. Consultado o 20 de outubro de 2024.
- ↑ "¡¡¡Norberto!!!" (en castelán). 12 de novembro de 2015. Consultado o 20 de outubro de 2024.
- ↑ Bravo Mayor, Luis Javier; Vicente Olmos, José (1 de maio de 2017). "El desconocido record de Moleiro y Vergara". Cuadernos de Fútbol (en castelán) (87). ISSN 1989-6379. Consultado o 20 de outubro de 2024.
- ↑ 12,0 12,1 "Fallece Norberto Amaro, ex jugador blanquiazul y tío de Amancio". La Voz de Galicia (en castelán). 4 de xaneiro de 2009. Consultado o 20 de outubro de 2024.
- ↑ "Amancio Amaro Iglesias". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de setembro de 1962. p. 7.